Contenido patrocinado

A pequena parroquia de Castelo, lugar natal de Xosé Antonio Touriñán, está situada ao pé do Monte Xalo, en Culleredo. Como en case todas as aldeas e vilas de Galicia, alí celebran as súas festas en agosto pero teñen a peculiaridade de que o San Ramón foise convertindo pouco a pouco nun festival que congregou máis de 10.000 persoas nas súas últimas edicións. 

Este ano, Castelo Conta celebrarase do 19 ao 25 de agosto na que será a súa novena edición. Como avanzou na presentación da programación Xosé A. Touriñán, director do festival, Castelo Conta 2024 será o máis ambicioso ata o momento, incorporando novas propostas e cun cartel no que a música, a comedia, o teatro e a tradición oral conviven con xantares populares, actividades na natureza e programación para os cativos e cativas.

A música sempre tivo moita presenza no festival e este ano a aposta polos artistas galegos vai un paso máis adiante aumentando o número de concertos con propostas diversas.

Programa

O venres 23 é a noite da música no Castelo Conta. O escenario principal da Polideportiva de Castelo acollerá os concertos de Dios ke te crew, Sés, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

Xabier é un gran amigo do festival e leva participando nas últimas tres edicións. Nesta ocasión, acode coas Adufeiras de Salitre para dar un concerto de gran formato. Pola súa parte, Sés ofrecerá un dos poucos concertos con banda desta temporada e Dios ke te crew visita por vez primeira Castelo Conta dentro da xira de celebración dos seus vinte anos sobre os escenarios.

Este concerto triple é o único que require mercar entrada, que poden adquirirse na web do festival (casteloconta.gal) ou na plataforma Ataquilla.

Outro dos pratos fortes da semana será o concerto de Boyanka Kostova. O dúo compostelán levará os seus ritmos urbanos e o seu trap de aldea ao mesmo escenario o xoves 22 de agosto nun concerto para o cal o acceso será libre ata completar a capacidade do recinto.

Público dunha das actuacións musicais do Castelo Conta Cedida

Os seráns

O formato do Castelo Conta leva as actividades polas diferentes aldeas da parroquia, ofrecendo espectáculos en escenarios situados nas casas dos veciños. Estas propostas teñen lugar nos seráns e contarán nesta edición con Lamatumbá, Tiruleque e Maricarme.

Os ourensáns, autores de himnos como Licor café, ofrecerán un concerto de pequeno formato o luns 19 na Eira de López, en Castelo de Abaixo. 

Tiruleque, mestres de tantos e tantas, é un dos grupos máis veteráns da música tradicional galega. O seu concerto terá lugar o martes 20 nos Petoutos, en Vilaverde. 

Os seráns musicais nas aldeas chegarán á súa fin o mércores 21 con Maricarme. Este supergrupo do tradi composto por Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido actuará na Eira do Ferrador, en Xalo.

Vermús na taberna

Dentro das novidades desta edición atopamos tamén os Vermús na taberna, unhas sesións especiais aos mediodías que teñen lugar na Taberna do Castelo Conta, un espazo que reunirá gastronomía, productos de proximidade e música. 

Do luns 19 ao venres 23, en horario de 14:00 a 15:30 horas, haberá showcookings nos que os chefs Jorge Trigo, Lolo Mosteiro, Paula Martínez, Manuel Domínguez, Damián Paris e Kike Piñeiro prepararán petiscos especiais para estes vermús de Castelo. A música estará ao cargo de Alana, Eris Mackenzie, Comando Curuxás, Lontreira e crnds. 

Comedia, teatro familiar e actividades na natureza para perfección do cartel 

Por se a música fose pouco, durante toda a semana haberá espectáculos de comedia, teatro familiar, actividades na natureza, proxeccións audiovisuais, proxectos de recuperación da tradición oral e moito máis. Unha semana cultural de primeiro nivel a un tiro de pedra da Coruña.

Todos os horarios e a venda de entradas están dispoñible en casteloconta.gal e nas redes sociais do festival.