“A creación dunha área metropolitana constituída legalmente é unha quimera”, dixo este mesmo mes a alcaldesa da Coruña.
Mais, sexa ou non unha quimera, o certo é que a comezos de mandato, en outubro de 2019, o Pleno do Concello aprobou, por iniciativa da Alcaldía, un acordo para iniciar os trámites para a creación da Área Metropolitana da Coruña.
Non só iso. En agosto do pasado ano, o voceiro do grupo municipal do PSOE e a voceira da Marea Atlántica anunciaban en comparecencia de prensa un acordo para activar o procedemento para constituír a Área Metropolitana.
Froito diso asumiron o compromiso de presentar un anteproxecto de lei de creación da Área Metropolitana da Coruña no mes de setembro de 2021.
Nunca se chegou a cumprir.
Cabería preguntarse, pois, se a alcaldesa e o grupo socialista, ao subscribiren eses acordos, estaban a vender quimeras.
A alcaldesa, nesas declaracións, avogaba, en cambio, por articular un consorcio metropolitano.
Máis o certo é que nin unha cousa nin outra. Nin se fixo nada para dar cumprimento ao acordado nin se deron pasos para a creación dun consorcio metropolitano ou para mancomunar cos concellos da nosa comarca a prestación de novos servizos.
Se falamos de realidades, e non de quimeras, A Coruña non remata na Ponte da Pasaxe. Milleiros de persoas residen nos concellos da contorna, mais traballan na Coruña ou acoden acotío á nosa cidade e o mesmo ocorre á inversa. O Porto exterior e importantes polígonos industriais están en Arteixo. O aeroporto en Culleredo, o encoro que nos abastece de auga en Cambre e Abegondo…
É unha quimera pretender deseñar A Coruña do futuro sen articular esa realidade metropolitana.
Francisco Jorquera Caselas
Voceiro do Grupo Municipal do BNG