Esther Estévez Casado chegou ó mundo no 1997 cando os cativos xa estabamos cantando a banda sonora do Xabarín Club entre berros de “Somos do Clube da Galega/ por fuciños, por cacheiras/ Oink, oink, oink” e o mítico “Estou na lavadora”.
Dende o fenómeno do programa infantil e xuvenil que chegaba ós fogares dos galegos e galegas a través da televisión e que tiña por protagonista a un xabarín antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado non se lembra un fenómeno similar de apego e afecto por parte da rapazada.
O éxito do Xabarín residía en que falaba ós espectadores de xeito cercano e naquel espazo os nenos e nenas atopaban debuxos animados, concursos e música en galego.
Os mesmos ingredientes ten o Dígocho Eu, un programa de divulgación sobre a nosa lingua feito para redes sociais que se difunde en g24.gal , Instagram, Tik Tok e Youtube que conduce a xornalista Esther Estévez, nominada o Mestre Mateo na categoría de Mellor Comunicador.
O día 19 de Marzo saberemos se algún dos Mestre vai para o equipo do Dígocho eu , xa que o formato tamén está nominado a Mellor Programa, pero mentras agardamos, en Quincemil falamos con Esther.
Esther, noraboa polo éxito do programa e pola recente nova que anunciaba esas nominacións… Como recibiches a noticia?
Pois moi feliz, encantadísima. Eu estaba xunto a miña compañeira Alba Mancebo no evento da lectura dos nomes dos nominados e foi moi emocionante escoitar que estaba nominada e que o programa tamén o estaba. Sentín un pouco de shock e ese día non fun nada productiva polo contenta e abrumada que estaba. Leve ou non o premio, xa é un agasallo e sobre todo é un recoñecemento á labor de todo o equipo do Dígocho Eu que tanto traballamos en cada programa.
Estarás desexando que chegue o sábado, xa tes todo preparado?
O primeiro no que pensei cando fun consciente da nominación e que quería ir a gala cos meus país e o meu irmán, iso é o que máis me importa, celebrar ese día e ir de troula. Sei que dende a Academia están moi volcados coa gala porque é a edición XX e pensó que vai sorprender.
Pero sí, xa teño o vestiario e non podo dicir moito. Como adianto direi que o look e moi no meu estilo pero cun toque diferente. E non digo nada máis que ten que ser sorpresa.
O teu foi vocacional? Sabías dende nena que querías ser xornalista?
Pois non. A min pasoume un pouco o contrario. Eu de pequena pensei en ser mil cousas, como moitos cativos, pero o que sí sabía é que me gustaba moito escribir, que era de letras. Así que pouco a pouco fun contemplando a posibilidade de estudar Xornalismo pero sen demasiadas expectativas. E foi na carreira, en terceiro curso, cando fixen as prácticas e vin o mundo laboral cando sentín esa vocación. Funme namorando cando palpei a profesión.
O Dígocho Eu é un dos formatos máis queridos e recoñecidos da Televisión de Galicia nesta andadura dixital, cal crees que é o segredo dese éxito?
Supoño que é a suma de moitos factores. Por un banda, o primeiro creo que é o equipo que está detrás. Penso que a paixón e a ilusión coa que facemos o noso traballo traspasa a pantalla.
Por outro lado a idea, o ser orixinal e o saber estar nas redes sociais que tocaba en cada momento, comezando por Instagram, seguindo por Tik Tok, Twich… É dicir, estar ben pegados á actualidade e estar presentes e por suposto o amor pola lingua, falar do que é noso é un dos ingredientes fundamentais para que o Dígocho Eu sexa querido e visto, que o final é o que queremos. Tamén supoño que ten que ver a naturalidade que procuro transmitir e no que tanto insistiu Carlos Amado (creador do espazo), así como o feito de que sexa un formato para o teléfono, sen demasiadas artificios.
E como vives ti, de xeito máis persoal, ese éxito?
Podo dicir que é todo positivo, que recibo moitísimo cariño. Ás veces pode ser chocante reparar no feito de que a xente mire para ti na rúa ou saíndo de festa porque saben que eres a do Dígocho Eu pero a min encántame que se me acerquen, sacar fotos… O que recibo é moito apoio ó proxecto e sinto moito agradecemento.
Aínda que no programa intentas correxir erros que cometemos falando galego, sempre consigues facelo en positivo
E que de iso se trata. Isto non vai de penalizar a quen fale mal ou de sinalar ou xulgar ó que non fala. Non somos diccionarios andantes e todos cometemos erros. Eu son a primeira que aprendo cada día grazas ó programa e á lingüista. De feito, nos directos, moitas veces meto a zoca e non pasa nada, non se pode ser 100% normativo todo o tempo. Dende o Dígocho Eu queremos enfocar esta divulgación en positivo, motivar, que a xente que non fala se lance e que melloremos todos.
Penso que estamos nun bo momento para o noso idioma. O fenómeno das Tanxugueiras demostrouno e hai que aproveitar isto, animarse a consumir no noso idioma.
Falando das Tanxugueiras, ti cubriches a través das redes o Benidorm Fest
Foi unha pasada poder vivir todo iso, estar alí. De verdade que foi unha experiencia ben fermosa que non vou esquecer. Eu xa pensaba seguir todo o que acontecera porque son seguidora de Eurovisión e das Tanxgueiras pero vivilo dende dentro foi xenial. Foi unha especie de foro onde coñecín moita xente que tamén participaba nos directos e que, unha vez máis, poñiamos en valor o noso, o galego.
E logo a nivel de redes foi unha ocasión perfecta para que os seguidores coñeceran todas as miñas facetas, máis alegre, enfadada…