Colección de Arqueoloxía en Museo Municipal Quiñones de León - Vigo
Colección de Arqueoloxía en Vigo.
A colección de Arqueoloxía abrangue dende o Paleolítico até a romanización. Na exposición permanente trázase un percorrido vital dende o abrente da humanización da bisbarra de Vigo até os primeiros séculos da nosa era. Na viaxe pola prehistoria e a historia antiga, os elementos amósannos como era a vida no Vigo primixenio e a súa contorna: como pescaban, que comerciaban, a que deuses adoraban e como enterraban os seus mortos.
Os achados da necrópole romana no Areal en 1953 propiciaron a fundación da primeira sala de arqueoloxía no museo naquela mesma década. Os xacementos representados na colección abranguen todo o termo municipal de Vigo (O Castro, Toralla, Areal, Saiáns, etc.) e esténdense, ademais, por todo o sur da provincia de Pontevedra (Donón, Budiño, Atios, etc.).