Publicada

Galicia camiña cara unha nova realidade máis sustentable e faino da man de diversas estratexias. Unha delas, a Estratexia da Economía Azul de Galicia (EAG) 2024-2027, recibiu luz verde do Consello da Xunta o pasado 4 de novembro.

Este documento é fundamental dada a estreita vinculación da comunidade co mar e o seu potencial económico ligado aos recursos mariños. A costa de Galicia ten 1.500 quilómetros nos que se reparten importantes portos e unha forte tradición pesqueira, fundamental na economía do territorio.

Precisamente, a finalidade da estratexia é dar resposta a retos como o cambio climático, a sobreexplotación dos recursos acuáticos e a necesidade de diversificar o tecido produtivo combinando sustentabilidade e crecemento económico.

Como se elaborou a estratexia?

A estratexia foi elaborada mediante un proceso vivo e participativo no que se constituíron 11 grupos de traballo compostos por representantes das actividades da economía azul da comunidade. Así, celebráronse 11 obradoiros sectoriais con 123 participantes que permitiron validar a diagnose da EAG e identificar os retos estratéxicos.

Ademais, celebráronse dúas xornadas multisectoriais que contaron con 76 participantes para consensuar o conxunto de medidas que recollidas no documento. O resultado foron 40 medidas que en conxunto suporán a mobilización de máis de 114 millóns de euros.

A Estratexia da Economía Azul de Galicia (EAG) 2024-2027 ten como un dos seus principais obxectivos situar os sectores emerxentes vencellados ao ámbito mariño como referentes internacionais e garantir a sustentabilidade e circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura como actividades nucleares.

O documento, ademais, busca integrar as diferentes actividades que conforman a economía azul mediante conectores de innovación reforzando a gobernanza, fomentando a I+D+i azul e impulsando o desenvolvemento e retención do talento especializado.

Seis eixos

A estratexia promovida polo Goberno galego vertebra as medidas entorno a seis eixos, que son os seguintes:

  • Cooperación intersectorial
  • Conectores de innovación
  • Competitividade
  • Patrimonio mariño
  • Traballo
  • Talento
  • Información e comunicación

Todo esto implica a realización de diversas accións, entre as que se atopan a creación dunha rede que integre aos diferentes axentes da economía azul de Galicia, o fomento de sinerxías entre os sectores da biotecnoloxía e da acuicultura, un catálogo galego de I+D+i azul, a creación dun centro de biotecnoloxía azul en rede ou a creación dunha unidade especializada neste ámbito na oficina Galicia Empresa.

O documento constitúe a auténtica folla de ruta da Xunta para protexer e restaurar os ecosistemas mariños e aproveitar dun xeito innovador os recursos acuáticos garantindo o desenvolvemento económico a longo prazo. 

Esto permitirá, ao mesmo tempo, que a sociedade galega teña unha mellor calidade de vida a través da produción sostible de alimentos, a posta en valor da cultura mariñeira do emprego de calidade e do transporte sostible.

Galicia aproba a Estratexia da Economía Azul de Galicia (EAG) 2024-2027. Cedida

Co lema Onde o mar nos conecta, a Estratexia da Economía Azul de Galicia pon en valor a relación histórica da comunidade co mar, co seu futuro, coa natureza e coas persoas. Promove deste xeito o compromiso co coidado da súa biodiversidade mediante prácticas sostibles, como a economía circular e o uso de enerxías limpas.

Outro dos obxectivos fundamentais desta estratexia é asegurar que a economía azul sexa máis xusta e equitativa, polo que a Xunta aposta pola formación das novas xeracións e pola promoción da igualdade de xénero e a inclusión, con medidas que buscan un sector aberto a todos e xerador de novas oportunidades. Dende Galicia, queremos un sector máis xusto e equitativo, onde todos teñan oportunidades de contribuír e beneficiarse deste mar que tanto nos dá.