En Galicia non hai igrexas, hai grellas. Non hai salmos, hai madeira de carballo queimándose como manda o rito. Aquí o churrasco non é comida, é fe. Un credo primitivo que se celebra en prados e carballeiras, cunha botella de viño a xeito de cálice e as mans afumadas como único sacramento. Quen non entende isto, non
entende Galicia. Punto.
Porque o churrasco non é só botar carne sobre lume. É un acto de honra. Aquí ninguén lle pide permiso a estrelas Michelin nin a chefs de laboratorio. Os que queren esferificacións e reducións, que vaian de vacacións a Nova York. Aquí a graxa pinga polas varillas da grella, o cheiro pega nos cabelos e o fume grava no aire un himno silencioso: somos isto, lume e carne. Se non che gusta, non molestes.
E que non me veñan os moderniños coas súas invencións. Que se marinados exóticos, que se especias que saben a colonia. Aquí o porco vai coa súa grasa, a tenreira coa súa contundencia, e o polo… ben, o polo vai porque alguén sempre quere facer dieta. E non me toques os costelares. Non me metas salsiñas nin historias de guarnicións. O churrasco é carne, lume e paciencia. O demais, ruido.
Porque o churrasco non é unha comida. É un altar ao que se vai con respecto. Aquí non importa o que fagas entre semana, se o domingo tes unha grella diante, todo cobra sentido. Ese home ou muller que está aí, cun mandil de bar barato e unha vara de ferro na man, non está cociñando: está guiando unha procesión. Sabe cando virar a carne, cando achegar máis brasa, cando cortar o pan de millo. É un ritual aprendido con anos de experiencia, co mesmo orgullo co que un canteiro ergue unha pedra ou un mariñeiro leva a súa rede.
E entón, no medio desa humareda que che empapa o nariz e o peito, dáste conta de que o churrasco é máis que un prato. É unha filosofía. É o momento en que un grupo de veciños ou de amigos, que igual levaban meses sen verse, esquece diferenzas e senta xuntos, viño en cunca e prato de prastico na man. É onde se discute de fútbol, de política e de chismes da aldea, mentres o lume fai o seu traballo. O churrasco é Galicia no seu estado máis puro: un lugar sen présas, sen adornos, pero coas prioridades ben claras.
E si, hai quen nunca o entenderá. Pobriños. Quen non sabe recoñecer a perfección dun costelar no seu punto ou a gloria dun anaco de criollo abríndose coma un libro diante dos teus ollos, é porque ten o paladar e o espírito embotados. Non pasa nada. Eles que sigan coas súas ensaladas de quinoa e os seus tofus a medio facer. Que sigan rindo dos galegos coas mans negras de carbón e as uñas cheirando a allo.
Ríanse, pero a eles nunca os convidarán a un churrasco coma Deus manda. Nunca sentirán o pracer brutal de afundir os dentes nun anaco de porco torrado, cun grol de tinto barato para acompañar. E iso si que é quedar fóra do verdadeiro paraíso. Aquí o inferno non son as brasas. O inferno é non ter quen te chame a compartir unha