O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses ten perto de 60 anos de historia. Naceu en 1964 para honrar e poñer en valor a memoria do ilustrado coruñés José Cornide Saavedra e desde a súa fundación até hoxe converteuse nunha institución fundamental para o estudo e a divulgación da historia da Coruña.
Porén, desde hai máis de dous anos o Instituto carece de dirección e os membros do José Cornide denuncian a falta de compromiso dun Concello que, infelizmente, parece querer deixalo morrer por inacción.
A páxina web está inoperativa. Nas dependencias do José Cornide só traballa unha persoa funcionaria. Se está de baixa ou pide permiso, o Instituto ten que permanecer pechado ao público, incluídas persoas investigadoras.
Unha situación que é unha metáfora do estado da cultura na cidade da Coruña naquilo que depende do Concello: a Banda Municipal está sen director desde hai dous anos e, desde hai cinco, o Museo Arqueolóxico está en idéntica situación.
Namentras, a directora do Teatro Colón segue compatibilizando esta función coa de directora da Área de Cultura do Concello da Coruña.
A nosa cidade ten un tecido de institucións, entidades e creadores culturais enormemente rico. Por iso reúne condicións para ser a verdadeira capital cultural de Galiza. Mais a política cultural non consiste nunha simple sucesión de convocatorias e eventos. Correspóndelle ao Concello facer un labor de dinamización, dialogando cos axentes culturais e facéndoos copartícipes, para mobilizar e poñer en valor ese inmenso potencial e converter A Coruña nun referente no eido da cultura.
Para iso é necesario ter vontade e trazar unha estratexia. Pero iso non é posíbel cando na Coruña, no que atinxe ao Concello, a cultura non ten dirección.
Francisco Xesús Jorquera Caselas, Voceiro do Grupo Municipal do BNG