O humorista e músico Josito Porto (Vilagarcía, 1967), colle o teléfono dende o mecánico. "É o que ten estar todo o puto día na carretera, todos estes días estiven de arriba a abaixo no coche", di o cómico. De ahí que no "único" día que ten libre despois de preparar toda unha xira para a súa próxima función Go home, a sua primeira parada sexa no taller, coa fin de seguir viaxando por toda Galicia para representar a obra.
Josito Porto, xunto con David Amor, presentarán Go Home no marco do Encontro Mundial do Humorismo 2024 (EMHU), que se celebra do 25 de marzo ao 5 de abril na Coruña. A cita para a función do humorista galego será o 1 de maio ás 19:30 horas no Teatro Colón da cidade herculina. Aínda que queda tempo, esta obra de teatro de humor está de actualidade, xa que se estreou na Estrada o pasado 21 de marzo. De todo isto falamos con Josito Porto.
Prefires que te chame noutro momento?
Non, qué va! Estou aquí, no taller, esperando o meu coche. Esto vai para largo. Temos todo o tempo do mundo.
Recentemente remataches cos ensaios da túa obra Go Home. De que trata?
Si, estaremos xa pola Coruña o 1 de maio. Go Home é un texto maravillosamente escrito por José Prieto. É un espectáculo que fala da masificación do turismo en España, é dicir, do exceso de turistas. Eu son de Vilagarcía e isto no verán é unha loucura, e imaxínome que na Coruña tamén pasará.
Estás dacordo co que se di na obra?
Ao final é unha cuestión de turismofobia, como xa pasou hai uns anos en Cataluña. As propostas que fan algúns Concellos para atraer turismo, ao final o que conseguen é demoler e facer todo dirixido aos guiris. E unha vez pasa, non se sabe que facer con tanto turista. Intentas camiñar polas túas rúas e non podes da cantidade de turistas que hai.
Pero iso pasa tamén cando ti vas de viaxe a outro lado.
Isto é máis complexo do que parece. Porque nós tamén, cando tomamos uns días libres, imos aos mesmos sitios de sempre, como a Portugal. Lisboa, por exemplo, agora está a rebentar. Non somos conscientes de que formamos parte dese problema de masificación.
Se comparamos Galicia con Benidorm, a situación non está tan mal, non?
Nunha parte da función fálase de Benidorm. E se ves as imaxes das praias en pleno mes de agosto alucinas. Non é o mesmo, o problema ven cando rematas sendo escravo do turismo, xa que no momento en que o turista decide sobre a túa cidade, as túas terras desaparecen, e quedas coma un imbécil. Pero todo isto na peza está contado dunha maneira tan alucinante!
José Prieto conta isto dende a ironía, imaxino.
Si, e dunha forma moi guai. Todo isto nárrase con humor, pero humor negro. Tampouco moi, moi, escuro. Hai un momento no espectáculo que si é moi escuro, pero aí están as risas. Foi un auténtico subidón facer isto, ningunha droga compararía o sentimento que me deixou a experiencia. Ademais o espectáculo dá uns xiros de ideas que farán reflexionar ao espectador durante a hora enteira da función.
Despois de rematar os ensaios, xa por fin descansas ata o día da función, non?
Si, foron dous meses durísimos, pero ao final estás a facer algo que che mola. Trátase dun traballo onde estás a gozar, onde o estás a pasar como unha mona. Iso si, require moito, moito coche dun lado para outro, de aí que estivera dous meses sen poder traer o coche ao taller.
Cando comeza a xira?
Pois a fin de semana pasada xa estivemos por Noia. Chegaremos a A Coruña o 1 de maio no Teatro Colón e despois iremos a Viveiro.
Darás algunha función para turistas?
Aos turistas non. Ja, ja.
Como profesional que se dedica a isto, cres que o humor ten límites?
Uf, non. Os límites son os que pon cada quen. É unha pregunta moi pertinente, porque agora rapidamente catro monas poden saír con esa gilipollez de que non hai liberdade. Eu creo que os límites do humor son bos: os límites dependen do humorista e é o espectador o que decide se quere ir a ese espectáculo ou non.
É dicir, que os límites os pon o humorista, mentres que o espectador é o que decide se quere escoitar ese chiste ou non. É así?
Temos que ser conscientes de que, cando se fan interpretacións, estas son de personaxes que existen, se non, non entraríamos no noso mundo. Un mundo que está cheo de xente boa, e xente mala, xente con defectos, e sen defectos. Hai etnias e todo iso, se alguén particularmente quere facer humor con iso, vai facelo. Imos ver, a min particularmente non me interesa facer un espectáculo ou chistes falando do holocausto xudeu, pero alguén haberá que os faga. Como os chistes de mariquitas, ou das mulleres e o Fairy, e todo ese tipo de merdas. Antes estaban á orde do día. Eu creo que algo avanzamos nese aspecto, pero ségueos habendo.
Crees que se deixaron de facer ese tipo de chistes por medo a ofender ou porque realmente non ía coa ideoloxía do humorista?
A ver, eu non podo falar por todos. Pódovos asegurar que non é por medo. Eu non fago chistes sobre tendencias sexuais porque non lle vexo ningún sentido a iso. Paréceme unha merda entrar nese rolo. Quero dicir, si creo que como sociedade avanzamos. Hai determinados humoristas que sempre están no candelero porque se atopan neses límites ao facer grazas sobre xente con síndrome de Down, sobre paralíticos… Pois eles verán como centrar o seu espectáculo, despois o espectador é o que ten o poder de elixir que ver. Temos que darlle ao público a capacidade intelixente de decidir o que debe ou non debe facer ou o que lle gusta ou non lle gusta. Albert Pla flípame, aínda que ten momentos que son brutalmente salvaxes. E iso non quere dicir nada. Iso quere dicir que o tipo ten unha mente brutal.
A quen máis admiras aparte de a Albert Pla?
David Amor demostroume durante estes dous meses de ensaios que é un actorazo. Paréceme un tipo que ten a capacidade de estar nun status moi alto a nivel Galicia e España, á vez que ten unha gran capacidade de seriedade e xenerosidade traballando. Foi un auténtico descubrimento.
Alguen máis?
Mira, tamén estou namorado da maneira de traballar de Fernando Bernal, unha persoa coa que me entendo á perfección. Diga o que diga vai quedar xente fóra. Patricia Vázquez paréceme unha pasada e unha compañeira inmensa tamén. E claro que Mónica Caamaño é un referente.