Estas semanas coñecemos o caso de Herminia. Vive confinada na súa casa por culpa de dez chanzos dunha escaleira. Os chanzos que separan o ascensor do portal do seu edificio.

Ou o caso de María Dolores. Pasou recluída os derradeiros anos da súa vida por residir nun edificio sen ascensor.

A carencia de elevadores en moitos inmóbeis da nosa cidade constitúe un problema de primeira orde que está a provocar auténticas situacións de exclusión en persoas con limitacións de mobilidade. 

Esta  carencia non afecta só a edificios do noso casco vello. Son moitos os barrios da nosa cidade, desenvolvidos nos anos 50 e 60 do século pasado, nos que existen moitos edificios sen elevador.

O avellentamento da poboación nunha boa parte destes barrios agravou o problema, até o punto de que non son poucas as persoas maiores que viven practicamente confinadas nas súas vivendas.

Para facer fronte a esta situación é moito o que se pode facer desde o ámbito da política local.  Dunha banda hai que  reforzar as liñas de axudas e asegurar que sexan eficaces, evitando ás posíbeis persoas beneficiarias trámites burocráticos innecesarios e flexibilizando as condicións para a súa concesión.

Doutra banda, convén aprobar unha nova ordenanza que regule e delimite de xeito máis claro a concesión de licenzas e a redución dos prazos temporais para o seu outorgamento.

Hai que contemplar tamén, cando for preciso, solucións  alternativas, como a instalación de ascensores comúns a unha mazá de vivendas.

E desde o Concello é necesario activar un servizo de mediación co obxecto de procurar solucións cando non exista acordo nas comunidades de veciños para a realización das obras.

Todo con tal de que unha persoa non viva confinada por dez chanzos dunha escaleira. Porque as limitacións de mobilidade e os problemas de accesibilidade non poden converter a vivenda dunha persoa na súa prisión.