Nas últimas semanas temos asistido a un debate enriquecedor para o noso ensino sobre o seu proceso de dixitalización. E a conclusión é clara: ensinar no 2024 esixe aproveitar as oportunidades que a tecnoloxía pon ao noso alcance e que se demostraron útiles. E facer isto non supón renunciar aos métodos máis tradicionais cuxa eficacia está máis que testada. É dicir, un modelo de aprendizaxe híbrido acorde a unha sociedade cada vez máis dixitalizada como a actual.
Así se ten posto de manifesto nas reunións que desde a Xunta de Galicia impulsamos cos representantes das asociacións de nais e pais ou coas direccións dos centros educativos da Comunidade co fin de seguir mellorando estes programas, nomeadamente E-Dixgal, un sistema de aprendizaxe mixto en vigor desde hai dez anos e que empregan voluntariamente ao redor de 600 colexios e institutos.
Dispositivos dixitais, mais tamén papel e lapis. Todo na medida adecuada, arbitrada polo docente segundo as necesidades do seu alumnado, en base ao proxecto educativo que o centro, coa autonomía da que goza, elixa. Dese xeito, queremos garantir que o sistema educativo galego manteña os seus bos resultados académicos, confirmados reiteradamente en distintos estudos estatais e internacionais. Resultados nos que a igualdade de oportunidades é esencial, evitando fendas dixitais, territoriais ou sociais. O ensino debe democratizar a tecnoloxía e evitar que o acceso a ela dependa do lugar de residencia, algo tan importante para o rural galego, ou do nivel socioeconómico de cada fogar.
A Unión Europea, e tamén os currículos da nova lei educativa, urxen a traballar a prol das competencias dixitais do alumnado. De feito, o próximo informe PISA -cuxas probas se realizarán en 2025- avaliará por primeira vez o nivel dos estudantes neste eido, pois é unha variable que irá gañando relevancia na elección futura dos estudos superiores e que será determinante na procura dun posto de traballo.
De maneira que debemos perseverar nun modelo que funciona. E debemos facelo implementando as medidas de mellora que sexan necesarias e que tanto as familias como os propios docentes están apuntando nas xuntanzas mantidas: calidade dos contidos, formación do profesorado, acompañamento aos centros e información ás nais e pais. Ese é o compromiso do Goberno galego cos nenos e as nenas de hoxe. Coa Galicia futura que, como adoita afirmar o conselleiro, se xoga agora nas nosas aulas.