Tras a salida de Miguelanxo Prado da dirección, Viñetas desde o Atlántico pasou un ano de transición ata atopar, fai poucos meses, ao seu novo director en Manel Cráneo. Reputado autor coruñés, con experiencia tamén no sector da xestión cultural, asumiu o cargo con poucos meses e moito traballo por diante.
Fíxoo cun obxectivo claro: revolucionar o festival, pero mantendo a súa esencia. 18 exposicións, máis de 100 sesións de firmas e varias seccións novas e atractivas marcarán a edición 2024 de Viñetas desde o Atlántico, que da comezo o 12 de agosto e manterase ata o día 18.
É unha edición de homenaxes. Viñetas terá a súa primeira figura galega, adicada a Gaspariño, de Xaquín Marín. Ademais, haberá unha exposición adicada ao recentemente falecido Akira Toriyama, que marcou a varias xeracións de galegos e galegas con personaxes como Son Goku ou Arale. De todo isto, e moito máis, falou Manel Cráneo con Quincemil.
Como define Viñetas desde O Atlántico?
Viñetas é un festival único, por unha sinxela razón: está baseado no modelo de mimo e protección dos autores e dos seus dereitos. Outros salóns que están máis centrados na parte comercial e de venta. Coa Rúa BD, Viñetas sempre tivo tamén esa parte comercial e este ano imos intentar mimala un pouco máis, pero mantendo a esencia de que somos un festival centrado nas exposicións e nos autores.
É un festival con moita actividade paralela, esto fai que sexa único. Están as que se fan desde a propia organización dentro do programa oficial, pero logo temos actividades que o completan, e que as pagan e poñen os editores. Imos ter 100 sesións de firmas con autores que veñen a maiores dos que están no programa oficial e 30 actividades paralelas na Rúa BD.
Queremos facer un formato entrevista máis distendido, pero tamén máis "gamberro", o que queremos é abrir público con isto
Hai varias novidades este ano, unha delas afecta directamente aos máis pequenos.
Temos unha sección nova que é Viñetas Mini, que vai englobar actividades para público infantil que van desde proxeccións de cine no Teatro Colón, un concerto infantil de Chuches Amil (autor da banda sonora de Viñetas), obradoiros prácticos, dúas zonas de xogo de Superthings e Piratix. A todos os chavales que pasen por alí se lles vai dar un cómic de regalo e van vir a firmar os propios personaxes un par de tardes.
Outra, pode que a máis sorprendente, é o late night que van facer en Viñetas Show.
Con Viñetas Show o que pretendemos é levar o cómic ao mundo do espectáculo, ao mundo escenográfico. As típicas charlas que antes se daban na sala de prensa do Kiosco Alfonso, que eran un autor sentado dando unha especie de conferencia, queremos que esta vez sexa algo máis distendido, con música en directo, que teña un formato entrevista... Que podamos falar cós autores da súa vida persoal, saber un pouco máis deles.
O que pretendemos é que a xente se achegue alí, que coñeza os autores e que vexa que son xente majísima que lles vai caer de maravilla. Que ese punto cercano sirva para promocionar o traballo dos autores, pero a través da súa personalidade, ver que lles gusta, cales son as súas influencias... Queremos facer un formato entrevista máis distendido, pero tamén máis "gamberro", o que queremos é abrir público con isto.
Dentro de Viñetas Show, ademais das charlas e as proxeccións de cine, imos ter tamén como acto inaugural un concerto ilustrado. Están preparando entre Sangre de Muérdago, Xulia Vicente e Sekone un concerto de música folk moi íntimo. Están coordinando para que o que debuxen Xulia e Sekone teña moito que ver có tema que están interpretando en cada momento. Imos ver debuxo en directo a toda pantalla no Teatro Colón ao tempo que avanza a música, vai ser un espectáculo moi bonito.
Había un comentario xeral de "xa era hora", porque é a primeira vez que, despois de 27 anos, Viñetas desde o Atlántico vai a adicarlle unha figura nova a un personaxe galego
Este ano morreu o creador de Dragon Ball e Arale. Vai haber homenaxe?
A homenaxe a Toriyama era necesaria. Hai varias xeracións de galegos e galegas que nos criamos con Son Goku e Arale. Todas estas series que coñecimos a través do Xabarín, que foron as primeiras de anime que chegaron aquí dobladas en galego, marcaron moito á poboación en Galicia.
Cando nos enteramos do falecemento, o que pensamos foi facer unha homenaxe que conectara a Toriyama con Galicia. Chamamos a máis de 20 autores e autoras, repartimos personaxes das series e cada un tiña que facer un personaxe ambientado nun lugar de Galicia recoñecible. Por exemplo: a ponte das Burgas, a Torre de Hércules... En cada lugar poñemos en acción a personaxes de Doctor Slum e Dragon Ball.
É unha exposición (ubicada en Durán Loriga) que serve como guía turística de Galicia, pero percorrendo eses lugares cos personaxes. Está de postal, son as láminas máis grandes de Viñetas (tamaño A2). É unha forma de potenciar Galicia e as series de Toriyama. Ademais, imos ter un dragón xigante colgado arriba, que vai molar un montón. Mide tres metros e pico de largo e está feito sobre PVC. Imos ter tamén vitrinas con figuras de Dragon Ball difíciles de atopar e a serie de manga de Arale completa, a edición xaponesa, que a trouxo de alí unha das nosas compañeiras.
Pero non é o único, porque este é o ano no que Viñetas vai ter a súa primeira figura 100% galega con Gaspariño, de Xaquín Marín.
Había un comentario xeral de "xa era hora", porque é a primeira vez que, despois de 27 anos, Viñetas desde o Atlántico vai a adicarlle unha figura nova a un personaxe galego. Eu pensei en Xaquín Marín porque é un dos pioneiros e porque xusto, casualidades da vida, se cumplen 50 anos da aparición das primeiras tiras de Gaspariño en galego. Nos 70 estaban moi de moda as tiras de prensa e Xaquín Marín intentou facer algo similar aquí en Galicia con Gaspariño.
Poder facerlle esta homenaxe, parece que era de recibo. Houbo debate: "imos facer figura nova, facemos un Son Goku ou un personaxe galego?" E dixemos, "se facemos exposición de Son Goku, facemos figura de Gaspariño". Con Xaquín creo que temos que ter ese respeto cara ós pioneiros que empezaron a facer cómic en Galicia, que son os que nos abriron a porta. Eles atrevéronse a facer cómic en galego a finais da dictatura franquista, cando o galego era unha lingua que non estaba ben vista. Era necesario.
O gran choque é atoparte moitas cousas a nivel de organización que non sabías como se facían antes e te atopas que tes que empezar desde cero
Viñetas sempre foi un festival que apostou polo talento galego.
Sempre se apostou, en maior ou menor medida, polo talento galego. Esta (a da figura de Gaspariño) é unha aposta xa moi forte, como poñerse xa firmes. Agora xa temos unha primeira figura que vai perdurar e que se vai sacar todos os anos. A figura vai estar estar exposta no hall do Teatro Colón durante toda a semana e logo, ao rematar as actividades en setembro, pasará a estar no Kiosco Alfonso ata o 8 de xaneiro. As exposicións do Kiosko Alfonso, este ano, imos prolongalas ata xaneiro e a figura de Xaquín vai presidir a entrada.
Cal era a súa percepción de Viñetas antes de despois de ser o seu director?
Eu xa sabía que o festival, desde dentro, era moi complicado de levar a cabo porque teño experiencia como comisario, director de proxectos, coordinador de exposicións... Tes un pouco unha idea do que é organizar unha exposición. Aquí, o traballo sabes que vai ser máis complicado porque se multiplica por 14. E despois hai complicacións, burocracias, procesos máis lentos que desde a industria privada... hai que ir amoldándose ao perfil de traballo que tes que ter coa administración pública.
Tiven que adaptarme a este sistema, son unha persoa moi camaleónica, gústame traballar en equipo e aí non tiven problema. O gran choque é atoparte moitas cousas a nivel de organización que non sabías como se facían antes e te atopas que tes que empezar desde cero. Ves algunhas carencias que había tamén, intentar suplilas, encher ocos e tratar de organizar todo ese traballo, que non é nada fácil.
Na Coruña, a nivel expositivo, temos un dos mellores salóns de España e de Europa. A calidade das exposicións é envexable
Vostede dixo na presentación que o festival precisaba dunha renovación. Por que?
A esencia do festival todos sabemos cal é, pero había cousas que ían xa en "piloto automático". Cando levas moitos anos nun festival, tes esa tendencia. Non hai cousa peor que estar facendo un traballo de edición nun festival e entrar nese modo. Viñetas, nestes últimos anos, tiña unha fórmula que se estaba mantendo e que, desde fóra, se pedía unha renovación.
Unha parte é a comercial, que as casetas precisaban renovación, e outra nas exposicións. A nivel de que a xente que vén ás exposicións xa non é a que viña fai 25 anos. Hai unha forma distinta de ver os espacios expositivos. A día de hoxe hai moitos autores que traballan en dixital e non os podes deixar fóra. Tamén hai moitos contidos audiovisuais que tes que meter nas exposicións, este ano en casi todas vai haber unha pantalla para apoiar o que ves nos cadros. Queremos que sexa unha experiencia que vaia un pouco máis alá.
Outra frase súa foi "quero que Viñetas sea exemplo a nivel nacional".
Sí, e vouna ampliar. Realmente, vendo o que está a facer o meu equipo, o ano que vén imos intentar ser exemplo a nivel europeo. Creo que o que estamos conseguindo este ano a nivel expositivo está á altura de moitos salóns europeos. Atrévome a dicir, eu que vou a moitos festivais como Madrid ou Barcelona, que non están ao nivel de exposicións ao que estamos nós. A calidade das exposicións que temos aquí, só somos conscientes se saímos fóra. Na Coruña, a nivel expositivo, temos un dos mellores salóns de España e de Europa. A calidade das exposicións é envexable.