Pepo Suevos

Pepo Suevos Aigi Boga

Cultura

Pepo Suevos, cómico que actúa no Festival Noroeste Estrella Galicia: "A comedia galega é top"

O actor e cómico galego forma parte das actuacións da primeira edición de Contos ao Noroeste

2 agosto, 2024 05:00

A principal novidade da edición número 37 do Festival Noroeste Estrella Galicia será Contos ao Noroeste, onde o humor terá un papel principal. Comedia e música convivirán durante a semana do festival na Coruña en distintas localizacións da cidade, con actuacións de primeiro nivel como as de Xosé Antonio Touriñán, Roi da Costa ou Pepo Suevos.

Precisamente, o cómico e actor ferrolano chegará á praza de Pontevedra o xoves 8 de agosto co seu espectáculo Sobre rodas a partir das 19:00 horas. Unha actuación que se poderá gozar de maneira gratuita e sobre a que desvelou algúns secretos durante a súa charla con Quincemil.

Que lle parece esta iniciativa do Festival Noroeste de incluir a comedia na súa programación?

Estou moi contento de que sexa a primeira, porque quere dicir que é nova. Todo o que sexan novas convocatorias para facer comedia, apasióname. O meu hobbie, aparte do meu traballo, é facer rir, e canto máis esecenarios haxa moito mellor.

"Todas as manifestacións culturais teñen cabida, pódense dar a man e convivir nunha mesma convocatoria"

Pepo Suevos

É un festival consolidado no panorama musical, pero deciden apostar por unha disciplina distinta.

Creo moito na multidisciplinariedade. Hai unha "febre" de festivais (que está moi ben porque te permite ver a formacións e estilos diferentes nun mesmo día), pero a convivencia con outros tipos de expresión artística tamén é interesante. Por exemplo, o Portamérica se destaca moitas veces case máis pola oferta gastronómica, que non polo cartel de músicos.

Todas as manifestacións culturais teñen cabida, pódense dar a man e convivir nunha mesma convocatoria. Eu mesmo teño algún formato no que combino música con comedia e casan moi ben como dúas cousas complementarias que funcionan. Pódese facer en formatos moito máis grandes, hai que probar e creo que vai saír moi ben.

Chega co espectáculo Sobre rodas.

Teño varios repertorios pechados, pero en concreto para esta ocasión é Sobre rodas, que ven a ser a miña infame experiencia cós coches desde que saquei o carné de conducir ata os primeiros cinco ou seis anos de conductor, que foron moi erráticos e tiven moitos percances, a cada cal máis peculiar. A historia vai de contar esas experiencias, que poden parecer ficcionadas, pero foron todas reais e verídicas. Polo menos, o trauma que me quedou de sufrilas, poder curalo contándoas. A comedia vai sempre por diante.

"Calquera que saiba o que é un embrague xa está en disposición de rir coas miñas desgracias"

Pepo Suevos

A que público está orientado?

Así como en xeral son un pouco animal e algún rapaz queda impactado, este en concreto é dos máis abertos que teño para todos os públicos. De todos os xeitos, hai cousas que para rapaces moi pequenos, se van escapar. Non é unha comedia xestual, é máis de texto e hai que entender o vocabulario. Os máis novos van estar desubicados, digamos, non van entender a metade. Pero pola malicia, polo menos, que non sexa, teño outros repertorios moito máis "envelenados". Calquera que saiba o que é un embargue xa está en disposición de rir coas miñas desgracias.

Que opinión lle merece o resto do cartel?

Sei que hai moito nivel, menos eu, o resto son todos de primeirísima liña. Creo que, constantemente, se está demostrando que a comedia galega é top, que está ao nivel do máis alto que hai en España, por non dicir xa máis lonxe. Todas estas citas están moi ben e por demostrar que, igual que a nivel musical se intenta traer xente dun nivel top, na comedia aquí en Galicia non temos que escarvar moito para atopar xente. Moi contento de poder compartir cartel con eles e espero que o público poida desfrutar moitísimo.

"Este é un repertorio contrastado e sen experimento, á xente gústalle rirse das desgracias alleas"

Pepo Suevos

Van actuar en emprazamentos sinalados da cidade.

O aire libre ten esa cousa de que, como se poña un día tonto deses de verán que temos aquí e empece a tormenta a tocar a gaita, se che emborrona todo. Pero os enclaves da Coruña son fantásticos. Ti sempre chamas pola xente. No momento en que arrancas có teu show, ese quedarse ao mellor da xente que está de paso e escoita un comentario e decide quedar... vaise sumando xente e, ao final, sempre se xunta un público moi guai que vas vendo como se queda. Ti dende arriba vas vendo todo, como un viandante calquera se transforma en público, iso é marabilloso.

Como animaría ao público a asistir a Sobre rodas?

Creo que hai que ir, primeiro para aprender. Cousas que vou contar que fixen e non se deben facer, sempre poden quedar aí metidas como algo preventivo. Segundo, porque aínda que esteamos no verán, aínda hai xente que está traballando e tendo estrés ou preocupación. Poder facer unha desconexión para ir a un sitio e evadirte un tempo é recomendable para calquera saúde. Sempre se dixo que a comedia é terapéutica e, no meu caso, sempre funciona bastante ben. Este é un repertorio contrastado e sen experimento, á xente gústalle rirse das desgracias alleas.