Lida Veiga é un dos nomes a seguir nas artes escénicas de Galicia. A actriz nada en Arzúa dará moito que falar nos próximos anos e pode converterse nunha das grandes intérpretes da escena galega e nacional.
Un dos seus últimos proxectos é Iribarne, unha obra que se poderá ver na Coruña o 15 e o 16 de marzo ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro. Esta revisión da vida de Manuel Fraga en clave de humor é unha produción de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) coa Mostra Internacional de Teatro (MIT).
A obra está tendo gran éxito de crítica e público e Lida Veiga foi nomeada a mellor actriz nos Premios Max. Hoxe charlamos coa actriz sobre a obra Iribarne, a figura de Manuel Fraga, o traballo no teatro ou as súas outras facetas como podcaster e presentadora.
Formas parte da obra Iribarne, como xurdiu esta oportunidade?
Eu estudei na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e nesa escola estaba Xavi Castiñeiras de ButacaZero como profesor. Ao ano seguinte tiveron un problema cunha actriz que se lesionou, e pedíronme que estudase o seu papel en dúas semanas para substituíla. Foi complicado, pero estou súper orgullosa. Xavi díxome que quería volver traballar comigo e devolverme o favor, aínda que o favor debíallo eu (ri). Chamoume por teléfono para falarme desta obra e díxome que quería que formase parte do elenco. Explicoume que se falaría de Fraga, pero non me concretou moitas cousas, pero sabendo quen estaba no proxecto non necesitaba saber moito máis. Era a oportunidade da miña vida.
Esta obra non é un biopic ao uso. Que se vai a atopar o público?
Ten un corte de esquerdas moi claro e ten unha forte presenza da nacionalidade galega. Fraga foi un político que se deu a coñecer en Madrid, pero que deixou unha pegada moi grande en Galicia. Defíneno como un eterno secundario e hoxe en día non o teñen tan en conta como unha das persoas que cambiaron a nosa historia política. É un deses personaxes que nos foron facendo como sociedade: franquismo, transición, democracia… tamén búscase explicar por que foi tan querido en Galicia ou como no PP aparecen vestixios fascistoides. Avisamos de que non é un biopic, traballamos con verdades absolutas, pero cóntanse desde unha perspectiva do pobo.
Ti es do 97, así que non terás moitos recordos de Fraga
Foi moi interesante porque a idea é poñer a xente de diferentes xeracións para ver como o perciben. Eu descubrín unha parte da miña identidade como galega por decisións de Fraga no seu momento. Non querían que todos os actores fosen licenciados en Fraga, senón ver como as novas xeracións tomamos un papel importante moitas veces desde a ignorancia, xa que nos libros de historia estudabas a Revolución francesa, pero a historia de España pasábase por alto e non se poñía o ollo na historia política de Galicia.
Que diferenzas notas entre actuar no teatro e nunha película?
Son lugares moi diferentes, para min a diferenza é o directo, percibes a reacción no momento. Esta obra rompe a cuarta parede, vemos como reacciona o público. O teatro está vivo e non existe sen o momento presente. É o máis agradecido, para ben ou para mal xa que non sabes como vai reaccionar, podes levar ao espectador por onde che interesa, pero tamén hai que deixalo fluír. No cinema os procesos son diferentes, os resultados non dependen tanto de ti. Hai traballo humano entre os departamentos, pero non tes a resposta do espectador como referente. En Iribarne parafraseamos cousas que pasan hoxe en día cunha diferenza de fai 30 ou 40 anos. Cuando toco un animal (película na que actuou) tivo un proceso de anos e nese tempo o mundo cambia e puido haber produtos que xa abriron camiño ou non. É máis relativo.
Sempre quixeches ser actriz desde pequena ou foi algo que xurdiu co paso do tempo?
Sempre estiven moi ligada ao mundo artístico, pero ao vivir nun pobo non tiven tantas oportunidades xa que está todo moi centralizado. Arzúa sempre tivo moito movemento, ía coa miña avoa ou coa miña familia, pero non pensei que puidese ser unha profesión. Aí foi importante a miña profesora de lingua en Bacharelato, Maca Iglesias, que me achegou ao teatro, facéndoo e levándome a velo a Santiago. Fíxome ser consciente de que era unha opción de traballo. Ademais a miña familia apoioume nesta decisión porque non sabía que ía facer ao acabar o Bacharelato. A aposta de Arte Dramático foi un arrebato e quixen que o destino o decidise.
Tamén tes un podcast, Exército Mekemeke, primeiro podcast galego nomeado ao Ondas. Como recibiches a noticia?
Pensando que era unha broma (ri). Carlos Vieito, que é o creador, mandóunolo e pensamos que era un fotomontaxe. Os outros podcast teñen moita calidade e nós facémolo por amor á arte. Estamos a tentar profesionalizalo, pero custa. Hai moitos podcast en galego con moita calidade e ver que estamos aí é un orgullo. Espero que á xente fágalle ver que se pode ter representación en galego.
Actriz, podcaster e tamén presentadora. Como foi saber que ías conducir a gala dos Premios Mestre Mateo?
Sinto repetirme, pero tamén pensei que era unha broma (ri). Ao principio tiven síndrome da impostora. Eu estou a empezar a miña carreira e é un agasallo estar aí con Miguel e Noemi, que son grandes profesionais. Afróntoo con moita ilusión, cun sorriso de orella a orella e con ganas de gozalo. Non sei se é porque traballo en mil cousas e ando coa cabeza en moitos lugares, e agora non lle dou tanta importancia, pero sei que no momento da galega asustareime. Agora vouno levando ben porque temos un equipo que me dá moita confianza.