Hai uns días presenciaba a entrevista que as compañeiras da radio estaban a facerlle a Leria, un grupo de catro rapazas que por entón eu descoñecía. Quedei coas gañas de escoitar a súa música e de saber máis delas, xa que deixaban ver que chegan ao panorama musical galego coas ideas claras e talento a esgalla.
Deixo por escrito a leria con Helena, Itzi, Mayra e Andrea:
Comezastes a cantar na rúa… Como era facelo e como vos xuntastes e pasastes aos escenarios?
Tocar na rúa foi unha etapa moi bonita, foron os nosos comezos, o que hoxe é Leria naceu de ir tocar á rúa sen máis pretensión que pasalo ben. Sempre tiñamos moitos nervios, incerteza, e ganas e ilusión a partes iguais.
O público na rúa é totalmente diferente ao público dos concertos: na rúa a xente vai cun propósito, pasa diante dos músicos pero non vai especificamente velos. O bonito disto é cando, a pesar diso, a xente presta atención e quedan un anaco a escoitar, ou mesmo decide quedar parte da súa tarde a escoitar. Un simple xesto coma un sorriso, unha moeda (aínda que nós non o faciamos polos cartos), unha frase coma ‘non deixedes de facer música’, ou chamar a atención dunha nena pequena que con toda a súa inxenuidade comeza bailar… Iso é o especial e o máxico de tocar na rúa.
Pasamos da rúa ás salas cando Dani, de Sons de Breogán, nos contactou para tocar na Mardi Gras: aí comezamos rodar por salas e deixamos un pouco atrás a rúa. Ademais de que foi o primeiro concerto con Andrea (teclista de Leria).
O cambio da rúa aos escenarios foi moi emocionante, porque iso significaba que o proxecto era real, que se estaba a formalizar e que funcionaba.
Claramente, as sensacións de tocar na rúa e nos escenarios cambian completamente: tocar nunha sala para xente que viña especificamente vernos era algo novo para nós. A xente xa non nos escoitaba de pasada, a xente estaba aí para escoitar o repertorio enteiro. Isto traía máis presión, obviamente, porque os erros íanse notar moito máis, pero non había nada que puidera sacarnos do transo no que entramos cando pisamos un escenario para tocar os nosos temas. Por sorte, a día de hoxe seguimos nese transo e temos cada día máis claro que a música o é todo para nós e que imos seguir facendo música toda a vida enriba dos escenarios. E, se tivésemos que volver á rúa, volveriamos; mais nunca deixariamos de tocar.
Vestides cores brillantes, gafas chulas e moita seguridade… Pero que é o que vos caracteriza a nivel musical?
Coidamos que unha das cousas que máis nos caracterizan é o bo rollo que transmitimos, tanto enriba dos escenarios como (esperamos que sexa así) fóra deles. Non somos as músicas máis técnicas do mundo, pero desfrutamos do que facemos e ao final iso tamén se transmite á hora de compoñer.
Agora gustaríame saber un pouco de cada unha. Como xurdiu o amor pola música? É un soño que tiñades de sempre? Cales son as vosas referentes?
Andrea: A miña casa moveuse pola música dende que teño uso de razón. O meu avó leva máis de 50 anos sobre os escenarios tocando a guitarra e cantando rock dos anos 60. Pola vea clásica, o meu tío pianista acompañante, concertista e profesor no Conservatorio Superior. Pola vea tradi, a miña madriña gaiteira, cantareira e pandereteira… E así podería seguir, mais como se pode ver, o meu amor pola música foi algo absolutamente inevitable. Pola miña banda, comecei estudando catro anos de piano no Conservatorio, algo que non remataba de convencerme e, por circunstancias da vida, rematei cambiando de especialidade a canto lírico, no que curso a día de hoxe 5º de grao medio. Os anos de piano servíronme para acompañarme mentres cantaba, e iso levoume ata Leria, que é a día de hoxe a miña maior paixón. Con tal mestura de influencias musicais, os meus gustos son absolutamente variados e aleatorios, mais se tivese que decantarme por un par a día de hoxe, podería dicir que Miley Cyrus ou Måneskin.
Helena: O meu amor pola música creo que está de sempre. Teño familia que toca e meus pais sempre me levaron a concertos. A verdade é que antes de Leria non tocaba, pero si que ía a todos os concertos que podía e apunteime a canto, xa que sempre me gustou cantar e todo o artístico. Supoño que por iso estudei para ser técnica de son… Pero como dixen antes, nunca tocara un instrumento e Leria era unha maneira de estar nese ambiente. Leria abriume a porta ao que sempre quixen facer.
Itzi: Xa de pequena ía no coche inventando cancións e cantando a pleno pulmón os temazos que meus pais poñían a todas horas. Estiven no Conservatorio dende os 12 aos 22, uns anos con violonchelo e outros con canto lírico, pero non foi ata que entrei en Leria que pensei na posibilidade de adicarme a isto. Algunhas das miñas referentes: Luz Casal, Sés, Patricia Insúa (baixista), e todos os meus amigos do mundo da música. Inspíranme día a día e lémbranme que paga a pena intentalo.
Mayra: Miña nai di que é xenética, e pois… será verdade. Teño o recordo de ver cantar a miña avoa durante horas na casa onde me criei… a miña primeira referente. Teño unha foto con 3 anos cantando cun micro na man, e lembro con 4 ou 5 collerme un berrinche tremendo porque quería mercar unha guitarra eléctrica. Vistas a evitar berrinches, aos 6 anos comezo no Conservatorio a tocar guitarra, onde estiven 4 anos e, a partir de aí, toco pola miña conta… Sempre metida en proxectos musicais e collendo a guitarra cada día da miña vida. Comecei a cantar polo simple feito de acompañar coa voz a música que facía coa guitarra pero, a día de hoxe, non contemplo o meu ser sen cantar. Os meus referentes musicais son, sobre todo, grupos indie españois e galegos. Unha banda que me marcou é Love of Lesbian, unha banda que me inspira a querer seguir na música é Ginebras, un cantautor que me emociona é Pedro Pastor, unha gran referente para min é Sés, e podería seguir numerando artistas un bo rato. Agora mesmo a música que mais estou a escoitar é The Rapants.
Sacastes tres tremas, o último Chulita ben. Estes primeiros sinxelos están a ter éxito en plataformas como Spotify e YouTube… Que expectativas tedes?
O mellor é non ter expectativas altas para non levarse un chasco, pero á vez cremos moito no noso proxecto e no que temos que contar ao mundo. Agardamos que a xente o pase tan ben coma o pasamos nós compoñendo, tocando e gravando.
O proceso de creación: Como é? Leva moito tempo?
Polo momento, o noso proceso de creación foi que traíamos as cancións compostas da casa (letra e acordes) e no local de ensaio dabámoslle forma. Leva bastante tempo, sobre todo ao principio cando formamos a banda porque aínda estabamos a encontrar o noso son, cousa que a día de hoxe temos bastante marcado, polo que agora, á hora de compoñer temas novos, temos moita máis facilidade e rapidez.
Facer desfrutar e ó tempo reivindicar o noso lugar na música e no mundo é posible… Cal é o fondo das vosas letras?
Si que temos algunha canción máis reivindicativa, sobre todo no que estamos a preparar, pero tamén é certo que polo feito de sermos mulleres parece que xa temos que ter cancións reivindicativas, e o verdadeiramente reivindicativo é que somos catro mulleres que soben a un escenario a facer o que lles dá a gana. A realidade é que as nosas letras van de rir, de saltar, de cagarnos en todo, de que podemos ser máis intensas ou podemos ser chulitas ben, falar de amor ou non falar de nada en concreto.
Dende o voso lugar de mulleres que fan música, pero que tamén se dedican a pensar a cultura e a desigualdade, que costumes e ideas credes que deben mudar ou resignificarse neste eido?
Ás veces, polo mero feito de ser muller xa te tachan de non saber, e iso é moi duro. Por que non vou saber máis ca ti? Talvez me formei durante máis anos ou levo traballando máis e teño máis experiencia. A xente tende a dar por feito cousas que non son para nada a realidade, tamén tende xulgar antes de coñecer e de dar unha oportunidade.
Así que debería mudar ese pensamento antigo de que as mulleres non fan boa música ou que só as chaman porque son mulleres ou porque son guapas. Nós escoitamos de todo e é moi triste… Aínda que tamén temos moito apoio.
É complicado dedicarse de maneira exclusiva á música?
É un si rotundo. Todas nós traballamos, estudamos ou ambas. Sobre todo é complicado nos comezos, que ao final é onde nos atopamos.
Que lle diriades, ou que recomendacións lle dariades, a aquelas que soñan con formar parte dunha banda?
Que se animen. Se hai un lugar onde aprendes e onde formas unha familia é facendo cancións todas metidas nun local, porque son moitas horas xuntas e moitas anécdotas que despois contar.
Que non se preocupen polo que digan, que estamos todas xuntas nisto, que nos imos apoiar e imos apostar polas nosas compañeiras. Que non son menos ca ninguén, que fagan o que lles faga felices, que nunca renuncien aos seus soños porque dentro de moitos anos o que van recordar é que, pasara o que pasara, sempre foron fieis a si mesmas e fixeron o que querían e o que lles facía desfrutar.
E que vos diriades a vós mesmas, ás nenas que fostes?
Andrea: Que ninguén che diga que non podes ser Hannah Montana.
Helena: Que se anime a facer o que lle gusta.
Itzi: Fíate da túa intuición e deixa de reprimirte por tentar encaixar. Paga moito máis a pena desfrutar de ser ti.
Mayra: Que sempre sexa fiel a si mesma, que por moitas veces que a xente lle diga que non serve para isto, ela confíe no que sente no peito. Que a única verdade é a que ela leva dentro.
Onde desexades chegar como grupo?
Nós queremos explotar o proxecto ao máximo e traer un novo concepto á nosa industria: un grupo de rapazas que tocan todas instrumentos en directo, que fan o que lles dá a gana, con valentía e descaro, que tanto poden contar historias coas súas letras como poñer bailar unha sala enteira.
Queremos rebentar o teito de cristal e abrir o camiño ás próximas xeracións de rapazas que quixeren facer música, e nós seguir desfrutando enriba dun escenario e seguir a sentirnos máis vivas ca nunca. Mais, ante todo, somos amigas, así que a nosa esperanza é chegar a vellas e seguir xuntándonos para tocar e desfrutar da música.
Sígovos a pista e quedo escoitando en bucle o voso último temazo: