María Mera presenta ‘Lixo ou Tesouro’ na TVG: "É un concurso que pode ver toda a familia"
O novo concurso da CRTVG propón 12 obxectos, un dos cales vale os 5.000 euros que a parella de participantes pode levar se adiviña cal é. Algo, sinala a actriz galega, nada sinxelo de facer: "A xente tamén vai aprender, porque hai cousas que non sabemos nin que son, para que serven ou por que custan iso"
21 octubre, 2023 05:00Lixo ou Tesouro? Unha pregunta que, ben respondida, pode valer ata 5.000 euros. Esta é a proposta do novo concurso da CRTVG presentado por María Mera que se emite cada martes despois de Atrápame se podes e que comezou o pasado 17 de outubro dándolle o ansiado premio a Sara e a súa avoa Maricarmen.
O programa contará cada semana con dous participantes que intentarán adiviñar que prezo corresponde a cada un dos 12 obxectos expostos, que serán explicados polo galerista Camilo Chas, da galería Artby’s da Coruña. Unha tarefa nada sinxela, segundo nos explica María Mera, coa que falamos sobre esta nova aventura que comeza na Televisión de Galicia para entreter a toda a familia.
Como afrontas o reto de presentar Lixo ou Tesouro, que ademais é moi diferente ao teu último programa, A Liga dos cantantes extraordinarios?
Afróntoo con moitas ganas e ilusión porque para mín é un formato diferente. Ata o momento nunca presentara un concurso e todo o que sexa diferente, os retos, sempre me gusta. É outra forma de seguir aprendendo, de cada programa sempre te vas nutrindo de diferentes cousas e equipos. Neste programa tiven a sorte de traballar co director Alberto del Pozo, co que nunca traballara e que me aportou moito a nivel persoal e profesional. Foi un regalo traballar con el e unha moi boa experiencia. Estou moi contenta por facer algo diferente.
Como é Lixo ou Tesouro?
É un concurso que pode ver toda a familia, un concurso para que a xente na casa xogue con nós, se entreteña e aprenda. Vén sendo un pouco coma Prezo xusto. Temos 12 obxectos que teñen historias diferentes cada un deles e 12 prezos. Hai unha parella de concursantes por cada programa que ten que ir adiviñando cal é o obxecto de ouro, que vale 5.000 euros. Van elixindo e eliminando o resto dos obxectos, comparándoos ata quedar solo con un. O valor que consigan, será o diñeiro que leven para casa.
É fácil distinguir o lixo dos tesouros?
Non é nada fácil. De feito eu como presentadora non sabía ningún prezo. Pedino así porque quería xogar cos concursantes, e eu non tería acertado nada. Dos 12 obxectos é moi difícil saber cal vale 1 euro, porque de repente ves un disco de Madonna pero se está asinado xa vale moito… É moi complicado. Está con nós Camilo Chas, que ten a galería Artby’s da Coruña e é un dos galeristas más mediáticos e coñecidos de Galicia. É o encargado de dar os datos de cada obxecto e axuda aos concursantes… ou a veces axuda a empeorar aínda máis as cousas. Quero dicir con isto que das 12 cousas que traemos, a xente tamén vai aprender, porque hai cousas que non sabemos nin que son, para que serven ou por que custan iso.
A participación de Camilo Chas axuda a explicar o valor que poden chegar a ter as cousas, tamén de obxectos cotidianos nos que a veces nin reparamos?
A xente incluso vai ver algún obxecto que dirá: iso téñoo eu gardado, ou tíñao miña avoa na casa, non sabía que podía valer isto. Iso tamén vai ser imporante. Camilo ten a información de cada obxecto e vaina ir dando segundo el considere ao longo do programa. Os concursantes, cando eliminan un obxecto, van saber o que perden, por exemplo, cunha cadeira que valía 2.000 euros, e Camilo vai explicar por que valía iso.
Vai haber obxectos de todo tipo.
Sí, e teñen valores que van dende 1 euro a 10, 50, 100, 250… ata chegar a 5.000. Hai xente que leva 10 euros para casa e outros 5.000 ou 2.000.
Dicías que serve para aprender o valor destos obxectos. Vai haber algún con valor histórico?
Sí, vai haber antigüidades, cadros e obxectos do mundo da arte que nos trae Camilo. Vai haber obxectos máis actuais como os famosos Lego e verdadeiras antigüidades que teñen bastante valor. Non sempre se pelexa polo mesmo diñeiro: os 5.000 sempre van estar, pero haberá sorpresas ao longo do 13 programas que imos emitir, haberá programas especiais con obxectos especiais.
É un programa no que pode participar toda a familia.
Eu creo que é un programa que engancha, unha vez que o empezas a ver tes curiosidade. Primeiro pensas ‘non me digas que de todo iso que acabo de ver hai algo que custa 5.000 euros’, ou ao revés, ‘de verdade que de todo o que puxeches aquí hai algo que vale un euro?’. Todo o que dicimos no programa é verdade. A xente dende a casa pode xogar a adiviñar canto vale cada cousa, e ao final quererá saber canto levan os concursantes.
E ti segues coa túa carreira como actriz e presentadora, protagonizaches hai pouco unha cámara oculta... María Mera ten aínda moito que dicir.
Gústame moito o que fago, o meu traballo, aínda que é difícil manterse ao longo dos anos. Sempre que poida vou intentar pelexar por traballar do que me gusta porque penso que é un regalo e que todo o mundo debería poder traballar do que lle gusta. Se todo o mundo traballara do que lle gusta, o mundo sería ben diferente. É un mundo complicado pero vou seguir pelexando, sexa de actriz ou de presentadora, que non ten nada que ver unha cousa coa outra, pero sí se complementan, e desfrutar do que fago porque é o que máis me gusta.
E nós tamén traballamos para a xente, o noso obxectivo é entretela, que o pase ben. Xa sexa presentando un programa ou como actriz o que buscas é emocionar á xente: que se divirta, que chore, que ría… Con este programa o que pretendemos é que a xente o pase ben, porque hai concursantes que son marabillosos, hai momentos nos que a xente descarta obxectos por razóns ilóxicas e apréndese.