A Deputación de Pontevedra puxo en marcha en 2015 o Plan Revitaliza, unha iniciativa para implantar na provincia un modelo de residuos baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais, co fin de conseguir que os concellos da cumprisen as marxes de reciclaxe fixadas na normativa europea, estatal e autonómica.
As accións contempladas neste plan foron desde a compostaxe doméstica á comunitara e agora, tras estes sete anos en activo espertando o interese e a aprobación a nivel estatal e internacional, a Deputación centra os seus seguintes pasos nunha solución nova e complementaria, a agrocompostaxe.
Nestes momentos, na provincia de Pontevedra hai 48 concellos adheridos ao Plan Revitaliza en diferentes fases. Nove deles (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Grove, Tomiño, Valga, A Illa de Arousa, e Pontevedra, xa co seu propio plan) están a traballar para implantar a compostaxe como modelo de xestión de lixo en todo o seu territorio. O resto de municipios adheridos contan con centros de compostaxe comunitaria e composteiros individuais ou están en proceso de instalación.
Ata o de agora, o Plan Revitaliza permitiu instalar máis de 1.300 unidades modulares de compostaxe comunitaria e máis de 13.000 composteiros individuais, evitáronse 2.600 toneladas de emisión de CO2 anuais á atmosfera, formouse a preto de 100 persoas como mestres composteiros con título validado pola Universidade de Vigo e realizáronse talleres polos que xa pasaron máis de 80.000 escolares de toda a provincia grazas ao convenio co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza.
Mirando ao futuro: agrocompostaxe
A nova aposta da Deputación de Pontevedra é a agrocompostaxe, unha iniciativa para o tratamento dos biorresiduos urbanos xunto con residuos producidos na agricultura ou na gandería.
O obxectivo é aproveitar sinerxias e solucionar o déficit que teñen este tipo de empresas para conseguir fertilizantes de boa calidade e, ademáis, solucionar tamén o problema dos concellos para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación. Trátase dunha nova vía coa que tratar os residuos para as zonas máis densas nas que a opción é o colector marrón, desde o que despois hai que levar os biorresiduos a unha planta.
Para os expertos, o agrocompostaxe é unha das mellores ferramentas para combater o cambio climático, xa que a aplicación do compost producido non só mellora a fertilidade dos terreos, senón que tamén o balance neto de emisión de gases de efecto invernadoiro. Ademáis, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, puxo en valor o carbono que xeran estes biorresiduos ao chan.
Para poñer en marcha proxectos conxuntos entre concellos e empresas agrogandeiras, a administración provincial ten en marcha unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros para subvencionar a empresas ou cooperativas que produzan residuos agrogandeiros, silvícolas, vitivinícolas, hortofrutícolas, adegas ou similares, e que precisen utilizar fertilizantes. As subvencións están destinadas a construír ou adaptar instalacións e adquirir maquinaria coas que realizar a agrocompostaxe.
Un modelo expandido polo mundo dende Pontevedra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegura que coa compostaxe en quilómetro cero non só se evita a gran cantidade de CO2 que se produce con outros sistemas de tratamento, como poden ser a incineración, senón que ademáis ten outras vantaxes, como ser a única ferramenta de xestión de residuos que pecha o círculo da reciclaxe ao 100%; é dicir, cando a biomasa morre e se compostan os seus restos, o compost incrementa de novo a materia orgánica do chan, fertilizándoo e fixándoo para producir nova biomasa, xerando así a circularidade.
O Revitaliza recibiu o recoñecemento do congreso internacional ‘Waste in progress‘, que o definiu como "un exemplo pioneiro de descentralización da xestión dos residuos orgánicos en zonas rurais mediante a compostaxe comunitaria e individual".
Ademáis, conta cunha proxección nacional e internacional que o fixo chegar a Israel, á India, da man da Fundación Vicente Ferrer, a Bolama, en Guinea Bissau, á Fundación Vanke, en China, ao programa Zero Waste da Unión Europea, e, a nivel nacional, á Axencia Catalá de Residuos, ao Goberno Canario e á Deputación de Segovia. Ademais, a Universidade de Lyon e O Porto tamén se interesaron no funcionamento do plan.
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra tamén foi "recoñecido" e "bendicido" pola nova Lei de Residuos e Chans Contaminados aprobada recentemente no Congreso dos Deputados, poñendo en valor o seu enfoque para cumprir os obxectivos de reciclaxe europeos.
Segundo Mosquera, esta nova normativa consolida unha "auténtica revolución" no mundo dos residuos municipais, xa que é obrigatorio separar os residuos de distinta tipoloxía, especialmente os biorresiduos, e recollelos tamén de maneira separada nos concellos de máis de 5.000 habitantes.