Verónica Martínez Barbero (Gijón, 2 de febreiro de 1980), inspectora de traballo e seguridade social, deixou o municipio asturiano hai máis de dúas décadas. En Pontevedra e, concretamente, en Baiona, a que foi directora xeral do Ministerio de Traballo con Yolanda Díaz nos últimos tres anos, lidera agora a candidatura ao Congreso.

Unha xixonesa que fala galego.

(Ri) Levo 20 anos en Galicia xa! O meu fillo é vigués e do Celta, e a miña rede de amizades é de aquí. A verdade é que aprendín o galego falando, sempre me gustou. Os sindicatos na provincia falan galego e nas negociacións colectivas non era difícil aprendelo se te fixabas un pouco e che gustaba. Pódese dicir que aprendín galego negociando convenios. Empecei a falalo metendo moito a pata, pero con vontade. Eu sempre tiven un sono que era ter unha editorial e, con outros socios, fíxeno realidade. Adicábamonos a traducir novelas ao galego. Aí tiven a oportunidade de ler moitísimo nesta lingua.

Como rematou en Pontevedra?

Por motivos laborais. Escollín a praza en Vigo cando aprobei as oposicións.

Cando coñeceu a Yolanda Díaz?

A Yolanda presentáronma nuns premios en Ferrol cando era eu presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Pasado un tempo, en decembro do 2019, chamoume por teléfono. Naquel momento ofreceume ser directora xeral. Tiña moi boas referencias do meu traballo. Así foi. Non nos coñeciamos moito antes de ir eu a Madrid.

Como foi traballar coa ministra nestes últimos anos?

Aprendín moitísimo, a verdade. Yolanda é unha persoa que ten as cousas moi claras. É sorprendente: Nunca perde o rumbo e é enerxía pura. Comprendín, sobre todo, como facer as cousas dun xeito que nada ten que ver co enfado, senón dende a comprensión do outro e con convicción absoluta.

E vostede que cre que foi o que aportou nesa etapa en Madrid?

Eu viña do mundo da Inspección de Traballo e do Dereito Laboral na súa aplicación práctica. Sen dúbida, esa parte aporteina ao equipo. Eu sabía perfectamente o que eran os ERTE porque xestionara uns 500 na crise do 2008 en Pontevedra. Na época da pandemia eu acheguei os coñecementos que tiña para protexer o emprego. Penso que tamén os vencellados coa miña experiencia na negociación colectiva e na resolución de conflitos, que son a miña especialidade.

"Pódese dicir que aprendín a falar galego negociando convenios"

Verónica Martínez barbero

Que frase lle dixo Yolanda para convencela a encabezar a candidatura por Pontevedra?

Ela foi ao punto que sabía que me faría dudar máis: O meu fillo. Nestes últimos tres anos e medio eu mantiven a residencia na provincia e viña cada fin de semana. Díxome que, estando no Congreso, tería moitas máis posibilidades de estar en Pontevedra. Tamén que faría un gran traballo e que me gustaría moitísimo porque podería presentar unha morea de propostas.

Que cre que pode aportar nesta nova etapa?

Estou convencida de que temos que subir o salario e rebaixar a xornada laboral da xente, que ten que vivir mellor e ser máis feliz. Non pode agardar a xubilarse para poder vivir. E hai que cobrar máis. Outra das cousas que me preocupan é a fenda salarial e a desigualdade. Non imos a avanzar como sociedade realmente ata que a poboación teña os mesmos dereitos.

Traballar menos e cobrar máis pode ser factible nun momento de especial dificultade económica?

Hai máis experiencias non tan coñecidas, pero se fixo unha en Reino Unido non hai moito tempo. Levou por título "Four-day week" e escolléronse varias empresas de distintos ámbitos. A maioría chegou a dúas conclusións: Unha, que se incrementou a productividade e, dúas, que se rebaixou moitísimo o absentismo. Algunhas decidiron implantar esta xornada e outras prolongar o experimento. Esto demostra que a rebaixa da xornada é algo bo, e para as empresas tamén. Do mesmo xeito, demostrouse en España que a suba do salario mínimo interprofesional favoreceu a creación do emprego e a consolidación da economía.

Os últimos datos do emprego en España foron realmente positivos, pero sindicatos como a CIG apuntaron á temporalidade nos traballos do sector servizos para explicar o primeiro. Hai unha mellora real?

Si, é unha mellora real. Dende o primeiro mes de aplicación da reforma laboral xa comezamos a mellorar no noso país as cifras do emprego estable. A día de hoxe, un de cada dous contratos que se firma é indefinido. Os datos din que temos máis emprego, e máis emprego de calidade.

Cal é a situación, cos datos na man, a nivel de Galicia?

Melloramos moito a nivel de temporalidade. De feito, en Galicia, a día de hoxe, estamos dous puntos por debaixo do Estado no que é porcentaxe de temporalidade. Fai anos estabamos por enriba.

Regresando máis ao político, Sumar significa o fin de Podemos?

Sumar non significa o fin de nada. Sumar é unha forza nova de integración e de comprensión de todas as sensibilidades.

E de Irene Montero?

Irene Montero é unha ministra de Igualdade cuxas leis supuxeron unha revolución dos dereitos de persoas e colectivos que o precisaban. É unha persoa valiosísima para o proxecto.

Pero ela non está integrada no proxecto.

Non, ela non está nas listas como tanta outra xente, pero eso non quere dicir que non estea no proxecto.

Nos debates de campaña que estamos presenciando sempre se poñen enriba da mesa os pactos. O PP tense criticado moito polos seus acordos con VOX e, do mesmo xeito, ao PSOE censúranselle os acordos con formacións como Bildu ou Esquerra Republicana. Cal é a súa postura neste senso?

Neste tema dos pactos está funcionar iso dos bulos e fake news. Tamén pode ser que haxa persoas ás que lles falte cultura democrática, porque unha cousa é conformar un goberno e, outra moi distinta, os grupos parlamentarios e os pactos no hemiciclo do Congreso e do Senado. O que está a facer o PP con VOX é ter gobernos. Feijóo xa decidiu que non vai a gobernar so. O da lista máis votada forma parte dun relato mentireiro para enganar á xente. Ata agora, o único goberno de coalición que existiu foi o formado polo PSOE e os que agora somos Sumar.

"Unha cousa é conformar un goberno, e outra moi distinta os pactos no hemiciclo"

verónica martínez barbero

As últimas enquisas augúranlles un deputado por Pontevedra e outro por A Coruña, é vostede optimista cos resultados?

Como calquera forza política saímos a mellorar os resultados. Penso que temos garantido o deputado por A Coruña e tamén por Pontevedra, pero nós estamos facendo unha campaña para explicar en que consiste a nosa axenda, revolucionaria e reformista cos dereitos, para conseguir dita mellora. Pero estamos contentas coas enquisas.

Os principais adversarios políticos de Sumar en Galicia están no Bloque Nacionalista Galego?

Xa o teño dito e o repito de xeito contundente: Nós non imos á confrontación coas forzas políticas de esquerda. Nós imos a buscar o voto progresista de xeito positivo.

Os cidadáns sempre escoitan e ven aos cabezas de lista no Congreso ou nos medios, pero que pode facer un deputado para defender os intereses da súa provincia en Madrid?

Podemos presentar propostas non de lei, de impulso político. Tamén propostas de lei, que acaban convertidas en tal, así como defender os intereses da provincia ou da comunidade nos debates.

E cal será a súa primeira proposta se finalmente acada a representación?

Penso que algo que lle importa a toda a cidadanía é a AP-9. O que estamos a facer con ela non vai na liña correcta. Hai un enriquecemento abusivo dunha empresa a cargo do orzamento público. A miña proposta vai a ser a recuperación, para o sector público, da AP-9, libre de peaxes e para transferila, para a súa xestión, ao goberno galego.

Para rematar, cales son as súas afeccións e de que xeito disfruta do seu tempo libre?

Encántame ler, sobre todo, de noite. Tamén os xogos de mesa, aínda que esto é un pouco friki. (Ri). Gústame a praia e, no eido do deporte, correr, facer escalada ou barranquismo.