Grupo de jóvenes estudiantes.

Grupo de jóvenes estudiantes. Shutterstock

La tribuna

42.174 novas oportunidades para a FP

A directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia destaca a enorme evolución desta opción formativa que hoxe conta con magníficas cifras de matriculación e inserción laboral

17 junio, 2023 11:22

Teño a fortuna de ter asistido ao longo da última década á gran transformación da FP e podo dicir, sen temor a equivocarme, que está vivindo a súa mellor época. Cando hai máis de dez anos dabamos os primeiros pasos para facer destas ensinanzas unha opción de primeiro nivel para os galegos e as galegas, era difícil imaxinar que acadariamos as actuais cifras de matrícula e inserción laboral.

A FP, relegada a principios deste século na axenda pública, mesmo ocupa hoxe debates sociais, algo que debemos interpretar en positivo, como símbolo inequívoco de que logramos situala como unha prioridade para moitas familias.

Se ten experimentado este crecemento sen precedentes, tanto no número de cursos como na cantidade de estudantes e de empresas colaboradoras, é porque, entre todos, fixemos da FP unha formación útil. Gañouse o prestixio e a confianza do tecido empresarial, que busca na FP a algúns dos seus mellores profesionais, e do alumnado, que atopa nela coñecementos teóricos e prácticos de gran cualificación e innovación, ademais dunha porta segura e rápida para o emprego.

A piques de iniciar o período de solicitude de prazas para o vindeiro curso, gustaríame animar a todas as persoas que estean barallando optar pola FP a que o fagan. A nova oferta de estudos en Galicia traerá máis de 40.000 novas oportunidades para mozos e mozas e tamén para profesionais en activo que queren seguir ampliando e especializando as súas competencias. En concreto, dispoñen de 42.174 prazas de novo ingreso para dar resposta ás súas necesidades formativas, facéndoas coincidir coas necesidades dos distintos territorios e dos sectores produtivos galegos logo dun amplo proceso de escoita nos últimos meses.

Ao longo desta primavera, puxemos en marcha o Plan Conecta FP Galicia cunha vintena de reunións, desde Valdeorras a Ferrolterra, de Vigo ata a Mariña, que tiveron unha resposta masiva por parte do empresariado, dos centros educativos e das distintas asociacións e clústeres implicados. Ese é o xermolo de moitas das novidades, como os incrementos significativos nas prazas en 22 das 25 familias profesionais, entre elas as que máis o precisaban: Enerxía e Auga, Agraria, Informática e Comunicacións, Edificación e Obra Civil ou Instalación e Mantemento.

E, tamén froito deste diálogo, implantaranse por primeira vez en Galicia nove titulacións, moitas delas en modalidade dual, e tres ciclos adquiren unha nova dimensión moito máis especializada en sectores como a cociña agroecolóxica ou os vehículos de competición e industriais. Tamén medran os másteres, as ensinanzas máis especializadas que se realizan ao remate dos ciclos. E facémolo en áreas punteiras como os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica, entre outras.

Unha oferta nas cidades e no rural. Presencialmente e a distancia, unha opción que cada vez gana máis interese entre traballadores xa no mercado que queren seguir formándose ou persoas con necesidades de conciliación. Unha oferta diversificada, especializada, e sobre todo, feita á medida. A oferta máis alta presentada nunca co obxectivo de que sexa útil aos galegos e ás galegas.

juez ley legislación

Resulta imposible conocer toda la legislación aplicable en España

Anterior
Abel Caballero recibe el bastón de mando por quinta vez.

Abel Caballero recibe el bastón de mando por quinta vez: "O meu partido chámase Vigo"

Siguiente