As claves da poesía de cinco voces da literatura galega
A visión de Silvia Penas, Samuel Merino, Alba Doval, Branca Trigo e Nuria Vil
5 noviembre, 2023 05:00Apréndese a ser poeta ou vai dentro? Como de acubillada te sentes? É complicado conciliar esta labor co estado de ánimo?… A semana pasada traía as voces de cinco escritoras da narrativa galega e, xa que cómpre facer espazo para a poesía que non queda / que non quede atrás, velaquí deixo as palabras de cinco poetas que responderon con agarimo ás preguntas que eu deixei no aire pra que elas tivesen un fío do que tirar.
Silvia Penas
Poeta, performer e creadora. Ten publicadas as obras As uñas crecen (Sotelo Blanco, 2014), Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Fervenza, 2016), Fronteira paraíso (Urutau, 2019) e O resto é ceu (Urutau, 2021). Isto foi o que Silvia me deixou por escrito:
No meu caso, o achegamento á poesía xurdiu no inicio como xogo infantil, como un modo de encher a boca con ritmo e con palabras. A escoita de cantigas, panxoliñas e incluso das conversas familiares, levábanme ás veces a intentar facer colaxes de palabras, rimas… Posteriormente, decateime de que as artes relacionadas coa linguaxe verbal eran as que realmente me enchían e satisfacían. Así que estudei filoloxía e aí entrei en contacto con moitas persoas do medio poético, compañeiras e compañeiros cos que comecei a compartir recitais, intercambiar lecturas, pero sobre todo, vida. Unha faise poeta porque precisa dese máis alá, desas voces que murmuran paralelas ao cotián, pero distintas, que viven noutro plano, porque precisa que o mundo sexa máis, teña máis oco, máis cavidades. Compartir iso con compañeiras, foi o que me empurrou xa na xuventude a intentar escribir.
Ser poeta neste país e neste mundo é pertencer a unha minoría interesada en aspectos moi diferentes á maior parte da sociedade, e comprender que hai que traballar desde o pequeno e para poucas, pero confiar en que dese esa pequenez tamén se pode realizar un labor importante. Un labor que lle importe ás persoas, quizais non ao mundo, pero si ás persoas.
Eu non sei se se nace ou se constrúe este interese na escrita, nas artes escénicas… Pero si creo que pode que existan certos trazos de carácter que poden axudar a ter certa tendencia a relacionarse e comunicarse dunha determinada maneira, e desde esa tendencia, a experiencia, os encontros e os achádegos van construíndo. Ás veces tamén se dan coincidencias felices para que as cousas ocorran. No meu caso, eu son unha persoa moi obsesiva, todos os pensamentos que me acosan acabo materializándoos nalgunha acción escénica ou nun poema, e ese pensamento adoito relacionalo con lecturas e voces doutras, con experiencias, etc…
Síntome moi acubillada, é certo que sendo un país máis ou menos pequeno creo que debería haber máis intercambio entre diferentes localidades e incluso disciplinas para que ese acubillo fose aínda máis rede. De todos xeitos eu case sempre traballei e traballo en colaboración e colectividade e aí o acubillo é protector, morno, expandido e firme.
Conciliar o estado de ánimo coa exposición pública é quizais o meu cabalo de batalla. Saír a un palco cunha estepa interior converte a calor do público, inicialmente, en algo que parece inalcanzable. Pero esa comuñón que se produce, cando unha consegue superar o medo a que ese deserto interior sexa visto, dá a volta completa á situación. Esa intensidade é impagable. Acontece o mesmo coa poesía, o poema que lemos e nos estremece non cambia a circunstancia, pero consegue transformar, aínda que sexa por intre a paisaxe, coma unha especie de milagre.
Samuel Merino (Pompa&Boato)
Samuel publicou en castelán Enésima patada con amor (autoedición, 2019), Trementina (Talón de Aquiles, 2021) e Con esta hoz (Disbauxa, 2023) e en galego Guantanamera. Poema nun só acto (Urutau, 2021). Deixo por escrito a mensaxe de voz:
En canto a como se forma unha poeta, penso que depende en gran medida do que cadaquén fai pra conseguilo e depende tamén de quen nos le, nos considera e é capaz de ver o poético no que facemos. Diría que o que a min me fai poeta é partir dunha base de desconformidade, de non estar cómodo co que acontece… e iso enlaza coa pregunta de como é ser poeta neste mundo: síntome máis acollido do que nunca puiden imaxinar.
Diría que os elementos pra ser poeta son: non sentirse en pleno confort dentro dunha mesma e dentro do mundo que habita e ter a necesidade de buscar outros mundos posibles; de buscalos noutras poetas, noutras creadoras e noutras artes sabendo crear tamén un propio.
Sempre tiven gusto polo feito mecánico de escribir que non é o mesmo que o feito de expresarse a través da escrita. Sendo pequeno, pasei horas copiando contos, facendo caligrafías… Hai non moito, deume miña nai un caderno de pauta de cando eu estaba en 2º de EXB no cal fixera a copia dun poema cos temas que eu trato agora: árbores e certo pouso de tristeza.
En canto a pregunta de “el poeta se hace o se nace”, eu diría que hai algo de nacemento, impreso nos xenes… que ten que ver co carácter. Estou convencido de que hai certas propensións que van xa na xenética. E non digo que alguén naza con especial habilidade para recitar en público, pero igual si con certa tendencia á extraversión. Creo que iso é iso, sumado ás experiencias vitais e o ambiente en que se críe, o que vai dando forma. E despois sempre hai ese… como che diría… ese elemento azaroso sobre o que acabamos por ser nesta vida.
Diría que para ser poeta, e estenderíao a todo o resto das artes, hai que ter a capacidade de pensamento e a capacidade crítica para non cinguirse ao que nos dan feito e mastigado no mundo en que vivimos. Tamén, pra ser poeta, hai que ler moito a quen nos precede xa que levamos connosco toda esa bagaxe: hai un verso de Silvia Penas que di Hoxe pelexo comigo o meu saber ancestral.
Eu considero que unha é poeta cando hai un universo interior propio e diferenciable de calquera outro, cando hai unha voz propia. E para recitar é preciso ter amor por aquilo que fas e agradecemento e gratitude polo público que se abre a escoitarte e recibirte.
Con respecto a como se enfronta unha aos días cativos ante un público, pois hei dicir que, aínda habendo momentos complicados na vida, para min non houbo día cativo que logo non mellorase ao saír recitar. Creo que vai por aí a cousa… E para facelo dun xeito orgánico penso que o foco debe poñerse no público, no amor por el e enfocarse nos ollos de quen mira: ir mirando persoa a persoa, ós seus ollos…
Esta é a miña visión da poesía que eu vivo con tanta intensidade, ledicia e gratitude.
Alba Doval
Escritora e tradutora galega nada no 1996. Ten publicado o poemario Unidade (Rodolfo e Priscila, 2022) co que gañou o premio Díaz Jácome, e Poemas (Rinoceronte Editora, 2021), unha tradución da poesía de Chika Sawaga. Esta foi a súa resposta:
No meu caso, escribir sempre foi un proceso moi instintivo, pero lento. Instintivo porque desde pequena sempre tiven moita afección pola lectura (cousa que me inculcou meu pai) e pola escritura, xa que fun a mítica nena que se afanaba por escribir calquera cousa e levar diarios persoais de forma case militar. Supoño que pensaba que conservar os meus pensamentos tería un certo valor no futuro, aínda que só fose para min. Coido que o amor pola lectura é algo central para todos… e cando pasa iso sempre intentas ti, nalgún punto, emular o tipo de textos que máis che conmoven.
Tamén digo lento porque creo que entrei neste mundo un pouco máis tarde ca a media coñecida, pero tampouco me gusta pensar así porque cadaquén vai ao ritmo da súa propia vida.
Aínda que eu nunca me sentín moi poeta, penso que os que o son teñen unha responsabilidade monumental.
O papel do poeta leva sendo crucial desde os seus inicios, tanto pola súa repercusión a nivel social como instigador do pensamento crítico, como a nivel individual, como instigador dunha evolución persoal enormemente transcendental. O lector desprovese das súas barreiras e conviccións e introdúcese de cheo nunha mente espida, coas esperanzas postas no poeta; a responsabilidade que este ten cara o lector é imbuílo dunha comprensión máis primaria da realidade.
Síntome bastante acubillada pola propia comunidade de amigos e relacións que me permitiu crear a miña pequena publicación e o premio. A miña experiencia é que, se ben como xa comentei eu nunca le sentín moi poeta, os demais teñen os seus ánimos postos en min desde o minuto cero, e é, realmente, algo que agradezo moito e que me fai sentir arroupada.
Facer poesía se aprende ou se nace?
Hai uns anos fun a unhas xornadas na cidade da cultura, e nunha delas Chus Nogueira fixo unha pregunta similar, que penso que está bastante conectada coa primeira pregunta que me fixeches ti. Ela preguntou se pensabamos que o traballo do poeta vén dado coma por un don divino ou se hai traballo detrás.
Persoalmente, creo que hai unha sensibilidade especial que é común a todos os poetas e un amor incondicional á palabra escrita que axuda a ver o mundo desde perspectivas que para outros poden pasar desapercibidas. Con todo, o traballo é moito; non só de edición do propio texto para conferirlle a forma desexada, senón tamén de observación do mundo e de reflexión, que se combina con esa sensibilidade que mencionei para que o resultado sexa o esperado.
Branca Trigo
Escritora e editora galega nada no 1997. Ten publicadas as obras Coñecemento do medo (Malafera, 2021) e Con do lore (Urutau, 2022), codirixe a editorial Malafera xunto co seu compañeiro Alfredo e organiza, xunto con outres autores, o micro aberto Cerimonia de Gaivotas. Participou no volume A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 (Catroventos, 2023) e na antoloxía LGBTQIA+ Alguén nos lembrará (Xerais, 2023). Esta foi a súa resposta escrita:
Unha faise poeta escribindo, non hai outra maneira. Supoño que hai moitas formas de achegarse ao pensamento poético: hai quen comeza con diarios e anotacións ata que esta maraña se transforma en poema, hai quen comeza imitando as formas clásicas, compoñendo cancións, entrando desde outros xéneros literarios… Eu persoalmente si tomei a decisión consciente de sentarme e escribir poesía, e fágoo cada día. Coido que me empecei a considerar poeta cando o feito de escribir pasou a ser unha reacción en vez de un esforzo consciente. Cando reflexiono sobre un tema e sinto que hai pezas que me faltan, moitas veces chego a elas mediante as imaxes poéticas. Fíxenme poeta cando o poema pasou a ser a resposta en lugar da pregunta.
Sobre como é ser poeta, supoño que depende moito das pretensións que teñas, en canto ao que fas e á súa recepción. A min, persoalmente, aínda que son semi-profesional, non me gusta escribir pensando en se o texto vai ter unha boa recepción (a nivel comercial, refírome). Por iso me dedico tamén á edición, corrección, crítica… para que o feito de ter un prato na mesa non dependa da miña creación artística e esta non se vexa influenciada. Síntome acubillada porque o feito de situarme no extrarradio do sistema literario, no mundo da edición independente, fai que teña un público/lectorado máis reducido, pero conformado por amigues e xente que de corazón se interesa polo que fago.
En canto a facer poesía, recitar e performar digo que é aprendido, sen dúbida. Como en todo, hai xente que ten máis facilidade, e sempre hai partes que che son máis doadas que outras. A min por exemplo sempre se me deu ben establecer relacións inesperadas entre conceptos e, a parte de memorizar os textos, tamén. Despois para todo o performativo, o feito de poñerme nun escenario e darme a entender, necesitei moita máis práctica. Desde logo sigo aprendendo a día de hoxe tanto a escribir como a recitar. A poeta faise e séguese facendo sempre.
Realmente penso que o ánimo do momento non inflúe moito nos versos nin nos recitais. Como alguén que traballou de cara ao público (camareira, televenta…) estou acostumada a saír e facer ben o meu traballo independentemente do día que teña. Non sei ata que punto isto é algo bo, pero si, coido que o meu ánimo non cambia o meu recitado. Porén, si que acontece ao revés, e o contenta que quede con como me saíu ou coa reacción do público pode influír moito en como me sinto, sobre todo cando teño un día máis sensible.
Nuria Vilán Prado (Nurial Vil)
Nada en Santo André de Comesaña no 1993. Resitadora e poeta escénica, mais tamén publicou o poemario dourado Simún (Chan da Pólvora, 2021) e participou na antoloxía LGBTQIA+ Alguén nos lembrará (Xerais, 2023). Recita e escribe coa gheada e seseo que son parte da súa identidade. Vai aquí a súa mensaxe escrita:
Non creo que a poesía sexa algo innato, pero como calquera cousa, si que nace dunha inclinación concreta; hai persoas ás que lles interesa a formulación química desde que son ben cativas, por exemplo, e sempre é máis doado deixarse levar por algo que atrae. No meu caso, desde sempre me atraeu a escrita, aínda que non considero que o tomase demasiado en serio. Como todo, eu creo que a práctica axuda e no meu caso, cantas máis oportunidades teño de crear, máis rexistros podo explorar… Cando comecei a recitar cousas en público, hai un 8 anos máis ou menos (xa era eu grande, tería 22/23 anos) si que me repetía moito que era poeta, supoño que para convencerme e porque ocupaba un espazo moi pouco (aparentemente) poético: os bares. Dúas Gamberras e un Micro e improvisabamos moito máis do que eu fago agora e intentabamos trasladar á poesía temas de "andar por casa"; todo isto, claro, non era casual… Nós xa coñeciamos Aldaolado, Ronseltz, Redes Escarlata, Poetas da Hostia… Simplemente queriamos facer o mesmo: rir e soltar poemas.
A "categoría" na que eu me sinto máis cómode é a de "palabra falada" e "poesía expandida".
Sobre recitar:
Por suposto que hai un apego a poñer o corpo ocupando un espazo… Agora ben, ese apego, desexo ou gusto non é suficiente , necesítanse ferramentas escénicas: apender a respirar, a colocar o corpo, a xestionar os nervios… Penso que é como calquera outra disciplina, unha bailarina depende de entrenar o seu corpo, resistencia e elasticidade e calquera persoa que traballe en poesía de forma escénica tamén. Eu arrastro eivas cara a min mesme: medos escénicos, vergoña, falta de tempo de ensaio… Sobre se isto se reflicte: inevitablemente si.
Supoño que noutros formatos máis actuados, por así dicilo, e guionizados —penso nunha obra de teatro— hai un papel que muda moi pouco… No meu traballo permítome dicirlle ao público directamente "hoxe non quero estar aquí" e iso é interesante porque provoca reaccións. Polo que me contan eu si que son unha provocadora innata desde sempre e creo que hai que quitarlle a carga pexorativa a isto: provocar é buscar unha reacción… Eu busco que o público reaccione; téñenme dito que resulto incómoda de escoitar, magnética, felina, desobediente… Téñenme dito cousas tan diferentes e con intencións tan diversas (desde buscar ferirme ata buscar animarme) que non teño moi construída a imaxe do meu "eu escénico", se me pides que me describa, axuntaría todo iso e diría que para algunhas persoas podo ser insoportable e para outras un anaco de paraíso recitado.
Aínda que pareza estraño, moi poucos dos días que me coloco ante o público teño realmente o desexo de estar aí; este é un sentimento compartido con outras persoas que traballan expoñéndose: desfruto de captar a atención da xente e á vez gustaríame dedicarme a outra cousa. Hai días nos que fago sentadillas antes de saír a calquera sitio porque teño tanta gana de desaparecer e marchar á casa que utilizar o corpo é o que mellor me funciona.
Agora mesmo o que máis me frustra é que formo parte dunha industria inexistente… Non podo desenvolver as ideas que me gustaría e nas que traballamos porque non conto coa infraestrutura necesaria. Calquera outra artista coa miña traxectoria, pero noutra disciplina, quizais estaría xa consolidada e contaría cunha produtora que axudase a sacar adiante ideas, cunha distribuidora… O meu camiño é moi lento e frustrante. Ninguén ten claro o que fago. Os espazos e festivais de poesía danme como resposta que a miña proposta non ten cabida, non pagan cachés coma o meu, non sei se por falta de interese ou efectivamente porque a industria poética non existe. En Galicia existimos grandes recitadoras, pero non somos TANTAS profesionalizadas como para que non haxa traballo para todas. É un problema estrutural…. Isto fai que me sinta acubillada de espírito, claro, que sinta o respecto e afecto de compañeiras escritoras ás que admiro e que son as miñas referentes, pero tamén fai que sinta unha soidade inmensa porque para manterme como creadora autónoma necesito medrar, pero non sei cara a onde.
Quen sabe se os versos de hoxe han ser parte do saber de quen está por vir, de tempos futuros inimaxinables nos que falarán con palabras nosas. Nós, as devanceiras que coidan do saber e sentir que outras han de querer herdar.