Publicada

A publicación dos resultados da enquisa sobre o coñecemento e uso do galego realizada en 2023 polo Instituto Galego de Estatística (IGE) puxo de vulto a necesidade dunha viraxe de rumbo nas políticas lingüísticas, a cal non parece viable sen un amplo pacto social e político, demandado pola Real Academia Galega o pasado 17 de maio. Semella que desde aquela as augas comezaron a moverse, pero a verdade é que andan un tanto revoltas. Vexamos. A política lingüística pode entenderse como un ciclo que comeza coa diagnose dun problema, ten o seu cerne na elaboración de propostas e na posta en obra das actuacións destinadas a resolvelo, e complétase coa avaliación destas para identificar os seus acertos e revelar as súas deficiencias, e así pode se reabrir o ciclo en mellores condicións.

Tanto para establecer un diagnóstico como para avaliar a eficiencia das políticas lingüísticas é imprescindible coñecer a situación sociolingüística no presente, as dinámicas que a anteceden e as tendencias de futuro. A análise dos datos do IGE é unha ferramenta necesaria tanto para realizar un diagnóstico dos problemas que confronta o idioma galego canto para avaliar as políticas aplicadas nas últimas décadas. Dado que o IGE pregunta sobre o coñecemento e o uso do galego cada cinco anos desde 2003, contamos cunha serie histórica moi valiosa para observar a súa evolución e adiantar predicións.Como é sabido, os datos de 2023 son demoledores. Por primeira vez na historia, o galego aparece como a lingua falada habitualmente por unha porcentaxe da poboación inferior ao 50%. Compárense esta cifra coa rexistrada en 2003 (60% de falantes habituais do galego), e terase a medida da velocidade do declive do idioma propio do país. Se poñemos o foco no grupo de idade máis novo, a rapazada de 5 a 14 anos, resulta que en 2023 só un/ha de cada seis ten o galego como lingua habitual. Só vinte anos atrás eran catro de cada dez.

A cidadanía de a pé recibiu tales datos sen sorpresa, pois veñen confirmar o que percibimos día a día nas rúas, nos centros educativos, nos comercios, nos medios de comunicación, nos lugares de traballo... incluso na nosa propia familia. Para os expertos que levamos anos estudando a situación sociolingüística do galego, estes eran uns resultados cantados. Como botón de mostra, lembrarei a afirmación estampada nun estudo do Seminario de Sociolingüística da RAG publicado en 2016: “Se as tendencias non cambian, a lingua maioritaria de Galicia nas persoas de 15 ou máis anos en 2017 será o castelán... os falantes de galego acabarán baixando de 1.200.000” (Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013, páxinas 73-74). Cun pouco de atraso na data, pero con moita precisión na cifra, a enquisa IGE-2023 confirmou –moi ao noso pesar– esa predición, pois nese ano o número de falantes habituais de galego calculábase en 1.176.000 persoas. En 2003 (só dúas décadas atrás!) eran case 1.600.000.

A referencia ao devandito traballo non é inoportuna, pois nel analizábanse detidamente os resultados da enquisa do IGE de 2013. Lembrarase que estes xa daquela provocaran moita alarma, pois mostraban que o galego perdera case trescentos mil falantes desde 2003. Igualmente, entón tamén se constatara unha caída especialmente acusada do galego no grupo de idade máis novo, de 5 a 14 anos. Aquelas cifras interpretáronse no seu día como unha refutación tanto dos discursos sobre a mentireira “imposición do galego”, canto da política lingüística regresiva que Alberto Núñez Feijoo e o seu partido impuxeran. Ante as críticas que os resultados do IGE provocaron, as autoridades retrucaron sinalando as familias, ao tempo que reivindicaban o dereito ao abandono do galego, explicado como un acto individual de ‘liberdade de lingua’.

Perante a contundencia das cifras coñecidas en 2023, agora impútase a perda do galego á poboación inmigrante, que disque experimentou un aumento considerable nos últimos anos. Non podemos entrar aquí nunha análise detidas das cifras, limitémonos a sinalar que a porcentaxe de poboación foránea (española ou estranxeira) residente en Galicia pasou do 8,3% en 2003 ao 15% en 2023. Non é pouco. Isto pode explicar unha parte do incremento do número castelanfalantes, pero de ningunha maneira serve para explicar a caída de case catrocentos mil galegofalantes desde 2003 a 2023.

Boa parte desta caída débese á evolución vexetativa da poboación, pois os grupos de idade máis vella, que son os que máis falan galego, son os que máis falecementos rexistran. Noutras palabras, cada ano que pasa, ao galego ‘mórrenlle’ moitos falantes e ‘nácenlle’ pouquerrechiños. Pero nin a emigración nin a evolución vexetativa da poboación abondan para explicar a brutal redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, nin o incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade, que atinxe o 43% nas persoas entre 15 e 29 anos e o 54% na rapazada de 5 a 14 anos. O mesmo se pode dicir da incapacidade para falar galego, que pasou do 18% ao 32% no grupo de idade máis novo, ou da incompetencia para escribilo, que ascendeu do 22% ata o 38% nese mesmo grupo. Non pode haber proba máis rotunda das consecuencias do decreto chamado do ‘plurilingüismo’ e da política que se vende como de ‘bilingüismo cordial’, pero só conduce ao incremento do monolingüismo en castelán e á perda da competencia en galego e no seu uso.

Non parece viable un pacto pola lingua con efectos eficaces que non se fundamente nunha diagnose compartida. Coñecendo o funcionamento da política de partidos, non se pode pretender que ningunha das partes faga un acto de autoflaxelación pública polos seus erros. Pero tampouco é sensato explorar unha vía de acordo reivindicando políticas que se probaron inútiles (ou mesmo contraproducentes), adoptando unha actitude belixerante ou negando unha realidade ben patente para calquera persoa non cegada por prexuízos ou intereses de parte.

Agardemos que a cordura se acabe impondo, que os dirixentes políticos sitúen o idioma do país por riba de cálculos particulares no curto prazo, e que os sectores polarizadores de aquí e acolá non consigan impoñer a estratexia do ‘canto peor, mellor’. Se o proceso aberto se pecha sen un pacto pola lingua que impulse medidas efectivas para evitar o declive definitivo do idioma de noso, teremos que concluír que as clases dirixentes de Galicia, e nomeadamente as que xestionan as institucións autonómicas, están dispostas a seguir sen cumprir un dos mandatos fundamentais da autonomía galega, que consiste na normalización do idioma do país, isto é, na súa completa rehabilitación e a súa acaída adaptación aos cambios socioculturais que transformaron Galicia nas últimas décadas. E conforme o galego se perde, a lexitimidade da propia autonomía vai esvaecendo. Esperemos non chegar a velo.

Henrique Monteagudo

Coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega. Catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.