Salvemos os muráis de Urbano Lugrís!!
A portavoz de Cultura do BNG no Parlamento galego reflexiona sobre a urxencia de protexer a obra de Lugrís, en particular os murais da Rúa Olmos
É difícil explicar A Coruña como cidade creativa, como berce cultural galego con vocación universal, sen recalar no legado do pintor Urbano Lugrís. O noso pintor surrealista por excelencia, o Lugrís revulsivo e innovador, recoñecíbel nas cores inconfundíbeis das mariñas surrealistas, todo un mundo propio poboado de seres míticos e obxectos que nacen do persoal imaxinario do pintor.
Mais hai un trazo identificativo da personalidade de Lugrís: a popularización da obra pictórica muralística, a proximidade á cidadanía do común, como pegada fixa dos pasos vitais efémeros do autor.
Esta obra muralística aínda se conserva en espazos como a Confraría de Pescadores de Malpica ou na igrexa de Vilaboa (Culleredo). No entanto, moitos outros murais xa se teñen perdido, ao tempo que tamén algún foi salvado grazas ao compromiso social.
A coruñesa Rúa Olmos é hoxe testemuña dos camiños que leva transitado o legado plástico lugrisiano, como a cara e a cruz dun destino inconcluso. No número 25, un edificio en ruínas e pechado desde hai varios anos acolle no seu baixo, dedicado durante moitos anos ao servizo de hostalaría, un conxunto de murais de Lugrís (até 10 pezas e unha gran bóveda), datados no ano 1951, que corren o risco de desaparecer malia estar catalogado como Patrimonio Cultural de Galiza.
En fronte deste edificio, na sede de Abanca, podemos gozar do recuperado mural Vista de A Coruña 1669, trasladado desde o local que ocupara na rúa Real, salvado grazas á sensibilización social convertida en mobilización e articulación do proceso de tramitación da declaración como Ben de Interese Cultural por parte da Asociación O Mural perante a Xunta de Galiza.
Malia poder ter actuado de oficio, a inacción da Administración galega foi resolta no seu día mediante unha sentenza que instou o goberno a incoar o expediente BIC e pagar as custas do procedemento xudicial.
Semella que agora a infeliz historia volve repetirse. Os protagonistas tamén.
A Asociación O Mural e o colectivo In nave civitas levan anos advertindo ao goberno municipal do perigo ao que se enfronta o conxunto pictórico da rúa Olmos 25 á vista da degradación do edificio. E o Executivo coruñés fixo ouvidos xordos e incorreu nunha clara desatención das súas funcións diante dun edificio catalogado no PEPRI.
A Dirección Xeral de Patrimonio, pola súa parte, como máxima responsábel do patrimonio galego, está infelizmente desaparecida, non exerce o seu rol protector e non actúa conforme determina a propia Lei do patrimonio cultural de Galiza, activando a incoación dun expediente BIC que xa de seu implicaría medidas cautelares de protección para a conservación da obra lugrisiana.
E, mentres tanto, a obra pictórica de Lugrís fica abandonada e desprotexida.
Coma sempre, a sociedade coruñesa será quen se comprometa para avanzar cara á unha nova viaxe de recoñecemento, posta en valor e salvagarda do legado do noso pintor.