Miguel Abad, Carlos Vieito y Lidia Veiga, os tres integrantes do Exército Mekemeke.

Miguel Abad, Carlos Vieito y Lidia Veiga, os tres integrantes do Exército Mekemeke. Cedida

Audiovisual

De onde sae ‘Exército Mekemeke’? O podcast galego que pasou de Ames Radio aos Ondas

Falamos con Carlos Vieito, o seu creador, sobre a orixe do programa e sobre o seu recente nomeamento aos Ondas na categoría de Mellor Podcast en Lingua Cooficial do Estado

28 marzo, 2024 05:00

Exército Mekemeke é un videopodcast en galego conducido por Carlos Vieito e acompañado por Lida Veiga e Miguel Abad. Naceu hai máis de dous anos da man de Ames Radio e acaba de facer historia ao converterse no primeiro podcast en galego en ser nomeado a Mellor Podcast en Lingua Cooficial.  

O seu creador, Carlos, estudou Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC), pero o máster en Comunicación e Marketing Dixital da Autónoma de Barcelona descubriulle un mundo, o da comunicación, que o atrapou. Nel desenvolveu a súa carreira profesional, da que Exército Mekemeke formará parte para sempre.

Aínda coa incredulidade do nomeamento, Carlos cóllenos o teléfono sen parar de agradecer un interese e unha difusión só propia de quen ama profundamente o seu proxecto. Tiñamos moitas preguntas, isto é o que nos contou.

Convertestes un ritual, o de ver Shin-Chan polas tardes na TVG, nun concepto: Exército Mekemeke. De onde sae a idea de inspirarse nestes debuxos?

Saiu da nosa forma de ser e de medrar. As tres persoas que empezamos somos da Xaba-xeración e Shin-Chan marcounos, medramos con el, por iso quixemos que formara parte disto.  

Que outras referencias ten esta xeración? 

Buf, esto da para TFG! Ó final o Xabarín marcou a toda unha xeración de cativos e cativas que temos unhas referencias comúns. O Xabarín, o Dragon Ball, Shin-ChanDoraemon, Arale… todas estas serias marcáronnos e nos fixeron únicos, todos nós estamos xa unidos por eles.  

E por qué o Exército Mekemeke? Se son os malos da serie… 

Porque ninguén escolle ós malos, todo o mundo escolle sempre ós bos. Nós queríamos rendir esa homenaxe a ser dos malos, que ó final non son tan malos porque encaríñaste con eles porque no fondo fondo, malos malos non son. E bueno, ser de Ultraheroe é moi fácil, pero ser do Exército Mekemeke é mellor (risas).  

Cartel promocional. Fuente: cedida.

Cartel promocional. Fuente: cedida.

E máis aló do nome, como nace o proxecto? 

Eu empecei a facer radio en Cataluña, tamén no ámbito da radio local, e a radio acaba enganchando. Cando volvín para casa, para Galicia, unha persoa do concello de Ames  comentoume a existencia dunha radio cidadá e vendo esa oportunidade dixen “pois si”.  

Como de importante é que unha radio local ofrezca oportunidades a proxectos coma este? 

É un puntazo! Estamos moi acostumados a que as radios locais ou as radios públicas, como a Radio Galega, estén pechadas a certas persoas e que abran os micros para dar paso a iniciativas cidadás é unha gozada. Espero que cando os mekemekes acaben o programa siga aberto para outros proxectos.  

Dicides que Exército Mekemeke é unha alternativa ás charlas de Ibai ou a Estirando el chicle pero en galego. Sintes que fai falta máis contido en galego?

Creo que fai falla máis contido galego de calidade. Ten que haber contido de todos os tipos, dende superproducións ata memes cutreiros, pero contidos de calidade fan falta porque comparado con outras linguas podemos chegar a quedarnos curtos. 

"Non coñezo a ninguén que viva exclusivamente de facer contido en galego. Tería que cambiar moito o tema económico e que se apostara realmente pola creación de contidos en galego para poder vivir disto. É unha pena, pero é así".

Carlos Vieito

O uso do galego é un dos vosos pilares, tanto que un de vós, Miguel, tivo que adaptarse a isto, non? 

Si, Miguel non é galego-falante nin neo-falante pero si que aposta por facer contido en galego. Precisamente cando nos unimos para facer este proxecto un dos piares era facelo en galego para crear referentes en galego. Para el non foi algo negativo, leva toda a súa traxectoria profesional desenvolvéndose en galego e, aínda que non o fala  no día a día, pouquiño a pouco si que está a meterse na súa vida.  

Cal foi a resposta da xente?  

A min dame a sensación de que o noso público é moi fiel e tamén moi estrito co contido que consomen. A resposta está a ser moi positiva, aínda que penso que aínda falta que nos descubran un pouquiño máis, pero sempre que chegamos a algún sitio a resposta é moi positiva.  

Esa repercusión está comezando a chegar tras a nominación para os premios Ondas. Como vivistes isto? 

Eu non sei aínda como asimilar isto porque cando vin a nominación foi como “que guai”, pero despois de que toda a xente do sector dixera a importancia do sucedido non sei moi ben como tomalo. Para nós é unha honra, dende que empezaron os Ondas dos Podcast moitos proxectos en galego presentáronse e este é a primeira vez que sae un dos presentados, e é o noso. Eu cando redactei a memoria fíxeno pensando que non nos ían nominar, de feito a primeira frase que escribín foi “en Cataluña hacen cosas… en Galicia tamén”, non fun nada serio. 

Trátase ademais dunha produción que non é da CRTVG. Crees que isto vai servir para demostrar que fai falta que apoien proxectos máis humildes? 

Creo que sí. O noso proxecto conta coa axuda do Concello de Ames, que pon toda a parte técnica, pero o resto poñémolo todo nós e nós non nos dedicamos profesionalmente a facer este programa, é unha afición. Competimos contra podcasts que teñen un equipo moi grande detrás e nós cun presuposto que non é que sea ínfimo, é que non existe.  

Vedes posible acabar vivindo disto?  

Sinceramente non,. Facer contido en galego é complicado, non coñezo a ninguén que viva exclusivamente de facer contido en galego. Tería que cambiar moito o tema económico e que se apostara realmente pola creación de contidos en galego para poder vivir disto. É unha pena, pero é así. 

Cal é o seguinte obxectivo de Exército Mekemeke? 

Gañar o Ondas (risas) e pasalo ben. Sempre lle digo ós demais que no momento no que facelo xa non sexa un disfrute será mellor deixalo.