Luisana Pineda, neofalante: "Se podo inspirar a máis persoas a falar galego, vouno seguir facendo"
- Hai seis anos, esta moza venezolana cruzaba o Atlántico para instalarse en Ames (A Coruña). Malia que non sabía que en España se falaban máis linguas ca o castelán, tívoo claro desde o primeiro día: "Vou aprender esta lingua porque teño que integrarme"
- Máis información: El castellano ya es el idioma más hablado en Galicia, según la encuesta del IGE
Hai seis anos, Luisana Pineda (Luli) facía as maletas para mudarse desde a súa Valencia natal, en Venezuela, á localidade coruñesa de Ames, onde a esperaban os seus pais para iniciar unha nova etapa. Aínda que esta non era a primeira vez que Luisana emigraba, xa que antes vivira en Ecuador, si que era a primeira vez que se enfrontaba ao reto de ter que aprender un novo idioma.
"Nin sequera sabía que era Galicia, cando as persoas me falaban de España, pensaba en Madrid, Andalucía e xa", recoñece a moza, que engade: "Non tiña nin idea e moito menos sabía que dentro de España había tantas linguas distintas".
Desde o primeiro momento que pisou o seu instituto en Bertamiráns e foi consciente de que tiña asignaturas noutro idioma que non era o castelán, Luli Pineda tívoo claro. "Desde o día un dixen: 'eu vou aprender esta lingua porque teño que integrarme'". Recoñece que ao comezo non lle gustaba o galego porque "non era moi fanática de ter que aprender outro idioma, pero co tempo pilleille cariño".
Nesta tarefa destaca o apoio dos seus pais, que a animaron a familiarizarse co galego. "Dixéronme que era algo que tiña que facer porque é a lingua de aquí e hai que respectala e aprendela".
No 2018, cando Luli se estreou como neofalante, o galego era o idioma máis falado na comunidade, con algo máis do 30% da poboación comunicándose exclusivamente nesta lingua -seis puntos por enriba do castelán-.
Cinco anos despois, a situación mudou completamente. Así o demostran os datos da Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada polo Instituto Galego de Estadística (IGE), que revelan que por primeira vez o número de castelanfalantes (53%) supera ao de galegofalantes (46%).
"Para min aprender galego non foi un problema"
No caso desta rapaza afincada en Bertamiráns, en Ames, a principal axuda para aprender galego estivo nas aulas, xa que nin na súa casa nin na súa contorna máis próxima empregaban o galego.
"Para min aprender galego non foi un problema", sinala Pineda, que explica que ela é partidaria "de que se podes aprender algo, o aprendas". Aínda que recoñece que a peor parte era falar. "Agobiábame moitísimo ao pensar que tiña que falar, dábame moita vergoña porque tiña medo a cometer erros", sincérase a moza. Non obstante, confesa que intenta superar esa vergoña e que cando coñece a xente nova "procuro falarlles sempre en galego".
@tequenhitos Respuesta a @Luisbas24 (dixen as facturas como exemplo, nom lembro ben pero sei que habia documentos en galego que miña nai non entendía) #tiktokengalego #galicia #venezuela ♬ sonido original - Luli 🇻🇪🤍🩵
Outra das técnicas para achegarse á lingua galega foi convencer ao seu grupo de amigos, todos castelanfalantes, para comunicarse en galego. "Ao principio decíanme 'ti estás tola, se falamos todos castelán' pero díxenlles 'ímolo intentar'. E aínda que a veces nos custa e temos que buscar algunha que outra palabra no diccionario, pouco a pouco todos imos falando máis galego".
Tamén traballa para quitarse "un pouco máis o medo" subindo vídeos a TikTok nos que fala galego. E, aínda que en ocasións ten que facer fronte aos comentarios de xente preguntándolle por que fala "un dialecto" coma o galego, a moza recoñece que recibe "moito cariño". "Hai xente que me agradece que fale galego sendo unha persoa nova e migrante", así que "se podo inspirar a máis persoas a falar en galego, vouno seguir facendo".
Dúas realidades no mesmo fogar
Ao longo destes seis anos, Luisana Pineda viu como o galego viviu todo un "retroceso". "Cando cheguei, moita xente falaba galego. Incluso a min, que non tiña nin idea, preguntábanme se prefería que me falaran en galego ou castelán. Agora nin che preguntan, directamente ven que eres de fóra e cambian ao castelán", reflexiona a moza.
De feito, o Goberno galego explica ese aumento de castelanfalantes debido a que nos últimos cinco anos chegaron a Galicia máis de 115.000 persoas estranxeiras. Algo que para o secretario xeral da Lingua "inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes".
Ela mesma di que na súa casa conviven os dous exemplos. Por unha parte está ela que aos seus 20 anos fala galego; mentres que seu irmán, que naceu aquí, fala castelán. "Entende o galego pero prefire falar castelán, di que é máis cómodo". "Non sei se son afortunada de que miña nai sempre me dixese que aprendese galego e me integrase na cultura", reflexiona.
Neste senso, Pineda sinala que mentres que nos institutos aínda escoita falar en galego, as xeracións máis novas falan todo en castelán. "Creo que en parte é porque se normalizou empregar máis o castelán no día a día que o galego, é unha pena".
Para Pineda, tamén inflúe moito a área na que se move. "Eu fago vida en Santiago e estou moi acostumada a que a xente fale en galego nos comercios, no banco, no súper...". Unha situación que recoñece que non se da en Bertamiráns nin en cidades como Ourense ou Vigo. "Chegar a outras cidades e ver todo en castelán foi un shock para min".