Laura M. Mateo, poeta madrileña na Coruña: "A búsqueda da identidade está ligada á da pertenza"
A xornalista de Quincemil leva case dous anos residindo na cidade e recentemente participou nas Residencias Artísticas Mariñán 2024. Falamos con ela sobre o poder da poesía, a importancia de respectar a cultura a través do idioma e como namorou de Galicia
17 mayo, 2024 05:00Laura Martínez Mateo (Madrid, 1993) leva case dous anos na Coruña, a cidade que a acolleu como persoa e xornalista (traballa para este mesmo medio de comunicación, Quincemil) e dende a que cultiva a súa faceta como poeta. Precisamente, foi o amor pola palabra e o verso o que a levou a ser seleccionada para formar parte da II edición das Residencias Artísticas Mariñán da Deputación da Coruña o pasado mes de abril.
Esta iniciativa naceu en 2022 co obxectivo de apoiar os procesos creativos dos participantes, que dispoñen de todos os medios para desenvolver os seus proxectos, máis alá dos resultados finais. A deputada de cultura da Deputación, Natividade González, valorou moi positivamente as Residencias Artísticas Mariñán de 2024, tanto polo número de propostas presentadas para cada unha das temáticas (música e literatura e pensamento) como pola calidade de todas elas.
"É un orgullo ver como os catro autores e os catro proxectos musicais que participaron nas Residencias Artísticas Mariñán de 2024 fixeron uso deste espazo para as súas creacións artísticas, e como aproveitaron os recursos que lles ofrecemos para o desenvolvemento das súas obras: asesoramento, formación personalizada…, ademais do propio Pazo Mariñán con aloxamento e manutención incluidos", sinala González.
Laura M. Mateo foi una das catro persoas que puido aproveitar esta oportunidade. Veciña da Coruña dende 2022, a xornalista é neofalante e defende que non se pode entender verdadeiramente un lugar se non se fala a súa lingua. Unha lingua coa que conectou ao 100% e na que escribe parte da súa produción poética, porque sinte que non podería ser en ningunha outra. Falamos con ela do amor pola poesía, o galego e A Coruña nunha entrevista na que se abre para os lectores de Quincemil, os seus lectores.
Canto tempo levas en Galicia? Por que elixiches A Coruña como cidade para vivir?
Cando teño que responder esta pregunta dubido porque a miña chegada a Galiza foi de a poucos. Primeiro pasei varios anos xogando coa idea de vir, imaxinando esa vida, e despois estiven case un ano valorándoo seriamente, baixándoo á terra e facendo pequenas incursións. Se tomo o inicio desas incursións como data de chegada diría que levo case dous anos vivindo aquí, aínda que un pouco menos "sentindo" que vivo aquí. Coido que ás veces o corpo chega ou macha dos sitios antes que a mente. A elección da Coruña foi natural porque é a cidade á que veu vivir unha amiga miña de Madrid, e grazas a iso puiden adentrarme nela. Digamos que ela labrou primeiro a terra que eu herdaría despois.
Adícaste profesionalmente ao xornalismo, pero nunca deixaches de cultivar a túa paixón pola poesía. Cando descubriches o gusto polos versos?
A poesía acompáñame dende sempre. Non recordo cando comecei a escribir poesía pero sei que foi o primeiro que escribín. Eu veño dunha familia moi desestructurada, pero sempre tiven apoio incondicional para escribir, especialmente da miña avoa. Grazas a iso na adolescencia publiquei algúns dos meus poemas na revista cultural que se facía na escola, pero descoñecía que igual podía facer algo máis con eses poemas, no sentido de presentalos a premios ou publicalos dalgún outro xeito. Ninguén mo contou. Así que durante anos seguín escribindo poesía, pero só os compartía coas miñas amigas ou a miña parella, tamén durante unha tempada compartín algúns nas redes sociais, pero o funcionamento desas plataformas non me gusta e acabei eliminando todas as publicacións. Agora vexo que me faltaba un empurrón para tomarme enserio como escritora e poeta (aínda o preciso -risas-).
Fuches unha das seleccionadas para participar nas Residencias Artísticas da Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán o pasado mes de abril. Que significou para ti esta oportunidade?
Poder participar dunha iniciativa como as Residencias Artísticas Mariñán foi incrible. Cando o comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín, me chamou para comunicarmo só fun capaz de dicir: "Moitas grazas" e "que ilusión", en bucle. O mundo no que vivimos móvese moi rápido, cada vez máis, e por riba de todo eu adícome a unha profesión na que os ritmos son vertixinosos, hai moito ruído e moitos estímulos. Atopar espazo aí para a creación non é nada doado.
En realidade as clases baixas, e especialmente as mulleres desas clases, nunca tiveron tempo para á creación, e o pensamento e a creación precisan nalgún punto da lentitude, do repouso, creo que os nosos corpos tamén, e por iso temos tanta ansiedade, estrés, etc. Mariñán foi a oportunidade de saír de todo iso, de vivir un momento nunha marxe, atopar o baleiro non que as cousas xurden. E xurdiron moitas. Por iso sentinme moi afortunada.
Que che aportou esta experiencia?
Para empezar, o espazo para pensar, non só na miña escrita, se non na vida mesma, que é un pouco o mesmo. Durante eses días puiden plantexarme que quería escribir, e dicir, que quería contar, e que forma quería que tivese ese relato. Eses foron dous grandes retos e co paso dos días fun atopando respostas. Ademáis recibimos a visita dos escritores Ismael Ramos e Chus Pato, e desas conversas saín moi inspiarada e con novas ferramentas para a miña escrita.
Por outra banda, a propia vivencia no pazo é absolutamente enriquecedora. Durante esas semanas puidemos conversar entre os/as propios residentes de literatura e pensamento, pero tamén cos de música, e a súa comisaria, Aitana Cuétara. Poder falar con todos/as eles e coñecer os seus propios procesos, a súa arte, foi parte fundamental da experiencia. Un compañeiro dixo eses días que Mariñán era "unha lanzadeira", en canto que de aí sairíamos cunha perspectiva renovada, e creo que era certo.
A túa proposta era o poemario A identidade agochada, a través do que demostras as diferentes vías de acceso á idea de identidade. Quen é Laura M. Mateo?
Non o sei (risas). Nas miñas redes poño que son xornalista, que escribo poesía e tamén que saio ao monte, que practico escalada… esas son as cousas que me definen agora. Non sei cales me definirán no futuro. Agora moitas mensaxes piden que nos definamos, algo que ten moito que ver co individualismo. A investigadora Almudena Hernando fala da "identidade relacional" que tiveron de forma maioritaria ás mulleres ata hai pouco, unha identidade que se definía polas súas relacións cos demáis, coa comunidade, enfronte á identidade individualista, máis vinculada á idea de masculinidade tradicional, que é a que se dá agora de forma maioritaria en todas e todos.
Pero creo que a búsqueda da identidade tamén está moi ligada á busqueda da pertenza, especialmente nun mundo "líquido", como di Zygmunt Bauman, e iso é precisamente o que quería explorar neste poemario. Porque eu nacín en Madrid, nun momento histórico concreto, onde sinto que o arraigo está diluido, probablemente sexa así en moitos sitios, pero ao chegares a Galiza atopeime cunha idea de identidade que me era descoñecida, e que me atraeu. Na Galiza sentín que esa identidade estaba en todas partes. Pero tamén vin que ese desarraigo permeanos a moitas independientemente das nosas orixes. Iso fíxome pensar. Aínda que creo que hai sitios que están máis diluidos, por dicilo dalgún xeito, ca outros.
É a poesía unha boa forma de atoparse a un mesmo ou todos estamos algo perdidos?
Non sei se é unha forma de atoparnos, pero creo que para algunhas é unha vía na que podemos expresar certas ideas, pensamentos o sentimentos que non seríamos quen de sacar doutro modo. A poeta Yolanda Castaño di que a poesía é unha linguaxe que "se salta as ordenacións da linguaxe ordinaria", o que permite alcanzar novos lugares. Penso que a forza da poesía reside aí. Nese sentido, para mín a poesía non é máis que unha linguaxe, unha na que me atrevo a nomearme e a nomear o que me pasa, ou o que vexo ao meu redor facendo uso de recursos que a min me resultan atractivos. Tamén penso que a poesía ten unha gran capacidade de producir un efecto en quen le, espertar algo, e interásame moito esa parte de xogo coas palabras para lograr ese efecto.
O xurado destacou de ti a túa "solidez do compromiso" coa que, como neofalante, decidiches facer da cultura galega a túa propia. Que te namorou de Galicia?
Eu non teño familia galega directa pero un dos meus tíos políticos é galego e de cativa pasei algúns veráns na aldea da miña curmá, e na miña casa de Madrid había moitas cunchas, bruxas de cerámica, camisetas do Xacobeo etc. De feito miña tía regaloume daquela un chaveiro deses típicos de Compostela, coa cuncha e a cruz do Apóstol, e é o que uso agora aquí. Así que xa medrei con certo contacto e certa fascinación pola cultura galega e por ese mundo digamos… asociado ao máxico. Cando cheguei aquí atopei a oportunidade de coñecer máis de todo iso, e sentinme abraiada por todo: pola cultura, pola lingua, polo territorio, e tamén por esa identidade da que falaba antes, pola historia. E quixen velo todo, e entendelo todo. Tamén namorei do mar, da forza do atlántico, e das aves.
Foi complicado adaptarse a unha nova vida en Galicia?
Adoito escoitar que é difícil facer amigos, especialmente na Coruña, pero eu non o vivín así, e dende o primeiro minuto sentime moi acollida. Aínda que de primeiras tiven que aprender moito sobre certas maneiras non só galegas, senón coruñesas. Creo que no último ano fixen un master en koruñesismo (risas). Máis aló diso sentime moi identificada co lugar dende o principio, e o único que boto de menos de Madrid é a parte da miña familia e amigas que están aló.
Por que decidiches aprender e empregar o galego no teu día a día? Como percibes a situación lingüística en Galicia?
Cando cheguei a Galiza eu sentín que tiña que exercer certa responsabilidade. Para min aprender galego era o lóxico se quería vivir aquí, porque creo que unha forma de respectar ao lugar e as persoas que viven nese lugar é ter interese pola súa lingua. Aínda máis vindo de fóra, aínda máis vindo dun fóra que se chama Madrid. Hai un peso simbólico aí. De feito, moita xente felicítame por falar galego e eu agradézoo pero tamén me sinto como cando felicitan a un home por lavar a louza ou coidar dos seus propios fillos. Ademáis eu quería entender Galiza, e penso que non podes entender verdadeiramente un lugar se non falas a súa lingua. Nese camiño descubrín tamén que o galego é unha lingua na que me sinto moi cómoda, e resultou que había poemas que só podía escribir en galego.
Ademáis tiven que enfrontarme aos meus propios prexuízos e facer por entender a realidade complexa do galego. Os que medramos en sitios non bilingües de España penso que o facemos baixo a influencia de determinadas ideas, como a de que o castelán é unha lingua ameazada, e se non fas ou non tes a oportunidade de coñecer outra cousa probablemente sigas pensando iso. A realidade é que o castelán é unha das linguas máis faladas do mundo, e en sitios coma Galiza cada vez hai menos falantes, estanse a perder palabras ou construccións propias, e hai xente que sinte vergonza de falar na suá propia lingua. Nese sentido, penso que as linguas son un valor inmenso que hai que coidar, e lamento que non exista un consenso xeral ao respecto.
Hoxe conmemórase o Día das Letras Galegas, que este ano conmemora a poeta Luísa Villalta. Por que é tan importante a celebración desta xornada?
Penso que é unha data importante para poñer en valor a lingua e tamén a creación feita en galego. Creo que en Galiza hai unha calidade artística e unha forza creadora incrible e que as/os artistas galegos están contribuíndo enormemente a darlle ese valor ao galego, e poñelo no lugar que merece, tamén o traballo de divulgadoras en redes como Prado Rúa, o iniciativas como o "Aquí tamén se fala" que naceu na Coruña. Penso que se está facendo moito nese sentido pero falta máis apoio insistitucional e políticas públicas encamiñadas nesa defensa.
Como poeta e como muller, como valoras que este ano a elixida fose esta coruñesa?
Estamos a recoñecer cada vez máis o traballo das escritoras, pero Luísa Villalta é a sexta muller homenaxeada nas Letras dende 1963, así que aínda queda un longo percorrido por facer e moitas voces que celebrar e rescatar, tamén das que narran dende lugares aos que igual non estamos acostumados. Que ademáis a homenaxeada sexa unha poeta paréceme unha oportunidade para facer chegar a poesía a todas partes, baixala á terra, ao día a dia e xerar interese por ela, ver que é de todos/as e para todos/as. Tamén para a cidade da Coruña coido que é un motivo absoluto de orgullo que un día coma este se adique a unha das súas escritoras e relatoras.
Cales son as túas poetas de referencia?
Hai moitas e por sorte cada vez máis. En lingua galega: Yolanda Castaño, Chus Pato, Olga Novo, Xela Arias, Nuria Vil, Braca Trigo, Lucía Aldao, María Lado, Nieves Neira ou Emma Pedreira entre moitas outras, e claro, este ano lin moito a Villalta. En lingua castelá ou outras linguas: Gioconda Belli, Cristina Peri Rossi, Luna Miguel, Gloria Fuertes, Marina Tsvietáieva, Antonia Pozzi, Sylvia Pltah, Alejandra Pizarnik, Sunsana Thénon ou Anne Sexton.
Como é o teu proceso creativo? Veremos publicado un poemario de Laura M. Mateo dentro de pouco tempo?
Para min a poesía é unha ferramenta máis que está ao meu dispor para articular unha idea o un relato. Unha especie de linguaxe como dicía antes. Pero ás veces é certo que é caprichosa e non sempre se deixa moldear. A meirande parte dos poemas xúrdenme de súpeto, pasa algo, vexo ou recordo ou ulo algo, e sinto a necesidade de escribir, o que definiríamos como inspiración, e despois ás veces fago cambios, edito o esqueleto, pero iso sucede máis adiante. Ese e o proceso que sinto máis animal e salvaxe e que máis disfruto.
Pero nos últimos anos descubrín, e iso fixen no Pazo de Mariñán, que tamén podo encauzar eses pensamentos e escribir poemas, digamos, de xeito máis voluntario ou planificado, e tamén aí, propoñéndomo, podo tirar de algo pequeno que medra e entón o vexo e logro entrar nese estado de creación. Así que realmente sinto que a poesía sempre está aí, pero nunca sei se poderei escribir un poema ata que xa está feito. Sobre a publicación, si, a miña intención é publicar o poemario que comecei en Mariñán, aínda me queda parte por facer e estou valorando en que formato o quero facer, pero sinto ganas de que saia ao mundo, así que sairá.