Esto de ser libraría
Unha visión do papel que xogan as librarías, que se enfrontan a unha etapa marcada polo relevo xeracional
Os aniversarios son datas para celebrar, para reunirse coa familia e amizades e festexar. Os aniversarios fannos felices, fannos humanos. Por iso, como libreira e como parte da directiva da Federación de Librarías de Galicia, paréceme especialmente bonito isto de celebrar O Día das Librarías. Algo así como o aniversario destes espazos máxicos nos que libros e lectores atopan o “match” perfecto.
Galicia é a comunidade con maior número de librarías por habitante, e este non é un dato máis. É o dato que explica en boa medida a nosa idiosincrasia como pobo: un pobo de contos, un pobo de libro. As librarías forman parte da nosa paisaxe diaria e das nosas vidas, e desde a Federación sabémolo ben. De feito, nos últimos anos vivimos un importante aumento de librarías asociadas -agora mesmo, no momento de escribir este artigo, son 148 as librarías que forman parte da federación-, e iso si que é un motivo de festexo.
Como non festexar crecer en número pese a todos os cambios que, segundo os máis agoireiros, presaxiaban a nosa desaparición?
Primeiro, na década de 2010, a chegada dos libros dixitais, que, segundo as nubes negras, acabarían co sector libreiro. A realidade, pola contra, foi ben distinta: o libro dixital axudou a que unha nova xeración de lectores e lectoras entrasen de cabeza no hábito lector, e levou a que moitas desas persoas deran o salto ao libro en papel, outorgándolle mesmo un status especial, un poder telúrico e aspiracional. Se o libro enganchaba, era preceptivo telo en papel. E incluso en diferentes edicións. Reto desbloqueado.
Logo chegaron as plataformas de streaming, e houbo quen vaticinou a morte de libro en pro das producións audiovisuais. Co que non contaban as máis negras nubes era con que, ao tempo que o auxe das plataformas, chegaría o auxe das redes sociais, e que nelas crecería unha tendencia imprevista e feliz: as creadoras de contido literario, xente nova amante das historias e dos libros que transformaron a forma en que toda unha xeración vivía as librarías. Deixamos de ser espazos para mercar libros e transformámonos en templos.
Nin tan sequera as grandes redes comerciais, dixitais ou físicas, foron quen de ferir de morte ás librarías. Ferir, feriron... pero aquí seguimos, cicatrizando e transformando o sector.
E que ninguén se leve a engano, porque o que ven hai ser aínda mellor, pero vai supor traballo, que dúbida cabe.
As librarías enfrontámonos a unha etapa na que debemos ser quen de solventar o relevo xeracional, mantendo os espazos tradicionais e independentes fortes para que os macro xigantes non fagociten o mercado. E é especialmente importante esta loita en Galicia, por mor da dispersión poboacional. Que cada vila, parroquia, aldea e barrio teñan a súa libraría de confianza non é algo que preocupe a ese xigantes do comercio, pero si preocupa á Federación, que traballa activamente por manter activos e abertos eses espazos de referencia -no rural e nos núcleos urbanos-.
E, por suposto, hai que dotar a esas librarías de contido. E non, non falamos de libros, eses danse por supostos. Falamos de actividades culturais, de clubes de lectura, de presentacións, de debates, de obradoiros, de charlas... As librarías galegas queren ser parte activa da vida social e cultural da súa contorna, e traballamos activamente nesta liña, xerando unha axenda unificada, organizando as Feiras do Libro de Galicia -con máis dunha ducia de citas cada ano-, colaborando co tecido cultural, social e asociativo das nosas vilas e cidades... pelexando.
Pelexando, ás veces, contra vento e mareas, traballando a diario por coidar aos nosos creadores e creadoras -o libro en galego aumentou as súas vendas considerablemente nas Feiras do Libro de 2024, e nesta liña queremos seguir traballando desde a Federación-, formando aos nosos libreiros e libreiras para que poidan facer crecer os seus negocios e, con eles, o tecido cultural e social que os acolle.
Desde a Federación de Librarías de Galicia cremos firmemente que a literatura, e todo o ecosistema que a sostén, no é un accesorio. Moi ao contrario, toda a cadea que traballa unida para conseguir que as historias cheguen ao público lector é fundamental, e por iso avogamos por darlle a cada peza o seu espazo. Quen escribe, quen edita, quen corrixe, quen distribúe e quen o achega ao público, somos esenciais, cada unha no noso espazo, traballando xuntas, pero non facendo o mesmo.
Comecei este artigo falando das celebracións de aniversario, e quero rematalo igual, falando das dúas cousas que nunca poden faltar nestas festas: os agasallos e os desexos.
E este ano, eu teño claro os meus. Ás librarías galegas quero agasallalas con tesón, con esa forza necesaria para seguir camiñando cara o futuro, transformando o negocio e meténdoo por completo no século XXI sen perder nunca de vista as nosas raíces.
En canto ao desexo... queridas librarías galegas, o meu desexo de aniversario para vos é que cada ano teñades máis lectores e lectoras aos que facer felices con novas lecturas.
Ao fin e ao cabo, de iso vai esto de ser libraría.