O dúo compostelán Grampoder volve aos escenarios cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.
‘PM’ é todo o que ocorre a partir da metade da xornada, cando comeza a facerse de noite e a inercia do día se fai cada vez máis difícil de corrixir. O novo disco de Grampoder contén dez cancións dominadas pola contundencia das guitarras, a enerxía das percusións e unhas letras feras e desencantadas, que tratan a perplexidade ante a velocidade do mundo, os medos, a frustración e a repulsa ante o engano ao que nos sometemos.