Festival de Fotografía da Coruña en Fundación Luis Seoane - A Coruña
A oitava edición de FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, tomará o pulso á produción fotográfica documental máis actual, con especial atención á desenvolvida en clave galega. O programa expositivo, que se inaugura o xoves 31 de outubro na Fundación Luis Seoanea, estará protagonizado por Bandia Ribeira (As Pontes, A Coruña, 1980) e Sebastián Bruno (Buenos Aires, 1989), quen cuestiona no seu traballo os procesos de desindustrialización e a transformación que estes conlevan sobre persoas, terreos e paisaxes.
Na mostra A vida é marabillosa, sen ela estarías morto, Bandia Ribeira fixa a súa mirada no Sur de Gales, no pasado, un dos máis importantes exportadores de carbón e aceiro do mundo. Con todo, o país lida na actualidade coas consecuencias da transición dunha economía produtiva a outra baseada nos servizos, proceso iniciado nos anos 80 co desmantelamento das minas, co consecuente aumento de desemprego e empobrecemento de amplos sectores da sociedade.
Pola súa banda, as fotografías que conforman a exposición TA-RA. Gales 2013-2022 son o relato dunha década de vida no Reino Unido, tamén no País de Gales. A experiencia que describe Sebastián Bruno na súa obra é unha mestura de estrañeza e familiaridade, marcada polos acontecementos sociopolíticos históricos e actuais, como son os doce anos de recortes e políticas de austeridade, o Brexit e a crise económica. Cunhas imaxes tan orixinais como clásicas, Bruno describe á sociedade actual de Gales mediante o retrato, xénero fotográfico por antonomasia, para captar o instante en que a máscara social tapa ao individuo, nun xogo irónico, mordaz e tenro á vez.
Ademais, aproveitando a súa presenza na Coruña, o autor arxentino impartirá un taller aberto e gratuíto que ten como obxectivo desenvolver un retrato contemporáneo sobre a cidade, que se enfronta a un dos seus maiores retos de futuro: a completa transformación da súa fachada marítima tras o cesamento de actividade portuaria nos peiraos.
A transición do sector primario ao terciario, partindo neste caso do turismo en España como paradigma dun modelo gastado, centrará así mesmo unha sesión de proxeccións e mesa aberta na Seoane (sábado 2 de novembro) comisariadas por Luis Díaz Díaz. Os traballos fotográficos de Arantxa Boyero, Manolo Espaliú, Cristina Arribas e Carmelo Vega, Néstor Lisón, Rubén Acosta e Elisa Gallego servirán para centrar un debate sobre turistificación e turismofobia, dous conceptos que estiveron tan en boga o pasado verán en Galicia, no que intervirán os arquitectos e urbanistas Iago Carro, Íñigo Sánchez e Elisa Gallego.
A fotografía como reflexo da sociedade en que vivimos tamén estará presente nas proxeccións que se levarán a cabo, neste caso, na Filmoteca de Galicia o sábado 2 de novembro: En Petit mon amour, Amador Iravedra penétrase no mundo da prostitución, con entrevistas a mulleres e clientes de imaxes de locais onde leva a cabo esta actividade, “sen tentar orientar nin posicionar a opinión do espectador”. En Agarda un anaco, Mateo Villalustre retrata a súa contorna próxima, o seu propio grupo de amigos, unha xeración que trata de edificarse e redireccionar o camiño herdado e cheo de obstáculos, polo que ademais se lles obriga a correr. Pola súa banda, Pablo Luaces propón en Usual Corners un percorrido por paisaxes e detalles dunha cidade recoñecible… ou non.
Como cada ano, de forma paralela ao Festival celebrarase unha feira editorial centrada na divulgación de fotolibros. Unha iniciativa única en Galicia e unha oportunidade para ver, tocar, consultar, descubrir e, sobre todo, comprar libros de fotografía en ocasións dificilmente accesibles doutra maneira. Neste marco (sábado 2 de novembro na Seoane) presentaranse ademais publicacións de recente creación, como Entre as augas, de Ana Núñez Rodríguez, unha proposta baseada nunha serie de xogos conceptuais con respecto ao visible-non visible e que é o resultado do II Premio Editorial de Fotografía Documental Galega; Pasaxeiro en tránsito, unha colección de tres libros obxectos editados por Candelaria Magliano; Ventá a Fisterra, novo libro do mítico José Caruncho, que reúne esta serie de fotografías despois de máis de corenta anos de traballo; e Bóveda, a memoria non lugar, primeiro libro do fotógrafo coruñés Óscar Górriz, unha obra que celebra a riqueza da cultura galega mediante un proxecto etnográfico, fotográfico e musical.
O peche desta edición chegará da man do proxecto Robot City, o proxecto formado polos artistas Salvador Rojo e Caskabel, cunha sesión de música atmosférica cargada de breaks con pasaxes mentais e hipnóticos. Música por computadora, influenciada polo sci-fi , elektro / techno e a mensaxe pura, clásico e atemporal. A sesión irá acompañada por unha sesión de proxeccións na que Caskabel, VJ e vídeo artista, combinará algunhas das fotografías que compoñen as exposicións da oitava edición de FFoco.