‘Beverly Edmier 1967’, Keith Edmier.

‘Beverly Edmier 1967’, Keith Edmier.

Cultura

Denís, Eire, Gael, Naia e outros nomes na "Guía de nomes galegos" da RAG

No 1992, o Dicionario de Nomes Galegos dirixido por Xesús Ferro Ruibal, foi ratificado pola Real Academia Galega, sendo un pulo para a recuperación progresiva da onomástica galega

21 enero, 2024 05:00

Durante séculos considerouse que os nomes propios en lingua galega non eran axeitados para aparecer nun documento oficial. A partir do século XVI, e sobre todo dende o XVIII, estes foron substituídos na Igrexa, e logo no Rexistro Civil, polos correspondentes en castelán. Non foi ata a chegada da democracia no 1977 que se normalizou a galeguización ou asentamento de nomes en galego.

No 1992, o Dicionario de Nomes Galegos de Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema Suárez, Fernando Tato Plaza, Xosé María García Álvarez e Ana Boullón Agrelo, foi ratificado pola Real Academia Galega, sendo un pulo para a recuperación progresiva da onomástica galega.

Este dicionario, dirixido por Ferro Ruibal, céntrase na etimoloxía, historias e lendas das personaxes que moitas veces popularizaron algúns nomes tradicionais, e conta tamén como foron logo incorporándose outros con orixe nos topónimos, como Iria ou Aldán, en nomes comúns como Lúa, ou hipocorísticos como Catuxa, Maruxa, Xandre ou Xela. É de sinalar que o apéndice da correspondencia onomástica está en trinta e dúas linguas coma portugués, catalán, éuscaro, bretón, ruso ou romanés.

Seguindo esa liña e 30 anos despois, a RAG activou na súa páxina web unha revisión coordinada pola académica Ana Boullón —que xa participara no dicionario— , coa publicación en rede da Guía de nomes galegos con máis de 1.500 onde abren a porta á posibilidade de suxerir e facer observacións.

Dei así en escoller algúns exemplos máis ou menos coñecidos:

Aloia. Do nome do monte Aloia (Tui), posto en relación co Monte Medulio que foi o último lugar da resistencia das tribos galaicas que se opuxeron no 19 a.C. á conquista romana, preferindo antes inmolarse que escravizarse. Desta parte da nosa historia naceu o lema ‘Denantes mortos que escravos’ que Castelao integrou no escudo que fixo pra Galicia.

Area. Nome que provén do latín co significado de ‘gran, partícula’. Noutros tempos para levar un nome así cumpría poñerlle diante un María.

Balbina. Balbina, mártir romana do século II, é santa avogosa na curación do bocio. Foi nome moi común en Galicia. O caso deste mesmo, pero coa terminación en -o, ‘Balbino’, queda apegado á literatura por Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.

Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

(Memorias dun neno labrego, Neira Vilas)

Denís. O nome Denís provén, a través do francés, de Dionisos, deus grego da natureza, das festas e do viño. Tamén vai ligado ó nome do rei e mecenas medieval portugués Denís (ou Dinís) de Portugal, a quen se lle atribúen unhas 138 cantigas de amor, de amigo e satíricas, considerado un dos máis fecundos trobadores da nosa lírica.

Baco ou Dionisios, Caravaggio, 1598

Baco ou Dionisios, Caravaggio, 1598

Eire. É un nome gaélico de Irlanda que se conserva no apelido Eiré. É máis, é o nome dunha parroquia de Pantón, en Lugo. A relación de irmandade refléxase nas lendas que narran como os habitantes celtas de Brigantia navegaron ata Irlanda. Desde logo, as afinidades culturais e políticas márcanse desde o celtismo do noso rexurdimento e continúan durante todo o século XX, tal e como se mostra na dedicatoria ós nenos de Irlanda do libro de Filgueira Valverde Os Nenos, con portada e contraportada de Castelao.

Erin aparece desolada ao descubrir que perdeu máis de tres millóns de fillos (irlandeses) en corenta anos (gl. wikipedia).

Erin aparece desolada ao descubrir que perdeu máis de tres millóns de fillos (irlandeses) en corenta anos (gl. wikipedia).

Xosé Filgueira Valverde: primeira edición de Os Nenos (1925), con correccións manuscritas (Fonte: Wikipedia).

Xosé Filgueira Valverde: primeira edición de "Os Nenos" (1925), con correccións manuscritas (Fonte: Wikipedia).

Gael. Do bretón Gael, a partir do nome dun pobo celta establecido en Irlanda contra o século V a. C.

Mariña. ‘Que vén do mar’, ‘que vive no mar’. Na Idade Media era un nome feminino moi frecuente. Unha lenda medieval galega di que os nobres galegos de apelido Mariño eran fillos de Mariña, unha serea que o conde don Froilán capturou na beira do mar e, cativado pola súa beleza, tomou por esposa.

Hai dúas santas co nome de Mariña: unha delas vestiu de home para entrar nun convento tomando o nome de irmán Mariño e a outra, Santa Mariña de Augas Santas, que foi martirizada.

Imaxe de Santa Mariña de Augas Santas. https://es.wikipedia.org

Imaxe de Santa Mariña de Augas Santas. https://es.wikipedia.org

Naia. De orixe toponímica, dun lugar situado no concello de Arteixo, e quizais un hidrónimo variante de Navia. Tamén é un nome vasco feminino, Naia, variante de Nahia, que procede dunha palabra de uso común en vasco que significa ‘desexo’.

Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega.
https://academia.gal/nomes [Consultado: 01/24]