É a atemporalidade, as texturas no son, o coidado que fai das liñas versos, o pasado enfiado ao presente e un non se sabe o qué que remove, que atina cunha verdade que non se toca, que se esvae pero se sente. É chegar a comprender máis alá. E son elas dúas con esa sensibilidade e ese algo no mirar. Mais non son dúas porque Antía leva consigo o violín e a propia voz e Sabela o acordeón. É todo iso que ten todas as de non se poder explicar, o que fai que nos sexa tan propio a nós como para quen queira que escoite dende outro lugar. De ningún tempo e de ningures. E ese é o ser da arte que sen ter de petar na porta entra e sen ter de berrar se fai escoitar.

Sabela Caamaño, acordeonista, e Antía Ameixeiras, violinista, están a viaxar por toda Europa, levando os sons da tradición galega a outras culturas nas que son ben queridas. Unha tradición musical galega á que estas dúas mulleres deron nova forma, primeiro co disco Aire (2021) —Premio Martín Códax da Música na categoría de Folk, 1º Premio no Folkez Blai (Ermua, País Vasco) e Premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021— e, máis recentemente, con Quitar o aire (2023).

Con este último, que presentaron no Womex24, Caamaño&Ameixeiras pasaron hai nadiña polos premios Mestre Mateo nomeadas na categoría de Mellor vídeo musical por A pequena morte, polos Premios MIN da música independente nas categorías de Mellor Álbum de Música de Raíz e Mellor Álbum en Galego e mais volven ser finalistas, xunto con Susana Seivane e De Ninghures, na categoría de Folk dos Premios Martín Códax. Mais non é todo, xa que tamén estamos a días de saber se resultarán gañadoras dos Beat up awards, na categoría do Premio ao Mellor Novo Talento 2024. Toca hoxe conversar con elas pra que nos conten de propia voz todo isto tan fermoso que están a facer que lles aconteza:

caamanoameixeiras.com

Antía e Sabela, graciñas pola amabilidade. Eu escóitovos dende hai ben de tempo e chamou sempre a miña atención a sensibilidade que tedes para transmitir —cun violín, un acordeón e a voz como un instrumento máis—, esa sensación de que estamos a oír cantigas de sabias, das meigas doutros tempos. Quizais sexa esa unha das razóns polas cales xa sodes fóra representantes do folk galego.

Lugo, Bélxica, Países Baixos, Portugal, Alemaña, Madrid, Francia… A xira de Quitar o aire semella que está a ser emocionante. Tamén esixente. Como sentides todo isto que vos está a acontecer?

Pois con moita ilusión e emoción. Xa de entrada, porque sentimos o feito de poder dedicarnos profesionalmente ao que nos apaixona como unha sorte inmensa. E despois, porque sentimos este traballo como algo 100% noso, no que nos espimos emocionalmente e nos entregamos por completo, e poder compartir iso e contaxiar dalgún xeito parte desta emoción parécenos marabilloso. Ademais non só levamos con nós a experiencia musical, senón toda a lírica conceptual que hai detrás, que é moita e moi fascinante.

A combinación violín-acordeón é unha aposta pouco habitual no folk galego. Tiñades claro dende o comezo que ía funcionar e chegaría ao corazón da xente?

A verdade é que a formación instrumental non foi algo pensado previamente, xurdiu de maneira orgánica. É dicir, primeiro foi Antía e Sabela e despois foi violín, acordeón e voz. Por circunstancias bonitas da vida, coincidimos e conectamos musicalmente de forma moi potente, e xusto coincidiu que eses son os nosos instrumentos. Isto podería ter sido un dúo de tuba e cello. Fóra bromas, cremos que é unha formación instrumental que funciona e empasta moi ben a nivel tímbrico, pero que, aínda así, o máis importante é facer algo honesto e de verdade, e que cando é así, e existe unha conexión e emoción reais, iso transmítese.

Non sei eu se sería o mesmo un dúo de tuba e cello, pero o certo é que chegades ao corazón con honestidade. E nunha das cancións e mais nalgún concerto, a avoa de Antía recitou un ensalmo para quitar o aire, non?

Si, encántanos o universo antropolóxico e social das nosas avoas e conectamos moito con todas as historias e toda a literatura que nos regalan, que son ouro puro. Son protagonistas do proxecto en moitos sensos, e están presentes tanto nos procesos de creación coma nos concertos, e ata nos vídeos de marketing do noso merchandising.

E cales son as vosas referentes?

Como as nosas referentes principais podemos citar ás nosas avoas, ás señoras que cantaban nas aldeas, a figuras como Florencio, o cego dos Vilares, e tamén a artistas e proxectos que abriron camiño, como Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz, etc.

Durante tempo, e antes de ser Caamaño&Ameixeiras, roldastes os mesmos ambientes, ás veces mesmo sen sabelo… mais xa sabiades quen era a outra, non? Como foi que decidistes xuntarvos para formar un dúo?

Pois, como comentamos, todo ocorreu por circunstancias casuais e bonitas da vida. Cada unha xa sabía perfectamente quen era a outra porque o mundo do tradicional e o folk galego é moi familiar, pero apenas nos coñeciamos persoalmente. Foi unha amiga en común a que actuou de celestina e bendixo a nosa unión, intuíndo unha conexión futura brutal. E non lle faltaba razón. A verdade é que temos moito que agradecerlle.

Que fermoso… Credes niso do destino e de que a vida vos puxo a unha diante da outra?

Sempre dicimos que non nos gusta a idea romantizada das medias laranxas, pero o certo é que musicalmente sentimos algo parecido a iso cando tocamos xuntas… Como se nos entendéramos á perfección e todo funcionara de xeito natural.

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras (premiosmestremateo.gal).

Contabades nunha entrevista que mesmo a xente que non entende a nosa lingua bota a cantar as vosas letras nos concertos. Como o vivides?

Para nós estes momentos son dos máis emocionantes como artistas: o sentir que a xente capta a emoción máis alá da lingua e que conecta coa canción ata o punto de querer saber o que di e aprender a letra… Ademais, é dobremente bonito porque aproximarse a unha lingua allea é moito máis que extraer información "aséptica". É, dalgunha maneira, introducirse noutro xeito de sentir e pensar o mundo, e nese proceso ocorren intercambios marabillosos.

Mais, antes de desfrutar de vivencias así, tivestes que traballar moito. Cal foi o camiño dende o primeiro momento de xuntarvos a compoñer os primeiros temas ata chegar a este punto?

Foi un camiño moi fermoso, de crecer lentas pero seguras, de ir atopando a nosa personalidade como músicas e como artistas, e de ir tamén construíndo unha amizade sólida e unha maneira de relacionarnos baseada nos coidados e na empatía.

E como é a simbiose? Como dades forma a todo canto creades?

Temos un proceso creativo quizais pouco habitual. Facémolo todo xuntas: as melodías, os arranxos, as letras, as investigacións. Así, as dúas sentimos este proxecto moi persoal, moi noso, porque todo está feito conxuntamente a partir da construción dun universo compartido, que á súa vez reflicte moi ben a personalidade e influenzas de cada unha de nós.

E despois tedes que facer os arranxos dos temas, as gravacións no estudo, os vídeos musicais…

Entendémolo como unha parte dun todo, e gústanos coidar cada detalle do noso proxecto. Todo en Caamaño&Ameixeiras está moi pensado, tanto a parte creativa como a máis "técnica". Neste senso, encántannos as sinerxías interdisciplinares, como se conxugan e como outros artistas plásticos e visuais entenden a nosa música. É enriquecedor, inspirador e moi fermoso.

"Encántannos as sinerxías interdisciplinares, como se conxugan e como outros artistas plásticos e visuais entenden a nosa música. É enriquecedor, inspirador e moi fermoso"

Caamaño&Ameixeiras

É tamén moi importante para vós tanto a posta en escena nos concerto como a parte máis visual do traballo e tedes, de feito, un equipo de dirección de arte a cargo de Judith Adataberna, de dirección creativa con Melania Freire á fronte e o de fotografía con David Silva… Como é o traballo conxunto?

Nós xa alcumamos este equipo como o noso dream team. Foi lindísimo traballar con xente tan boa e talentosa coma Melania, Judith e David. Entenderon perfectamente todo o que queríamos transmitir coa nosa música e coa nosa imaxe e teceron a canda nós todo este imaxinario estético, axudándonos a que cada paso do noso camiño fora coherente co anterior.

Aire! foi o voso primeiro disco, producido polo burgalés Diego Galaz. Que intencións tiñades xa nun comezo? Comezastes coa ideasclaras sobre cales eran os vosos obxectivos e desexos?

Sabela: Diría que empezou sen pretensións claras e pouco a pouco fun vendo que o proxecto ía medrando organicamente.

Antía: Eu sempre tiven a idea e intención oculta e ambiciosa de facer un proxecto profesional no que apostalo todo con Sabela (risos).

"Quitar o aire é profundo e visceral, nel espímonos completamente. Fala máis de nós e do momento no que estamos cada unha, coas nosas fortalezas e as nosas vulnerabilidades"

Caamaño&Ameixeiras

Quitar o aire, producido por Hevi, séntese distinto do anterior traballo. Cal foi a evolución?

Aire! é un disco moi luminoso, alegre, de celebrar e de compartir. Quitar o aire é máis profundo e visceral, nel espímonos completamente. Fala máis de nós e do momento no que estamos cada unha, coas nosas fortalezas e as nosas vulnerabilidades. Ademais é un disco conceptual que se inspira na ritoloxía e na maxia popular, e isto xa o enmarca nunha escuridade que se afasta da atmosfera feliz do primeiro álbum. Se cadra, pasamos de ser riquiñas a ser máis poderosas e un pouco máis punkys.

Punkys pero dende a tradición… O Cancioneiro Galego é un dos puntos de partida e inspiración para os nove temas que conforman este disco. Agoiros de morte, o loito, o dó, a comunicación cos mortos ou o erotismo… Imaxino que comprender estes temas para crear dende eles require de investigación. Coa vosa música, traedes de volta unha parte da nosa tradición. E, aínda non sendo ese o obxectivo, penso que ten moito valor. Dende este punto, como credes que pode a arte influír na conciencia das persoas e na nosa cultura?

En Galicia temos un patrimonio inmaterial impresionante, e canto máis investigamos e máis coñecemos, máis abraiadas e seducidas estamos por toda esta riqueza antropolóxica, cultural e musical. Cremos que poñer todo isto sobre a mesa, e facelo dunha maneira artística, axuda a valorarnos e a fortalecer a nosa autoestima cultural como pobo. E iso é súper importante.

No vídeo musical do tema A pequena morte, a atmosfera que se crea coas luces, cores, o escenario é moi evocadora, pero teñen protagonismo os obxectos que se van mostrando pola súa carga simbólica. Milgrandas e laranxas, figuras de cristal, perlas envoltas en pano… Poderiades explicar un pouco da simboloxía que se agochan nas vosas imaxes e tamén nas propias letras?

Nesta peza e no seu videoclip decidimos crear un rito para a sensualidade, para o erotismo e para o sexo. Unha homenaxe ao pracer e ás letras e coplas populares, que agochaban dobres sentidos de contido sexual. Iso quixemos facer con todos eses obxectos, cos movementos de cámara e os nosos propios, e coas imaxes, que son evocadoras, pero non explícitas.

Imaxes de ‘A pequena morte’.

Imaxes de ‘A pequena morte’.

Hai moitos tipos de loito. A morte trae o máis difícil de todos. A ausencia definitiva, o cambio de plano. O mundo deserto. Pero queda cantar. Cantarlle á pena para librarse dela. E lembrar que as fronteiras son borrosas e que os paxaros son sabios… Con estas palabras acompañades Ai de min. Escoiteivos dicir que queredes naturalizar a morte e cantar sobre este tema xa que, fronte á naturalidade coa que se entendía antes (especialmente en Galicia), sentímola hoxe como algo moi afastado da vida. Tamén falades da importancia de tratar outras temáticas como o erotismo, aínda tabú dependendo de en qué ambientes. Credes que é posible, dende a música, naturalizar na sociedade temas que son de sempre ou de hai pouco tabú?

Cremos que si, que desde a arte en xeral pódese mudar a maneira de ver a realidade, e a música parécenos unha das formas máis potentes neste senso, pola capacidade de conexión visceral coa xente, especialmente cando se vive en directo como unha experiencia sensorial completa e non só sonora. De feito, esta é unha das cousas que nos parecen máis bonitas de facer música, poder expresar a nosa maneira de ver, sentir e vivir o mundo. Con temas como Ai de min, que atravesan o sentimento de perda dunha persoa querida, recibimos moitas mensaxes de como a canción lles acompañaba no proceso dunha maneira curativa. A música ten ese poder, de acompañar a pena para que pouco a pouco nos libremos dela.

"Desde a arte en xeral pódese mudar a maneira de ver a realidade, e a música parécenos unha das formas máis potentes neste senso, pola capacidade de conexión visceral coa xente"

Caamaño&Ameixeiras

O nome deste segundo disco, Quitar o aire, fai referencia a unha práctica que aínda se leva a cabo a día de hoxe. Penso que hai unha parte da sociedade que rexeita de certas crenzas populares por consideralas anticuadas, e outra que está máis interesada que nunca neses costumes por seren parte da nos historia, cultura e mesmo das particularidades do noso pobo. Como vos influíu e que poder teñen estes rituais na vosa música?

Fixemos un traballo de investigación fermosísimo guiado polo antropólogo Rafa Quintía, que nos abriu as portas a un mundo marabilloso que nos cativou inmediatamente.

Por exemplo, fomos coñecer in situ a mulleres fascinantes que sabían como quitar o aire (incluso lle "quitaron o aire" a Sabela). Fomos ao Corpiño de Lalín a falar co cura, que é dos únicos de Europa que aínda practica exorcismos. Foi unha experiencia incrible. Tamén foi lindo o encontro con Celso Sanmartin, que leva anos recollendo historias á xente maior, e que nos contou unha chea de contos de ritos de antes. A literatura popular vencellada á ritoloxía foi a fonte de inspiración deste disco para as letras e a música. Hai letras que son ensalmos para quitar o aire. Hai temas instrumentais inspirados en historias de ritos, en celebracións rituais. Outros que falan de ritos para agardar. Outros que se inspiran en filtros de maxia erótica para ligar. Había ritos para todas as cousas importantes da vida.

A vosa música ten todas as de converterse en campo de investigación para moitos e moitas. Xa case rematando: Cal é a canción que máis significado garda para cada unha de vós?

Sabela: Para min Quitar o aire, por ser a orixe e primeiro achegamento a este universo, por ser a chave de entrada a el e o motor que iniciou toda a lírica conceptual do traballo. Ademais, o material musical tamén xurdiu dun xeito moi bonito, a partir dun frechazo cun pasodobre tradicional de Carballo no medio dun Entroido, festa ritual galega por excelencia. Foi todo como tan acaído e tan orgánico que o arranxo xurdiu naturalmente nunha tarde. Destes temas que se constrúen tan rápido que parece que xa estaban aí e simplemente deixas que saian para fóra.

Antía: Eu diría Ai de min, porque esa melodía tradicional de Suárbol namoroume e obsesionoume dende o primeiro momento que a escoitei. Paréceme unha melodía perfecta. Ten unha melancolía tan potente que nos levou directamente ao sentimento de perda, de tristeza absoluta, de deserto emocional.

E ben que transmitides esas emocións… Ai de min é tamén a miña favorita. E con cal poderiamos rematar a entrevista?

Rematamos con Santa Mariña, que é o tema co que tamén finaliza o disco. É unha peza inspirada na festa como rito de clausura por excelencia. Todo traballo ben feito debe rematar celebrando, e diso as galegas sabemos moito.

Pois que así sexa…

Próximas datas da xira Quitar o aire

  • 28 abril. Theater Junushoff Wageningen, Laouen, Países Baixos
  • 05 maio. Coreto Associação Cultural, Portugal
  • 01 xuño. Kulturverein Weitblick Bugewitz, Alemaña
  • 14/15 e 16 xuño. Festival Sonando por Palacios 2024, Madrid
  • 19 xullo. Festival de Musiques Traditionnelles – Le Het Lindeboom 2024, Loon- Plage (Francia)
  • 25 xullo. Músicas do Mundo de Sines (Portugal)
  • 25 agosto. Festival da luz. Boimorto
  • 30 agosto. La lluna en vers. Mallorca