Todos sumamos forzas para que a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) se instalase na Coruña, tanto dende os organismos públicos como dende o ecosistema universitario e empresarial de Galicia.
Todos a unha para converter a nosa comunidade nun referente en IA en Europa, xa que España vai ser o primeiro país europeo que vai dispoñer dun organismo destas características.
Estamos moi orgullosos de que finalmente A Coruña saíse elixida como sede da Aesia porque o beneficio que supón esta decisión redundará en toda a comunidade e en todas as empresas que xa teñen incorporada ou prevén incorporar a Intelixencia Artificial (IA) nos seus negocios. Porque a IA é a tecnoloxía do presente e do futuro, non só para o sector TIC senón tamén para moitos outros sectores tractores en Galicia.
O ecosistema universitario tamén se verá beneficiado con esta decisión, e sobre todo, o alumnado dos graos de Enxeñería Informática, en Ciencia e Enxeñería de Datos e o grao en IA interuniversitario, aos que se lle abre unha nova oportunidade, a través tamén da Cidade das TIC, onde como complemento á actividade da sede, se desenvolverán proxectos e probas piloto relacionados coa intelixencia artificial.
Por outra banda, están os dous hubs de innovación dixital, DIHGIGAL e DATAlife DIH, que agrupan un 10 % do emprego galego, e que de seguro, incrementarán e fortalecerán a súa actividade coa instalación da Aesia na Coruña. Neste sentido, outro dos grupos que se verá beneficiado é o tecido investigador, con expertos e laboratorios centrados en IA, computación cuántica, big data ou machine learning.
A isto hai que engadir o volume de postos de traballo -calcúlase que xerará uns 1.300- e as inversións que atraerá, que poderían acadar os 90 millóns de euros.
Sen dúbida, a Aesia é sinónimo de oportunidade, dunha oportunidade histórica para situar Galicia no mapa da incorporación da IA ás empresas e á sociedade, cunha proxección de futuro indubidable que nos permitirá seguir crecendo a nivel tecnolóxico e económico. Estamos só no principio, o mellor está por chegar.
Da mesma forma que o esforzo conxunto e a suma de todos tróuxonos ata aquí, sigamos así, xuntos, e non esquezamos nunca que “O que non é útil para a colmea, non é útil para a abella” (Marco Aurelio).