Este 25 de novembro debe ser un punto de inflexión e servirnos as mulleres para que o Estado e as Comunidades Autónomas volvan situar a axenda feminista no centro das súas accións. A política ten o poder de cambiar as cousas, así que non debemos conformarnos con esixir a erradicación da intolerable violencia contras as mulleres un único día ao ano. A situación de emerxencia é incuestionable e fan falla máis recursos públicos, mellores normativas e iniciativas públicas transformadoras con vontade de mudar a realidade.
A formación en igualdade é unha necesidade estrutural que debe comezar na escola e manterse na universidade, con especial atención ao alumnado de carreiras como a xudicial, a medicina ou o dereito e moitas outras que terán no futuro relación directa coa violencia de xénero. A xustiza patriarcal non é xustiza e desprotexe as mulleres. Se as condenas por agresión son mínimas ou, por exemplo, non se considera delito a vulneración flagrante da intimidade das mozas da Maruxaina, en Lugo, estase a lanzar unha mensaxe moi perigosa que fortalece aos agresores e ao machismo.
As mulleres temos dereito a sentirnos seguras no espazo público en calquera hora e circunstancia. É responsabilidade dos poderes do Estado garantir os nosos dereitos universais e é unha obriga para as Administracións Públicas promover unha sociedade máis xusta e igualitaria que garanta unha educación libre de estereotipos de xénero, impida a discriminación da muller no ámbito laboral e promova o acceso das mozas a carreiras de ciencia e tecnoloxía que están chamadas a deseñar, xa están a facelo, o noso futuro como sociedade.
Na Deputación de Pontevedra incrementaremos un 30% o orzamento destinado a Igualdade no 2022 para seguir traballando os 365 días do ano polos dereitos das mulleres e a visibilización do seu talento en eidos como a educación, o emprendemento, a cultura ou a investigación. Denunciamos todas as violencias que padecemos as mulleres polo mero feito de selo, somos claras na defensa da abolición da prostitución e demostramos un posicionamento contrario aos ventres de alugueiro.
É o momento de abandonar o sectarismo e ser directas. As reivindicacións feministas deben volver a ocupar o centro do debate público e político e o feminismo debe unirse en torno as demandas que nos unen para combater aos negacionistas da violencia de xénero que cuestionan os nosos dereitos e as leis vixentes.
Debemos actuar sen dilación contra vellas realidades que volveron con forza como o discurso de odio contra as mulleres que se alimenta sen filtro nas redes sociais. O entorno dixital é un espazo hostil para as mulleres e unha fábrica de bulos e desinformación sobre igualdade e violencia machista. Hai que saír sen dúbidas a desmentir datos erróneos, enfoques interesados e mesmo mentiras flagrantes como a das supostas denuncias falsas que en España, segundo datos da Fiscalía, non superan 0,0119% do total. As feministas non podemos permitir que un dato anecdótico desvíe o foco do importante: as 1.118 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas desde o ano 2003, 37 no que levamos de 2021. Ante esta tráxica cifra, non podo máis que esixir ao conxunto das Administracións Públicas máis recursos, unidade de acción e a recuperación da axenda feminista. Non hai loita más xusta que garantir os dereitos da metade da cidadanía neste 25N e nos 365 días do ano.