Unha ollada diferente á rotulación picheleira en Santiago de Compostela
Unha historiadora e investigadora da USC está a desenvolver un proxecto de aproximación á gráfica comercial do casco histórica. A viguesa ven de traballar no Museo Reina Sofía.
14 noviembre, 2023 05:00Aldara Cidrás Fuentes (Vigo, 1994) é historiadora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. No 2019 foi convidada como investigadora visitante na Universidade de Princeton e durante este ano foi investigadora residente no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. A súa principal liña de investigación está centrada na instrumentalización da administración de xustiza en episodios de violencia masiva, nomeadamente, na guerra civil española, tema no que centrou a súa tese doutoral. Recentemente está desenvolvendo o proxecto Compostela (etno)gráfica, unha aproximación á gráfica comercial e turistificación no casco histórico de Santiago de Compostela. Á parte da súa produción científica, adoita colaborar de forma asidua en numerosas actividades de difusión de coñecemento histórico para un público máis xeral.
Qué é Compostela(etno)gráfica para os que aínda non o saiban?
Compostela (etno)gráfica é un proxecto de investigación que parte do estudo do patrimonio gráfico comercial de Santiago de Compostela para visitar a historia da cidade e reflexionar sobre o seu futuro, marcado polas tendencias xentrificadoras. O proxecto consta de dúas partes diferenciadas: a análise da rotulación histórica da cidade mediante un profuso traballo de arquivo; e a análise da rotulación actual, concretamente aquela saínte e elaborada en ferro, que moitas persoas recoñecerán como característica da cidade. O resultado é unha xenealoxía da gráfica comercial compostelá ao longo do século XX ata a actualidade; unha forma de entender mellor o desenvolvemento urbanístico e as cuestións que o condicionan partindo dun obxecto que moitas veces pasa desapercibido.
Teño entendido que este interese na rotulación aparece nos paseos xunto á tua cadela.
Si, bueno, eu vivo na zona vella dende hai máis dunha década e coñecía ben o barrio, pero foi no momento no que vén vivir comigo a miña cadela (que xa era maior daquela), hai xa bastantes anos, no que me tiven que adaptar aos seus ritmos de paseo e comecei a observar a paisaxe urbana con outro ollar. E nese ollar máis demorado comezo, aí si, a fixarme máis e máis nestes obxectos e facerme preguntas sobre eles para as que non atopaba respostas na literatura especializada ou en internet. Co paso dos anos esta curiosidade acabaríase profesionalizando ata que decidín abrir unha liña de investigación centrada neste fenómeno da gráfica comercial urbana como xanela a través da que reflexionar arredor doutras cuestións.
Cal sería o obxectivo do proxecto?
Por un lado, Compostela (etno)gráfica pretende revalorizar o patrimonio gráfico comercial da cidade e difundir o seu valor cultural. As transformacións que se están a producir nos piares socioeconómicos da zona vella aféctano explicitamente e sitúano nunha posición de especial vulnerabilidade, polo que é importante concienciar ás institucións e cidadanía da súa protección. Por outra banda, o proxecto é un convite para falar de temas de tanta importancia hoxe en día como a turistificación do casco histórico e os seus efectos, pero facéndoo dende un lugar construtivo, animando á veciñanza a que redescubra este patrimonio que é seu.
Sabemos que existen ordenanzas que protexen a conservación de moitos edificios, isto inclúe os rótulos?
Existen ordenanzas municipais (e outro tipo de normativa en distintos niveis) que regulan algunhas características da colocación desta rotulación na vía pública. Con todo, non protexen estes obxectos como bens culturais. Outros proxectos de revalorización do patrimonio gráfico teñen logrado a activación de políticas públicas de conservación dos rótulos, como sucedeu por exemplo en Xaén. Sería interesante poder colaborar coas institucións públicas na cidade para poñer en marcha iniciativas semellantes. A recepción positiva do Compostela (etno)gráfica entre a cidadanía dá conta dunha demanda social nesta liña.
Este proxecto xa chamou a atención do Museo Reina Sofía
Inicialmente o proxecto xa foi recoñecido no 2022 pola Deputación da Coruña e o Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, financiando a súa posta en marcha. Logo, neste 2023 tiven a oportunidade de entrar nun programa de residencias de investigación no Reina Sofía e foi unha experiencia tremendamente enriquecedora. Poder traballar ao longo deste ano con persoas expertas doutros eidos nun centro de renome como o Reina foi transformador. Agora desexo levar todo o aprendido de volta a Galicia.
E cal dirías que foi o dato máis curioso que atopaches na túa investigación?
Eu partía da idea de que esta rotulación de ferro e en bandeirola á que me refería era a verdadeiramente tradicional do casco histórico, a “de toda a vida”. Porén, a investigación con material de arquivo evidencia que na primeira metade do século XX había moita máis diversidade da que nos imaxinamos nas formas gráficas comerciais, con tipos de rotulación que hoxe nos chamarían a atención na zona vella, como carteis luminosos. Será a partir da década dos 40 e dos 50, sobre todo, cando comecemos a ver unha vontade curatorial do espazo público que incentive esa estética máis vetusta.
Pensas que existe unha valoración real do patrimonio artístico e cultural?
Coido que a cuestión non é se valoramos ou non o patrimonio artístico e cultural (aínda que penso que en Santiago de Compostela isto é evidente), senón se realmente consideramos a rotulación comercial como patrimonio artístico e cultural. Estamos nun cambio de paradigma no que cada vez máis xente si valora a gráfica urbana como tal, pero aínda hai moito camiño que facer, de aí que as iniciativas de revalorización e protección sexan tan importantes, sobre todo nun contexto de modernización mal entendida e transformacións aceleradas como o que estamos a vivir.
Tamén estaría ben falar das dificultades coas que tiveches que traballar
Se ben a investigación ten máis dun ano de percorrido e os resultados están a ser moi favorables, aínda hai moitas cuestións nas que me gustaría afondar, pero para iso fai falla tempo e recursos. Outra dificultade radica en seguirlle a pista a pezas desaparecidas, polo que fago un chamamento ás persoas que poidan ter información ou se cadra algún rótulo gardado que decida ceder a que contacte co proxecto. Toda axuda é benvida.
Por último que te gustaría que acontecera co proxecto de e de que xeito podemos colaborar? É un proxecto aberto?
O proxecto atópase a medio camiño entre o académico e o divulgativo. Para min unha das partes máis importantes de calquera investigación é de transferencia de resultados e retorno á sociedade. E se cadra neste proxecto é máis importante aínda. Como dicía, de momento a recepción está a ser moi positiva, polo que estou moi agradecida. Considero que a rotulación comercial en Compostela actúa moitas veces como un tótem etnográfico que dá conta da nosa cultura e da historia da cidade, pero tamén das nosas historias individuais: os bares que frecuentabamos, os ultramarinos onde faciamos a compra, as mercerías nas que arranxabamos a roupa… Todas esas historias de vida forman parte tamén do proxecto. Nesta nova fase estou recollendo testemuños que dean conta de como nos vinculamos afectivamente con estes obxectos, polo que animo novamente a calquera persoa interesada en colaborar co proxecto a través do correo electrónico etnograficacompostela@gmail.com ou na conta de instagram @compostela_etnografica, onde tamén poderán estar ao tanto das novidades. Anécdotas, fotografías, documentos… ou, insisto, mesmo rótulos vellos ou actuais dos que se queiran desfacer serán ben recibidos e enriquecerán os fondos do proxecto. Compostela (etno)gráfica é proxecto colaborativo: dende a veciñanza, para a veciñanza, coa veciñanza.