Se nos ultimos 30 anos fuches a algunha verbena en Galicia, tes que coñecer á orquestra Panorama. Xa afianzada como unha das máis potentes a nivel galego, a Panorama continúa a súa expansión polas festas do resto do territorio nacional, completando este mesmo 2024 todas as comunidades autónomas da Península despois de pasar por Murcia.
Un total de 149 concertos en sete meses, a maioría deles no verán, unha época na que apenas descansan. Unha das súas caras máis recoñecibles é a de Lito, que leva 31 dos seus 57 anos coa orquestra. O mundo da música cautivouno cando tiña apenas 12 anos e fixo del a súa paixón e a súa vida.
No eido profesional, esa vida pasou a ter o nome da Panorama fai tres décadas. Agora, tanto el como a orquestra teñen o reto de afrontar un novo cambio xeracional no público das verbenas, para o que apostarán por un novo escenario "máis grande e máis espectacular". De todo isto, e moito máis, Lito falou con Quincemil.
Que balance fas do 2024 da orquestra?
Moi positivo. A verdade é que foi dos mellores anos en canto a acollida do público. Seguimos avanzando na nosa xira nacional, na Península fóramos a todas as comunidades e quedábanos Murcia. Neste ano 24 visitamos Murcia nun par de ocasións e a verdade que foi xenial, de marabilla.
Canto e cando descansades no verán?
No verán temos o pacto entre os artistas de descansar un día en agosto e en xullo poñemos un día de descanso, pero ó mellor podemos descansar dous ou tres. O pacto é ese, que máis dun mes seguido non tocamos.
Como aguantades ese ritmo de concertos e viaxes?
Agora mesmo estaremos nun 50%, sobre 75 de 80 actuación en Galicia e as demais, ata chegar ás 150, facémolas fóra. Que pasa cando imos fóra? Sobre todo no verán, cando imos, imos en xiras máis amplias, imos en ruta, por iso podemos chegar tan lonxe e actuar todos os días. O peor son os días que botas fóra da casa sen ver á familia. Pero tamén hai que darse conta de que nós vivimos todo o ano disto. Se tocamos sete meses, neses sete meses hai que xerar todo o de vivir un ano, ó final somo 35 persoas en ruta, 35 familias.
Onde notades máis acollida, en Galicia ou fóra?
Nos dous sitios. Fóra, cada vez coñécenos máis, xa siguen a orquestra, a xuventude empeza a ir onde está a Panorama, cousa que non ocorría anos atrás, a orquestra é coñecida por toda España. En Galicia pasa un pouquiño o mesmo. Ao actuar menos, ao non estar tan seguido nunha mesma zona, fai que a xente acuda porque igual antes a vía cinco veces e agora unha soa e iso xera máis expectación.
"O 25 vai ser un ano de moita novidade. A máis grande é que cambiamos o escenario, toda a montaxe por completo. Facemos un escenario máis grande e máis espectacular"
Como tedes o calendario para o 2025? E para o 26 e o 27?
O calendario está prácticamente pechado, quedan uns flecos de nada para o mes de outubro, que sempre se contrata máis tarde e o facemos fóra. 130 e pico hai xa. Para o 27 non temos contratos firmados, porque non nos gusta traballar con tanto marxe, pero sí temos reservas de datas para as festas que imos sempre como As Somozas, Betanzos, Caldas de Reis... Do 26 si que xa hai algunhas. Do 27 só temos as reservas das festas que imos sempre e non queremos faltar.
Tedes algunha novidade pensada para o próximo ano?
O 25 vai ser un ano de moita novidade. A máis grande é que cambiamos o escenario, toda a montaxe por completo. Facemos un escenario máis grande e máis espectacular. Cambia toda a infraestrutura e pasaremos de ser 22 a 23 en escena. O escenario estase facendo desde o mes de maio e será máis grande e espectacular.
"No día a día, a maioría levamos moitos anos e temos a experiencia suficiente para vivir o día e, cando hai problemiñas como en todas as familias, tratar de solucionalos"
Como facedes para entendervos e poñeros de acordo entre tanta xente?
Nós facemos a xira de sete meses, pero en realidade son nove, xa que dous son de ensaios. Nos ensaios tratamos de vaia todo o máximo organizado e, ó final, non pode mandar todo dios. As decisión artísticas, por exemplo, tómoas eu, aínda que tomo consellos de todos. No día a día, a maioría levamos moitos anos e temos a experiencia suficiente para vivir o día e, cando hai problemiñas como en todas as familias, tratar de solucionalos.
Levas máis de media vida na orquestra, que é a Panorama para ti?
Para min, profesionalmente e casi persoalmente, é a miña vida. Síntome tamén o creador dela, dos pasos que foi dando sobre todo. É como unha obra miña, como quen pinta un cadro ou fai unha casa. Para min, profesionalmente, é todo.
En que vos baseades para facer o repertorio?
Póñome a traballar nel nos tres meses que estamos parados, para que, cando chegue o momento de ensaiar, saber o que hai que ensaiar. Baséome sempre no que a xente demanda, nos cambios xeracionais da verbena e no contacto co público. O máis importante é o repertorio, despois os artistas e despois a infraestrutura. Sen un repertorio adecuado, os artistas non lucen e, sen artistas bos, tamén é imposible que ese escenario poda lucir.
O repertorio é básico. Doulle moitas voltas e sempre o fago ao estilo da orquestra, no que hai moita interacción e colaboración co público, poñerse sempre na actualidade, que a xente cante, baile, ría, salte... Entendemos que á verbena vai xente de todas as idades e todos os gustos. O que queremos é que, durante esas tres horas, pasemos polos gustos de cada un dos que nos van a ver.
Conservamos ó mellor un 20% das cousas de sempre, aínda que as fagamos noutro orde e doutro xeito. Algunhas cancións de rock coma Los Suaves e despois, o resto, tratamos de que sexa novo, que non quere dicir que sexa todo actualidade. Agora hai que xuntar a actualidade con facer música remember. O repertorio é moi variado e todo co seu por que.
"Entendemos que á verbena vai xente de todas as idades e todos os gustos. O que queremos é que, durante esas tres horas, pasemos polos gustos de cada un dos que nos van a ver"
Nestes 31 anos coa Panorama, en que cambiaron as orquestras e as verbenas?
A vida cambia rápido, vai con présa. Eu son da opinión de que aquí, en Galicia, a verbena e as orquestras van máis rápido ca iso. Aquí, lóxicamente, hai uns cambios xeracionais que eu boto por ciclos de cinco anos, máis ou menos. Realmente, a diferencia de que haxa máis xente ou menos xente nas festas, normalmente, é a cantidade de xuventude que hai. A xente veterana que vai, vai á festa do pobo, a calquera festa.
O rango de 15 a 30 anos é o que permite que vaia máis ou menos xente e esa xente ten que ir por algo. Baseándonos niso, lóxicamente hai uns cambios xeracionais. Nenos que con 14 anos ían cós pais, despois, ao cabo dos anos, xa van sós, son os que están diante do escenario, os que van a un sitio determinado.
Agora estamos nun cambio xeracional total. Saímos da Covid e despois veu un ano no que a xente só quería saír, pero agora hai un cambio xeracional no que temos que tratar de conectar as orquestras outra vez coa xuventude. É imporante, estamos nun momento delicado. Necesitamos que esa nova xuventude e esa nova xente das festas non escape das orquestras.
A xente veterana, por desgraza, chega un momento no que vai desaparecendo, así é a vida. Por iso precisamos que esa xuventude veña. Pasou tamén nos finais dos 90. A xuventude estaba escapando das festas e unha serie de orquestras apostamos por darlle un pouquiño o que necesitaban. Conseguiuse conservar e agora estamos na misma época. Sempre ten que haber xuventude nas festas, porque iso é o que fai que perduren no tempo e o que fai que non morran.
"Sempre ten que haber xuventude nas festas, porque iso é o que fai que perduren no tempo e o que fai que non morran"
Como se poden adaptar as orquestras a este cambio?
Hay que apostar. Nós sempre fomos unha orquestra que apostou por cousas diferentes. No seu momento apostamos por unha montaxe e infraestrutura. Noutros momentos apostamos polo espectáculo, outras veces por aéreos, últimamente polas coreografías e o baile urbano... Hai que ir variando segundo van cambiando as xeracións.