El candidato por el BNG a la Alcaldía de Vigo Xabier P. Igrexas.

El candidato por el BNG a la Alcaldía de Vigo Xabier P. Igrexas. Cedida

Ofrecido por:

Vigo

Xabier P. Igrexas: "Vigo non é ‘Abelgrado’, como nos queren facer crer a golpe de propaganda"

El candidato del BNG a la alcaldía de Vigo llama a recuperar la ciudad para "las viguesas y los vigueses" y avanza que el frente nacionalista va a ser la gran sorpresa electoral en la noche del 28 de mayo

10 mayo, 2023 05:00

As eleccións municipais do 28 de maio serán as segundas ás que se presente Xabier P. Igrexas á alcaldía de Vigo, tras acadar 8,641 votos e un concelleiro para o BNG nas anteriores de 2019 e despois dunha larga travesía de catro anos da formación nacionalista sen representación no Concello de Vigo.

Faino coa convicción de que van ser a gran sorpresa electoral. Polo momento, as enquisas sinalan que o Bloque gañará un concelleiro máis e sobrepasará a Marea. A intención de Igrexas é que o BNG se presente como unha alternativa real para os próximos catro anos, tras un periodo no que destaca que presentasen máis de 850 propostas, iniciativas e alternativas para unha cidade que quere recuperar "para as viguesas e os vigueses".

-Cómo afronta o BNG esta campaña electoral de cara ás municipáis?

Con enormes expectativas e con grande entusiasmo porque durante estes últimos meses estamos a comprobar como a onda de simpatía de cara ao BNG na cidade non deixa de medrar. Vemos como cada vez son máis as viguesas e os vigueses que ollan para o BNG como a alternativa en positivo que necesita a cidade e por iso imos ás eleccións do 28 de maio con toda a ambición sen límites e eu dende logo teño a certeza como candidato de que o BNG imos a ser a grande sorpresa electoral do 28 de maio e imos dar un grande salto adiante e imos a lograr que o BNG volva a ser una forza determinante no concello da maior cidade deste país.

-Unha das últimas enquisas publicadas, a de Galipress o pasado 5 de maio, fala dun “sorpasso” do BNG a Marea, non sei se manexades unhas previsións parecidas.

Nos sempre lemos as enquisas con moito respeito e tamén con moita prudencia sabendo, por exemplo, que ningunha foi capaz de anticipar que nas eleccións galegas do ano 2020 o BNG obtivemos o apoio de 32.000 viguesas e vigueses. Dende logo, nos o que estamos a percibir e o que confirman as enquisas son dúas cousas moi importantes.

Primeiro, que o BNG somos a forza en alza da cidade de maneira continuada durante todo o mandato e en especial durante nestes últimos meses; en segundo lugar, que o escenario está moito máis aberto do que parece, porque hai ao redor dun 40 ou 45% entre abstencionistas, indecisas e indecisos e sabemos pola a dinámica dos últimos anos que cada vez pesa máis o periodo de campaña electoral no sentido de que cada vez hai máis cidadanía que toma a decisión sobre que votar nos últimos días e nas últimas horas, polo tanto o escenario está moitísimo máis aberto.

Frente a quén nos quere facer crer que xa está todo predefinido, que o resultado electoral está escrito, nos sabemos que hai moitas viguesas e vigueses que non lles vale máis do mesmo, que saben que a cidade merece máis e dende logo que a expectativa está moi por enriba do que poden recoller agora puntualmente.

-O impulso de Ana Pontón nas últimas eleccións autonómicas e a presenza de Néstor Rego no Parlamento inflúen para o BNG de Vigo nestas eleccións?

O BNG está, como ten sinalado a nosa portavoz nacional, nun momento completamente diferente do que encaramos as eleccións municipais do ano 2019; estamos probablemente, como di Ana Pontón, no mellor momento da historia do BNG, e iso é un claro síntoma do apoio crecente na maior cidade de Galiza que é Vigo. Pero tamén creo que nesto xoga de manera moi importante o enorme traballo realizado nos últimos anos, e o digo con humildade pero tamén sen falsa modestia, que malia termos un único asento no salón de Plenos eu creo que no BNG marcamos a diferenza en nos referenciamos non só como a oposición real senón como alternativa.

Non xogamos nunca o de canto peor mellor, despregamos máis de 850 propostas, iniciativas e alternativas durante este mandato, acompañamos cada crítica, denuncia e protestas con unha alternativa en positivo e eu creo que ese traballo constante, solvente, moi enraizado nun contacto permanente con tecido asociativo e pateando a cidade, os barrios e as parroquias permite que o BNG se presente como unha alternativa sólida para Vigo. Ese tamén é un punto que nos vai permitir avanzar e empurrar esta alternativa.

-Fálase dun maior absentismo de cara a estas eleccións. Que Caballero teña na súa man a maioría absoluta pode facer que moita xente deixe de ir a votar?

O primeiro que hai que dicir e que Vigo non é Abelgrado, contrariamente o que se cadra algúns queren instalarnos a golpe de moita propaganda, e non é certo que o actual alcalde represente un proxecto unánime. Hai moita masa crítica na cidade, moitos millares de viguesas e vigueses que notaron a falla de resposta por parte do Concello de Vigo. Nunca houbo na historia da cidade un goberno municipal que tendo tantos recursos fixera tan pouco, e non é unha valoración subxetiva do BNG, é un dato e unha evidencia contrastable: nos últimos catro anos, un goberno con unha maioría absolutísima como o actual, deixou sen executar e sen gastar 436 millóns de euros do orzamento municipal.

Son 436 millóns de euros de promesas incumpridas, de necesidades destatendidas e de abandono dos barrios e parroquias. Polo tanto, a única certeza que podemos ter é que o domingo 28 de maio, cando abran as urnas, Abel Caballero e máis eu teremos o mesmo número de asentos no salón de plenos, que é ningún, e que van a ser as viguesas e os vigueses con seu voto quen defina un novo rumbo para a cidade.

Nos dicimos que a escolla está entre quen só pode ofrecer máis do mesmo ou aquelas e aqueles que estamos por empurrar un proxecto alternativo para poñer en marcha de novo a cidade, para sacudirnos esta inercia e para levarmos Vigo mais alá do Dinoseto, das luces, da propaganda, das promesas incumpridas e para que Vigo asuma o papel que lle corresponde como a maior cidade de Galicia.

-Ese levar ‘Vigo mais alá’ é o lema desta campaña. Cales son ós pilares básicos da proposta do BNG en Vigo?

Hai unha idea central que é a de que temos que devolverlle o Concello á cidadanía para devolverlle Vigo as viguesas e aos vigueses. Vigo é moito máis que catro letras, por mais que alguén as teña moito na boca. Vigo somos as viguesas e os vigueses, a veciñanza, as persoas que vivimos e traballamos na cidade; Vigo son os seus barrios e parroquias, a cidade non acaba no distrito electoral 1, na zona centro, e nese sentido temos a oportunidade nestas eleccións para facer avanzar a cidade e construir un Vigo que se converta nunha cidade mais habitable e moito mais verde, nunha cidade igualitaria e socialmente xusta, enfrentando os efectos gravísimos que ten a actual crise que castiga con dureza a maioría social que representan as clases populares e traballadoras, facendo que Vigo volva a ser o pulmón industrial e productivo de Galiza, blindando actividades estratéxicas como o naval, a automoción e a pesca, pero desenvolvendo tamén as enormes potencialidades que temos como cidade unversitaria, para nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións e na capital galega do futuro.

Tamén volver a referenciar Vigo como vangarda na creación cultural e superando esta dinámica dun hiperlocalismo ramplón que empequenece a cidade, amuralla a Vigo e nos enfrenta con todos e por todo non se sabe para qué, pero que non está á altura do papel que ten que xogar Vigo, que en opinión do BNG ten que ser o de exercer e ser o verdadeiro motor de todo un país. Temos que liderar dende a cooperación a nosa rede metropolitana, temos que ser un grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, e dende logo ser ese grande vector de cambio en Galiza. A mudanza que necesita este país necesita dun potente motor Vigo.

-Defendedes tamén máis participación e diálogo dos cidadáns, cómo se traduce en instrumentos para facelo realidade no día a día dun goberno?

Hai que aplicar unha idea básica: democracia non é votar só cada catro anos. Houbo quen confundiu estes catro anos unha lexítima maioría absoluta coa permanente imposición a golpe de claros tics autoritarios da ley do ‘aquí mando yo y sólo yo’, reducindo a cidade a atrezo e as viguesas e vigueses a figurantes dunha especie de grande parque temático para o particular recreo do actual alcalde.

Eu veño do movemento veciñal e asociativo e dende o BNG temos a certeza de que os cambios que fixeron avanzar a cidade e as mudanzas que transformaron de verdade a realidade en favor de Vigo, unha cidade que se construíu de maneira propia, sempre se empurraron dende abaixo. Facer cidade é tarefa de todas e de todos, por iso frente a xordeira, fronte o autoritarismo e o monólogo permanente, nos cremos que é o momento de recuperar unha democracia protagónica e participativa que exige porñermos en marcha un novo regulamento de participación cidadá que blinda algo esencial: que os vigueses e as viguesas teñen dereito a seren escoitadas, pero algo máis importante, teñen dereito a participar na toma de decisións.

Cremos que a cidade ten que avanzar en termos democráticos implementando medidas como os orzamentos participativos, para que nunca máis sexa un único grupo político quen decida a que se destinan os recursos de todas as viguesas e vigueses e avanzar en outras fórmulas como é a creación dos consellos veciñais de barrio e de parroquia e convertindo os consellos sectoriais que hoxe existen no Concello en algo máis que espacios ornamentais, se non que sexan espacios de participación efectiva e de codecisión. Polo tanto, é aplicar esa máxima zapatista de mandar obedecendo, de gobernar coas gobernadas e os gobernados entendendo que a cidade non le pertence a ninún alcalde e a ningún goberno se non que a cidade somos todas e todos.

-Unha das críticas durante o mandato de Caballero está a ser a xestión no eido cultural, cómo ve o BNG a forma de dar un pulo neste ámbito?

O que estivemos padecendo estes anos é unha evidente política de desertización cultural. Desapareceron máis dunha veintena de programas culturais, os museos en Vigo reciben a metade de visitantes dos que tiñan en 2011, vimos como se sacrificou un proxecto para nós de grande importancia como era dotar a Vigo dun Centro Galego de Fotografía e Cinema para converter esas dependencias no despacho da presidenta da Deputación; vimos tamén como se fixo retroceder en todos os ámbitos a cultura na cidade.

En Vigo, felizmente hai cultura, moita cultura, a pesar do Concello e das nefastas políticas culturais que se estiveron desplegando nos últimos anos. Nos dicimos que o primeiro que ten que haber é un cambio de paradigma para que o Concello deixe de ser un obstáculo e se convirta nun facilitador, nun grande potenciador. E isto como se fai? Pois orientando as políticas municipais a facilitar a creación cultural. Nos temos unha importante alternativa en positivo que pasa, por exemplo, por convertermos esa fábrica de pinturas que é propiedade municipal dende hai vinte anos que está abandonada no barrio de Teis nunha grande fábrica cultura, nun grande espazo público para a creación cultural.

Tamén é fundamental reiniciar a aposta que o BNG puxemos en marcha durante o periodo no que tivemos responsabilidades de goberno no ámbito cultural na cidade que é a de democratizar o acceso á cultura: a cultura é un dereito e unha necesidade, sen cultura non pode haber cidadanía e son cidadanía non temos cidade.

Polo tanto, esa democratización de acceso á cultura pasa por programacións culturais permanentes, descentralizadas e variadas entendendo todas as disciplinas artísticas, levando a cultura a todos os barrios e parroquias, e pasa tamén por volver a poñer en marcha o proxecto que o BNG iniciamos coa biblioteca Neira Vilas no 2011 no Calvario para dotar á cidade dunha grande rede de bibliotecas municipais en todos os barrios e parroquias. Bibliotecas, e non salas de lectura nas que non hai nada para leer como as que se montaron nos últimos anos.

-A subida dos prezos está a reflictir na vida dos cidadáns e ter acceso a unha vivenda parece case unha misión imposible. Qué políticas propoñen para facer fronte a esta crise que afecta tanto aos petos dos vigueses?

Hai unha situación de agravamento, dunha crise que nunca chogou a rematar que se traduciu unha situación, en opinión do BNG, de evidente emerxencia social. Hoxe en Vigo, segúndo o índice Arope, temos máis de 60.000 viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza, seguimos a ver esas colas da fame onde centos de familias, algunhas con salario, teñen que facer cola, literalmente, en organizacións de carácter asistencial ou en comedores sociais para garantiren algo tan básico e fundamental como é a propia alimentación.

Fronte a iso, o que vimos durante os últimos anos é un goberno que lle virou as costas as necesidades sociais da cidade, que nega a maior dicindo que na cidade non hai ninguén que durma na rúa, a pesar de que o albergue municipal di que hai máis de 300 persoas ao longo dun ano que tiveron que facer uso das 38 camas, soamente 38, que tiña unha cidade onde a única medida que adoptou o goberno municipal neste 2023 foi recortar nun 22% as axudas sociais municipais, mentres se incrementaban de maneira sustancial con casi 3 millóns de euros adicionais as partidas para propaganda.

A aposta do BNG é que o Concello de Vigo se convirta nun verdadeiro parapeto social que protexa as clases populares de traballadores, os sectores sociais máis vulnerables, que brinde apoio a quen máis o necesita e que dende logo evite que esta crise volva a tornar nun saqueo. E o dicimos ademáis nun contexto onde a día de hoxe hai máis de 18.000 vigueses e viguesas no desemprego, onde hai 4.200 postos de traballo menos que antes da pandemia e se destruiron nos últimos anos preto de 7.000 empregos só nas actividades industriais e donde vemos que a mocidade segue condenada a ter que escoller entre desemprego, precariedade ou emigración.

Por iso propoñemos multiplicar por catro o orzamento municipal destinado a políticas de emprego para non seguir gastando menos en políticas de emprego do que gastamos en subvencionar a instalación de aeroliñas en Peinador, e tamén abordar un problema social como é o acceso á vivenda.

-Cal sería a primeira decisión que tomaría Xabier P. Igrexas se fose alcalde tralo 28 de maio?

Os cambios que necesita a cidade requiren, como primeira decisión, de volver a democratizar o Concello, polo tanto sería impulsar a elaboración dun novo regulamento de participación cidadá. Ese é o vector que vai definir a apertura dun novo tempo na cidade.

No BNG queremos ser unha forza determinante que empurre a apertura dunha no va etapa para poñermos fin a estes anos dunha inercia case agónica onde o que vemos cando se apagan as luces é unha cidade que vai quedando atrás en cuestións importantes como emprego, situación social, que ten menos cultura, menos deporte e menos e peores servizos públicos.

Cremos que a o elemento que vai permitir os cambios que necesita a cidade é volver a entender que facer cidade é unha tarefa compartida de todas e de todos e sacudirnos dunha vez por todas de autoritarismo, de reducción da cidade a unha alcaldía e entender que o protagonismo ten que ser das viguesas e dos vigueses.

-O Nadal de Vigo, tal e como o entende o actual alcalde, tería cabida nun goberno do BNG? Hai outro xeito de celebrala e manter a relevancia mediática e turística e o retorno económico que parece ter na cidade?

Hai un debate falseado sobre iso por dúas cuestións. En primer lugar non hai datos, o que hai son declaracións: hai un alcalde que di el que o Nadal ten un retorno de 1.000 millóns de euros. É unha cifra redonda, curiosa, que ven sendo máis ou menos a metade do PIB industrial da área de Vigo, o digo para ter unha referencia. O que resulta curioso é que eso non se traduza nin en emprego nin en incremento do tecido produtivo nin en ir freando o fenómeno de que cando paseas pola cidade cada vez hai más letreiros de "alúgase" ou "véndese" e locais comerciais valeiros.

Eu creo que todas e todos os vigueses, incluido o alcalde, saben que non houbo 5,4 millóns de visitantes nin os pode haber, porque iso sería tanto como superar o número de visitas das principais capitais europeas. Nesta política de hipérbole permanente e da esaxeración é que hai uns días anunciaba que este ano, cunha estimación ‘moi razonable’, que serían entre 6 e 8 millóns… a poboación dalgúns estados da Unión Europea, polo tanto non ten moito sostén. É un exercicio infantil de fabulación, unha narrativa para envolver esa obsesión por reducir a cidade a un parque temático.

En segundo lugar, porque nunca se discutiu nin se cuestionan as luces de Nadal. Había antes de Caballero e haberá despois de Caballero. Eu poño luces de Nadal na miña casa e vou coa familia a ver as luces, o problema non é ese. A discusión é o modelo e nos dicimos que non podemos seguir impoñendo o Nadal do alcalde, que non é o Nadal da cidade porque é un modelo perigoso que convirte unha parte importante da cidade nun ámbito inhabitable, con saturación e ruido; este modelo de concentrar presenzas masificadas no kilómetro cero só responde á necesidade patolóxica, e o digo con cariño, de envolverse de grandes masas. Cada quen saberá a que pulsión psicolóxica responde, pero non ten ningún tipo de lóxica.

Vivimos situacións moi preocupantes no último Nadal, onde os vehículos de emerxencia o que nos trasladaban era que estaban tardando como media 15 minutos mais en atravesar o centro da cidade, vivimos como unha parte importante da cidade non tiña posibilidade de que accedera un camión de bombeiros, situacións insólitas como coches aparcados nun túnel que non se podían retirar porque non se podían levar a ningún lado, un evidente caos circulatorio saturando toda a cidade e vimos como se sigue insistindo en vandalizar un ámbito tan importante como son os xardíns da Alameda, que son un elemento protexido para os converter na leira particular dunha empresa madrileña que fai o seu agosto en Vigo a cambio de 1 euro, que é o único retorno que recibe Vigo do Cíes Market e incumplindo de maneira aberta e flagrante a normativa ambiental, de protección de patrimonio, non axustándose nin tan sequera as prevencións en materia de seguridade e sen falar do tema do ruido.

A posición don BNG é clarísima: Nadal sí, por suposto que sí, pero non así. O noso modelo ten que ser un modelo racional, sustentable e que faga a cidade habitable, por tanto ten que ser un modelo descentralizado. Non se trata de desertizar o conxunto da cidade para atraer a millares de personas, que é o que ven, ao centro da cidade sen reordenar o tránsito, sen suficientes efectivos de policía local e protección civil, con un deficiente servicio de autobús urbano… Do que se trata é de poñerlle racionalidade. Non é tan raro o que propoñemos porque ningunha outra cidade do mundo adoptou un modelo tan desquiciado e tan irracional como o que se impuxo estes anos por parte do actual goberno.

Test personal

-Se tiveras que escoller un lugar de Vigo sería: Castrelos.
-Unha serie ou película que recomendarías: El ala oeste de la Casablanca.
-Un grupo de música e unha canción: Guadi Galego e Creo en ti.
-Un libro: Multitudes, de María Reimóndez, que é o último que tiven entre as mans.
-Un deporte para practicar ou ver: Estou disfrutando moitísimo do baloncesto feminino e as bravísimas xogadoras do Celta Zorca.
-Mar ou montaña: Mar e montaña, non escollería.
-Qué bota en falta en Vigo como cidade? Entender que a cidade é moito máis que un espazo, que ten que ser unha comunidade humana, por iso queremos poñer ás persoas no centro.
-Un político de referencia: Ana Pontón.
-Qué farás o día de reflexión? Intentar recuperar o tempo que non lle puiden infelizmente dedicar á miña filla, ao meu fillo e á miña compañeira.
-Defina nunha palabra ao resto de candidatos:

  • Abel Caballero: Espectáculo.
  • Marta Fernández-Tapias: Bluf.
  • Rubén Pérez: Esgotamento.