A actriz María Vázquez: "É un milagre estar nomeada ó Goya cunha peli pequena e en galego"
A intérprete galega aspira ó premio a Mellor Actriz Protagonista polo seu papel de Ramona na película Matria, polo que xa gañou no Festival de Málaga
10 febrero, 2024 05:00María Vázquez comezou a súa carreira sendo moi moza con papeis episódicos en series xuvenís como Al Salir de Clase ou Compañeros. Máis de 25 anos despois daquela experiencia, a actriz converteuse nunha das grandes intérpretes do cinema a nivel nacional e todo ese camiño culmina nun merecido nomeamento ó Goya a Mellor Actriz polo seu papel de Ramona en Matria, de Álvaro Gago.
Este é o segundo nomeamento de María Vázquez a estes premios. A primeira vez foi en 2007 a Mellor Actriz de Reparto pola película Mataharis. Pasaron 17 anos daquela experiencia e a intérprete galega volve a esta cita chea de ilusión. Hoxe charlamos con ela sobre a gala desta noite e a importancia deste papel na súa carreira.
Estás nomeada a Mellor Actriz Protagonista, como afrontas a posibilidade de gañar este premio?
Estou moi tranquila, intentando gozar porque a primeira vez era bastante nova, estaba moi superada e non me decatei de nada. Esta vez quero gozalo, estou moi agradecida e doblemente contenta, porque tamén está Álvaro Gago. É unha forma de pechar esta viaxe da película porque xa está rematando. É un milagre estar nominada ó Goya cunha peli pequena e en galego.
Gañaches o premio a mellor actriz no Festival de Málaga e tiveches moitos eloxios desde a estrea da peli. Como recibes todo ese cariño da industria do cine?
Agradecida, feliz e sabendo que isto ó final é subxectivo. Nunca perdo de vista que estou contenta, que estou satisfeita, pero hai moitos traballos xeniais e isto é unha lotaría.
Ramona é a personaxe a que deches vida en Matria. Como influíu en ti ese papel?
Para min foi unha viaxe incrible, máis alá do persoal, porque é un personaxe marabilloso e Álvaro un pedazo de director. El sempre quixo que a experiencia vital fose máis importante ca película e aprendín moito con Ramona, coas mulleres que están na película e non son actrices, e aprendín a non xulgar porque moitas veces desde fóra pensas, por que esa muller non sae de aí? e dásche conta do difícil que é e do estrutural que é todo. Non hai que xulgar, hai que apoiar a estas mulleres e respectar as súas decisións porque son as que poden tomar.
Pensas que ver na gran pantalla unha personaxe así pode influír positivamente na sociedade?
Eu creo que é necesario. É visibilizar a moitas mulleres que non son glamurosas nin comerciais, pero ó final son a maioría. Entón eu creo que é moi importante que elas se sintan reflectidas, e que a xente que vive noutras realidades vexa que o que hai non está tan lonxe. Vivimos en micromundos e pensamos que todo o que nos pasa é o común.
Ti non es da zona da Arousa, pero cravaches esa forma de falar. Como preparaches o papel?
Foi quizais unha das cousas mais difíciles, dábame medo facelo sen rigor, facelo mal. Tiven unha lingüista que me axudou e moita inmersión. Estiven alí, coa xente de alí, atrevéndome a falalo, aínda que ó principio non o fixera ben, e practicando todo o día. Tiven tres meses nos que o falaba todo o día, e o meu fillo e a miña alucinaban (ri).
A estrea de Matria fai un ano xusto o día 10. Agora a película está en plataformas como Movistar, que lle dirías a xente que non a viu para que se anime a botarlle un ollo?
Non a poden perder porque Ramona somos todas. Así que teñen que vela.
Por último, que proxectos tes para este ano?
Agora estou por Pontevedra, Arousa e Vigo rodando unha serie de Netflix que se chama El Jardinero, sobre a que non podo dicir moito máis. O 8 de marzo estrease a nova película de Celia Rico, Los pequeños amores, que protagonizo xunto a Adriana Ozores e Aimar Vega, unha peli moi bonita sobre nais e fillas. Parece que o 2024 vai ser un ano moi bonito, estou moi agradecida, pero non sei se é por caracter galego, que tamén estou desconfiada pensando, non o goces moito a ver se vai vir un hostión moi grande (ri)