José Antonio Santiso
Publicada

Teño a inmensa honra de ser o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas desde aquel 28 de maio de 2013, cando se produciu a súa aprobación definitiva en París, na vixésimo quinta Reunión do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB. Candidatura, por certo, impulsada desde o consenso de todos os axentes sociais, de abaixo cara arriba, unha das claves do seu éxito. 

A nosa Reserva abrangue un total de 116.724 hectáreas, o que representa o 14,33% da superficie da provincia da Coruña. Forman parte da mesma Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Non somos unha Reserva de Biosfera ao uso. Desde o principio concibímola como unha figura para impulsar o desenvolvemento do noso territorio á par que defender o noso patrimonio natural, histórico e tradicional, que emana das innumerables culturas das que bebemos xeración tras xeración. O quid da cuestión é impulsar medidas para mellorar a convivencia entre as persoas e a contorna, incluíndo a actividade industrial e os servizos existentes, para que así funcionen e perduren.

Nestes 11 anos de vida coido que demos pasos para estar ben orgullosos. Logramos o recoñecemento internacional, poñéndonos como exemplo de funcionamento. Acadamos premios, como o prestixioso Michel Batisse pola promoción da alimentación saudable. Pero, sobre todo, sumamos a administracións, entidades, empresas, asociacións e cidadanía en xeral en pro dunha causa que debe ser a de todos e todas.

Outro ámbito vehicular da nosa actividade é o turístico, dado que xestionamos o xeodestino pola encomenda da Xunta de Galicia. Seguindo co noso espírito, convertémonos no primeiro Destino de Ecoturismo da nosa comunidade. Queremos un turismo diferente, afastado de grandes aglomeracións, no que o visitante respire a esencia do noso, coñecendo innumerables enclaves e vivindo a actividade dos produtores locais. Neste senso, creamos unha marca de calidade propia, na que converxen os alimentos da horta e do mar, a hostalaría e o tecido turístico ao completo.

Este setembro, a Xunta e o Ministerio de Industria e Turismo recoñecéronnos como exemplo de xestión grazas á execución do Plan de Sostibilidade Turística, na nosa aspiración de chegar a ser referentes dun ecoturismo familiar e neutro en carbono. E este mesmo mes de outubro falamos no Congreso de Ecoturismo de España como modelo a seguir. Porque o turismo tamén debe respectar o medio e loitar contra o cambio climático.

Se na terra contamos con recursos de abondo, temos que mirar cara arriba para completar esta marabillosa estampa. Así, este ano obtivemos a cualificación de Destino Starlight, un galardón que nos cataloga como lugar privilexiado no ámbito da observación das estrelas.

Non nos detemos, porque hai moitos máis pasos por dar. Se hai un década fomos exemplo polo rupturismo que supuxo crear unha Reserva de Biosfera na comarca da Coruña e Betanzos, hoxe o somos por estar á vangarda do futuro, verde e sostible, pensando non só en nós, tamén nas vindeiras xeracións. Porque se por algo ten sentido esta aventura é por espertar un sentimento ambiental entre as novas xeracións.

A Reserva de Biosfera é moito máis que unha suma de territorios. É unha maneira de entender a vida, e de sentar as bases para que as sociedades do futuro sexan quen de soster o noso legado.