Rodri Suárez, autor de Galicia Reducida.

Rodri Suárez, autor de Galicia Reducida. Quincemil

Galicia

Rodri Suárez, escritor: "Moita xente segue pensando que ser urbanita é ser mal galego"

‘Galicia reducida’ abre o debate sobre o "abandono" da Xunta a cidades como Vigo e A Coruña e a necesidade de mudar o "marco cultural "para parar de limitar a imaxe de Galicia a unha comunidade rural e abandoada"

6 abril, 2024 05:00

Rodri Suárez naceu en 1974 en Fisterra, aínda que declárase CTV (Coruñés de Toda la Vida). Fai moito tempo que abrazou a súa faceta máis urbanita e agora non a solta, pasou a formar parte do seu discurso e análise político. "O Halo de Vigo é tan política galega como o que faga a Xunta en calquera localidade rural", chega a asegurar. É xornalista, asesor político e, agora, tamén escritor. O seu ensaio Galicia reducida: critica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego loce nos estantes das librarías de Galicia dende febreiro de 2024.

Nas redes sociais, onde Rodri é moi activo (@RodriSurez1), o seu libro foi fonte de debate para moitos usuarios. Porén, as súas reflexións traspasaron, obviamente, máis aló das redes sociais. Con todo, no tomo non agocha que X —anteriormente Twitter— foi unha fonte grande de inspiración á hora de formular o seu ensaio: "Ademais da lameira podre, depósito de frustracións e indutor á posesión demoníaca, a rede social Twitter, agora X, tamén é un fantástico lugar de debate, coñecemento e ideas", é a primeira frase do ensaio.

En Galicia reducida Suárez afonda no que é o "marco cultural conservador" que, segundo defende, inflúe na autoconcepción da autonomía. Ao longo da lectura o xornalista coruñés propón rachar coa Galicia de Castelao e abrazar a actual: abandonar o "árbore, vaca, peixe" e defender o "téxtil, automoción e tecnoloxía". E, para iso, asegura que é fundamental pór as cidades no centro, especialmente A Coruña e Vigo, e descentralizar Santiago de Compostela.

Que é Galicia?

Galicia é unha nacionalidade histórica segundo a Constitución e segundo o Estatuto de Autonomía.

Que é o que caracteriza a Galicia aos seus ollos?

O que caracteriza a Galicia agora mesmo é que é un territorio totalmente occidental, moderno e próspero da Europa Occidental, pero no cal a maioría dos seus habitantes, impulsados por certa cultura política e académica, consideran que o seu país non é iso.

Galicia é un país cun potencial enorme en cuestións como a moda, pero a imaxe que se nos da e aceptamos os propios galegos fala dun país rural, atrasado e adicado ao agro e á pesca. Hoxe en día hai máis xente en Galicia traballando en tecnoloxía que na pesca, co cal penso que os galegos reducimos a nosa propia imaxe do que é Galicia.

"Os galegos reducimos a nosa propia imaxe do que é Galicia"

Rodri Suárez

Logo, os galegos están desconectados da realidade da súa comunidade?

Non hai unha desconexión coa realidade, pero si que empregamos demasiado instrumentos que xa non valen. Importantes formacións políticas, académicos e persoeiros seguen pensando Galicia coas coordenadas que empregaba Castelao hai máis dun século. Obviamente Galicia xa non ten nada que ver co que era hai un século. Galicia é un país plenamente urbano e desenvolvido.

Eu chamo antiprogresistas ás posicións que defenden que a Galicia o que lle convén é volver a ser un país agrario centrado no sector primario. Somos unha potencia tecnolóxica, podemos ser unha potencia en industrias renovables, somos una potencia cultural… Pero, incríblemente, seguimos pensando en Galicia como un lugar periférico.

O eixo central o seu libro Galicia reducida: unha crítica ao marco conservador é unha crítica ao marco cultural de Galicia, entendendo este como a forma na que os galegos ven a Galicia. No tomo é especialmente crítico coas forzas progresistas que non foron quen de rachar tal marco. É falta de perspectiva, falta de ambición ou directamente inmobilismo?

Débese a que se chaman progresistas, pero non o son de todo. Basicamente porque os progresistas tamén progresan na doutrina. Aquí hai forzas no nacionalismo galego, pero que tamén teñen influencia na esquerda que non é nacionalista, que consideran unha deslealdade asumir a Galicia actual.

Cando o BNG promete o cargo cun exemplar de Sempre en Galiza de Castelao, está mandando unha mensaxe moi clara que é: esa é a nosa "Biblia". O que pasa é que esa "Biblia" fala dun país que xa non existe. Castelao falaba de que o noso gran potencial estaba na Santísima Trindade da vaca, do peixe e da árbore, pero agora mesmo somos tecnoloxía, automoción e moda.

Esa mirada política trasládase a percepción que ten a cidadanía de Galicia?

Si. Tradúcese no xeito que proclama unhas prioridades pouco pensadas. Un exemplo son os eólicos. Esta esquerda á que eu lle chamo esquerda conservadora, levados por certa mística de antigas mobilizacións, non fan a reflexión sobre o importante que é a enerxía eólica e a potencialidade que ten Galicia como potencia enerxética na transición verde. Caen na mitificación do rural.

"A esquerda conservadora cae na mitificación do rural"

Rodri Suárez

No libro vostede cita a Murado ao asegura que "Galicia constrúese máis dende a poética que dende a política".

En 2024 a ideoloxía do século XIX, como é o Romanticismo, segue tendo un peso innegable na visión de Galicia. E niso tamén participa a dereita. Hai dous extremos que conectan nese conservadorismo de ver Galicia como algo intocable no rural e á que lle importa pouquísimo o que pasa nas zonas urbanas.

No caso da esquerda hai unha curiosidade moi grande. Sempre recorre a ese imaxinario rural, a pesar de que os seus votos son basicamente votos urbanos. Cando o BNG gaña en Vigo gaña nunha poboación que no seu imaxinario é o abandono do galego, abandono da horta…

Porén, hai unha cidade que no seu libro expón que non esta esquecida. Todo o contrario, indica que grazas a ese conservadorismo tornouse en algo moito máis relevante. Falamos de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela ofrecía unha imaxe de Galicia que non podía ofrecer nin o proletario Vigo nin a modernista A Coruña. Santiago ofrecía unha imaxe tradicional, católica e mesmo aldeá. Por iso algúns puxeron tanto interese en crear unha capitalidade tan concentrada.

No imaxinario do autogoberno galego as principais cidades, Vigo e A Coruña, foron expulsadas. Iso tivo a súa resposta: cando Paco Vázquez e Abel Cabellero arrasan nas urnas con modelos localistas o que están facendo é aproveitarse do abandono que fixo a autonomía galega desas cidades.

"Cando Paco Vázquez e Abel Caballero arrasan nas urnas con modelos localistas o que están facendo é aproveitarse do abandono da Xunta"

Rodri Suárez

Tería sido diferente a realidade de Galicia se, por exemplo, A Coruña gañara esa poxa pola capitalidade?

Había a posibilidade dunha repartición de sedes na que Vigo tamén entraría, pero se preferiu concentrar a capitalidade porque o contexto que se lle buscaba á autonomía era o que estaba en Compostela.

Sería diferente? Dende logo. A Coruña e Vigo teñen unha personalidade moi diferente á de Compostela e Galicia estaría máis representada do que está agora. O imaxinario de Galicia segue a ser o rural e a Catedral de Santiago, pero Galicia é Inditex, Citroën… Hai moitas Galicias, pero estamos sometidos a unha en concreto.

No libro expón un razoamento que levantou críticas na sociedade galega, asegura que A Coruña e Vigo están esquecidas pola Xunta a nivel político, pero tamén no plano dos servizos, turismo, economía… Están as cidades máis abandonadas que o rural?

Obviamente as cidades non están máis abandonadas que o rural. O foco hai que poñelo na Xunta. Parece que A Coruña vive de Inditex e que Vigo vive de Citroën. Santiago vive da Xunta de Galicia, é a primeira gran empresa da cidade. Como cidade a gran beneficiada da autonomía é Santiago de Compostela.

"Santiago vive da Xunta de Galicia, é a primeira gran empresa da cidade"

Rodri Suárez

No ensaio destaca algo visible: en Galicia as eleccións locais e xerais, son un caso aparte das autonómicas. Nestas últimas a dereita volveu superar á esquerda. Así o leva facendo cinco lexislaturas. No libro tómase como un dos motivos desas vitorias do PPdG a desmobilización, pero nestes comicios a participación electoral rozou teitos históricos.

Aumentou a participación respecto das anteriores autonómicas pero non das xerais. Hai votos de esquerda nas eleccións xerais, sobre todo en núcleos urbanos, que desaparecen nas autonómicas. Que leva a esa xente a absterse nas galegas? Simplemente que teñen a sensación de que non se toman decisións que lles afecten.

A presenza da Xunta en A Coruña y Vigo é un pouco fantasmal. Non ten a presenza que debería ter. En Santiago ocorre todo o contrario. Nas cidades non temos a sensación de que a Xunta estea presente na vida diaria e iso provoca abstención porque non motiva. Iso o que máis prexudica é á esquerda.

No caso das últimas eleccións autonómicas, que a subida da participación non fixera gañar a esquerda ten que ver con que a dereita mobilizouse moitísimo ante a hipotética posibilidade de que gobernase o BNG. Estou seguro de que se o que liderase a oposición fose o PSdeG non crearía tanto medo e reacción.

A esquerda tivo grandes apoios nas cidades. Concretamente en Vigo e A Coruña, cidades nas que se centra no libro. En Vigo o BNG  foi a forza máis votada e en A Coruña o conxunto de esquerdas tamén superou ao PP. Malia isto, segue sen ser suficiente para mudar o Goberno.

Aumenta, pero se comparas con outras eleccións fáltalle. A política municipal, estatal e incluso europea é tan política galega como a autonómica, pero aquí temos a sensación de que só a política autonómica pode chamarse galega. Incluso nos propios partidos boto en falta que presuman das cousas que fan nas cidades. Penso que hai demasiado departamento estanco.

"Nas cidades non temos a sensación de que a Xunta este presente na vida diaria"

Rodri Suárez

Focalizándonos na campaña. O PP mantivo o seu storytelling pola vía da tradición e símbolos da comunidade. E o caso do autobús e das orquestras. O BNG apostou pola "ilusión" e un discurso moi social. Onde situaría o PSdeG?

Eu creo que o PP foi fraguista, o BNG posiblemente agochou as súas características tradicionais para vender o estilo Pontón e o PSdeG quedou no medio. Tivo problemas porque era o candidato menos coñecido e apenas tivo tempo, pero posiblemente o PSdeG necesita facer unha reflexión sobre que Galicia quere contar, cal é o seu relato. As veces cae demasiado no marco conservador. Ten que ser o partido que defenda esa imaxe progresista, moderna, urbana… O PSdeG ten que defender unha Galicia industrializada.

É viable un cambio de Goberno en Galicia sen que tódolos partidos da esquerda muden os marcos? O BNG, segundo a súa resposta, o fixo. É unha tarefa pendente do PSdeG?

O BNG fíxoo como unha táctica electoral, quédalle moito camiño por recorrer para facer un cambio efectivo. O PSdeG é o partido que máis goberna no municipal e o municipal é política galega igual de importante que a autonómica. O Halo de Vigo é tan política galega como o que faga a Xunta en calquera localidade rural.

Segue pesando a idea de que as cousas das dúas grandes cidades son municipais e que as cousas galegas son as de Santiago e as do rural. O PSdeG debería facer ver que, do mesmo modo que ten un modelo de éxito na Coruña e Vigo, pode trasladalo ao autonómico.

Un exemplo: unha persoa que traballou toda a vida no ámbito municipal, totalmente urbanita e ligada ás vangardas culturais, presentouse ás eleccións galegas de deputada pola Coruña. As primeiras declaracións que lle lin foi falando da desaparición do rural e falando en termos tráxicos de Galicia, se unha persoa con ese perfil considera de forma subconsciente que ten que cambiar de discurso nese contexto, indica que cando se pasa do termo municipal ao autonómico hai un cambio de mirada e de rexistro. Parece que falar de A Coruña é unha cousa e falar de Galicia é outra.

"O Halo de Vigo é tan política galega como o que faga a Xunta en calquera localidade rural"

Rodri Suárez

Sempre se fala do complexo do rural fronte ao urbano. Os urbanitas tamén teñen complexos respecto ao rural?

A maioría absoluta dos urbanitas somos de fóra. Eu son urbanita e veño de Fisterra. Si que existe unha especie de sensación de pecado orixinal por non estar onde estivo a familia toda a vida. Iso existe moitísimo nos galegos e provoca certo reparo á hora de presentarse culturalmente e orgullosamente urbanita. É unha pena, o término CTV (Coruñés de Toda la Vida) hai que resignificalo. Eu son tan CTV coma calquera. Moita xente segue pensando que ser urbanita é ser mal galego.