Cada vez que enfrontamos un asasinato por violencia de xénero, o primeiro sentimento é situarnos a carón da vítima, das súas persoas queridas; expresarlle o noso afecto e respecto, ademais de amosar esa indignación compartida con toda a sociedade. Por elo, para todos os seres queridos de Mercedes, a veciña da Coruña asasinada no seu domicilio a pasada semana, todo o noso cariño, o noso respecto e o noso apoio.
Cada muller á que lle arrebatan a vida por mor deste machismo estrutural que nos rodea e que impregna moitos dos espazos nos que convivimos, é un terrible recordatorio da urxente necesidade de combater a violencia contra as mulleres. Non podemos permitir que esta violencia se normalice, non podemos permitir que se invisibilice; porque na normalización e na invisibilización radica unha grande parte do problema.
E si, cada asasinato é un fracaso para as institucións que temos como cometido velar pola seguridade das mulleres. E si, debemos mellorar e seguir buscando espazos seguros para as mulleres que reclaman a nosa axuda. Pero tamén, como sociedade, debemos facer unha reflexión conxunta de en que punto estamos, e valorar se o que ocorre a diario coa violencia de xénero non nos sitúa ante un fracaso colectivo.
É indiscutible que ante calquera asasinato machista hai que interpelar aos responsables públicos dos mecanismos de protección das vítimas, ás forzas e corpos de seguridade, e é a nosa misión ineludible dar explicacións e, sobre todo, dar mellor resposta. Pero tamén debemos empezar a interpelarnos a cada un e a cada unha de nós.
España é pioneira e referente en canto á lexislación e normas de protección das vítimas de violencia de xénero. Ao longo dos anos temos posto en marcha protocolos, mecanismos e sistemas de protección. Temos desenvolvido un Pacto de Estado no que participan todas as institucións do Estado: Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, Comunidades Autónomas, Entidades Locais, Fiscalía, Poder Xudicial, asociacións de mulleres, axentes sociais e profesionais de moitos ámbitos. E, desgraciadamente, seguimos tendo que enfrontar unhas cifras de violencia de xénero terribles e inasumibles.
Os datos aos que sempre é duro recorrer nestas circunstancias, porque as mulleres asasinadas teñen nome e apelidos, non son unha mera estatística; deben servirnos para diagnosticar e buscar solucións.
Son 5.323 as mulleres que en Galicia están dentro do sistema VioGen, mulleres que necesitan algún tipo de protección para poder facer a súa vida diaria, 2.423 na provincia da Coruña. Son mulleres que enfrontaron o duro e difícil camiño de denunciar, de buscar unha saída a unha relación na que a violencia estaba presente. Cada unha delas é unha prioridade para o noso traballo diario e cada unha delas debe de ter a seguridade de que estamos aí para axudala, e para protexela.
Son 5.323 mulleres. Pero en realidade son moitas máis as persoas afectadas directamente pola violencia machista. Son os fillos e fillas das 5.323 mulleres. Son os pais e nais das 5.323 mulleres. Son as amigas e amigos das 5.323 mulleres. As curmáns e os curmáns das 5.232 mulleres. Son os seus veciños e veciñas. En definitiva, é toda a sociedade.
Por iso é imprescindible unha resposta colectiva que impida dunha vez por todas a invisibilización das 5.323 mulleres, a normalización da violencia de xénero. Porque a violencia de xénero é moito máis cunha lacra. É un problema estrutural que ten as súas profundas raíces na educación e na socialización das persoas, e que ten a súa base no machismo como forma de relación dos homes respecto das mulleres.
Os estudos indican que o 40% das mulleres maiores de 65 anos, teñen ou tiveron unha relación de parella na que a violencia física, psíquica, sexual ou económica estivo presente durante máis de 40 anos, e no 17% dos casos durante 20 a 40 anos. O dato é terrible, e evidencia que máis da metade das mulleres de máis de 65 anos son vítimas dalgún tipo de violencia de xénero.
Un problema colectivo require dunha solución colectiva, pero que empeza por un mesmo e por unha mesma. Empeza moitas veces por preguntarnos se vamos a facer algo ante a realidade que nos rodea. Porque é preciso seguir dando novos pasos e asi o plantexamos desde o Goberno, recordando que todas e todos, como sociedade, temos que tomar conciencia, temos a responsabilidade de facer "algo máis", cada quen o que estea ao alcance da súa man en cada momento.
Banalizar a figura da muller, perpetuar os estereotipos de xénero, invisibilizar ou excluír ás mulleres da vida pública, da acción política, da economía e dos espazos de prestixio social e poder; deteriora de xeito incuestionable as políticas de igualdade que tanto costa poñer en marcha. Non digamos xa o negacionismo da violencia de xénero ou a apelación á volta das mulleres ao muros das "cuestións privadas e familiares".
Por iso temos que ser máis firmes que nunca na defensa das políticas de igualdade. Son a base imprescindible para unha loita máis eficaz contra a violencia de xénero. Non podemos dar pasos atrás, porque como nos recorda cada unha das mulleres asasinadas, o prezo como sociedade é terrible.
O Goberno está comprometido coa igualdade, intentando poñer todos cantos recursos temos ao noso alcance. Pero segue sendo fundamental a sociedade. Todas e todos podemos e debemos ser absolutamente intolerantes coa violencia de xénero. Debémosllo a Mercedes, ás 67 mulleres que coma Mercedes foron asasinadas en Galicia, ás 5.439 mulleres que necesitan protección, aos seus fillos e fillas, aos seus seres queridos. É debémonolo a nós mesmos. Por nós e por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
María Rivas é subdelegada do Goberno na Coruña. Nada na Coruña en 1974. En xuño de 2018 asumiu a xefatura do Gabinete do Delegado do Goberno en Galicia, ata o seu nombramento como subdelegada do Goberno na Coruña en xuño de 2021.