Xosé Antonio Touriñán: "O que diferencia a Castelo Conta é facelo nun entorno rural"
Falamos co humorista galego sobre este evento que convertirá do 21 ao 27 de agosto, a parroquia de Castelo, en Culleredo, na capital cultural de Galicia
19 agosto, 2023 05:00Do 21 ao 27 de agosto, a parroquia de Castelo, en Culleredo, convértese na capital cultural de Galicia co Castelo Conta. Unha semana chea de programación cultural para todos os públicos que enche as casas dos veciños de concertos, espectáculos teatrais ou camiñatas polo monte.
Este evento está organizado polo actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, co que falamos para coñecer os detalles sobre os comezos, a importancia do evento para Castelo e os plans de futuro.
Celebrades a VIII edición do Castelo Conta, cando empezastes, ti pensabas que chegariades tan lonxe?
A verdade que non. Isto naceu como unha noite de monólogos para recaudar diñeiro xa que se quedara a deber coas orquestas. Houbo que botar unha man e eu chamei ós colegas cómicos e pallasos. David Amor, Pepo Suevos, Marcos Pereiro, Federico Pérez e non recordo ben quen foron os primeiros, pero comezou así, como unha noite de humor no medio das festas. Despois fomos dándolle volta á festa como di Xabier Díaz. Agora é unha semana enteira de cousas e contidos.
En que momento xurdiu a idea de facelo máis grande?
Xurdiu por facer algo distinto ás festas que hai ao redor, que son marabillosas. Eu levaba colaborando coa comisión de festas desde que teño 19 anos e a Castelo xa veu a París de Noia, a Panorama ou o Combo Dominicano. Á xente da organización pareceulle unha boa idea e coa axuda de amigos e veciños saíu adiante. É bonito ver como a xente está orgullosa de ser partícipe e ver cada ano ata onde podemos chegar. Conseguimos facer unha festa tan guai, que hai moita xente que te quere axudar. Estrella Galicia e Deleite levan con nós desde os comenzos, pero hai xente e empresas que te quere botar unha man polo bo rollo que hai. Tamén as administracións, Xunta, Concello e Deputación. Cando tes algo bo que vender é máis fácil.
Que supón para Castelo e para a zona un evento deste tipo?
Pois supón para a xente que vivimos aquí cousas que nunca pasan nunha aldea. Sempre tes que desplazarte a ver unha obra de teatro ou un espectáculo cómico. Para nós é unha semana especial. O diferente é facelo no entorno. Esto non é no Teatro Colón, é no medio dunha eira dunha casa ao lado dun tractor, é no campo da festa ou nunha carballeira.
Falabas do Monte Xalo, no día grande facedes unha andaina, tedes como obxectivo tamén concienciar no seu coidado, sobre o que te mostras moi activo en redes
Eu entendo que hai algo cultural no de tirar o lixo nunha cuneta. Durante moitos anos fíxose así. Agora hai que intentar cambiar esa educación, temos moitos puntos limpios por todos os lados. Co monte o que hai que facer é disfrutar del. Usalo todo o que queiramos para camiñar, andar na bici, facer festas e estar xuntos. É unha sorte ter algo así ao lado e hai que coidalo. Canto máis disfrutemos del, máis conciencia teremos sobre coidalo.
Tedes moitos eventos nesta edición, ti que destacarías?
Temos un campamento para os máis pequechos neste entorno, facemos os contos de Castelo no que escoitamos ós máis maiores, actuacións de Xabier Díaz ou Susana Seivane, humor con David Perdomo, vén Xoel López co Combo Viramundo, Muchachito, Lamatumbá, Familia Caamagno, os cómicos do sábado que non sei se durará catro horas porque somos 23 (ri), a aindana da que falabas, chegar alá arriba e mirar A Coruña e Ferrol como se mandásemos nós en todo, e pensar, se queremos invadir a todos estes desde aquí arriba, machucámolos (ri). Non podo escoller, vide toda a semana e escollede vós.
De cara ao futuro, gustaríache que fora máis grande? Tes algunha idea na cabeza?
Creo que só pode medrar en contidos, non en xente. Houbo anos nos que se nos foi un pouco das mans metendo xente de máis. O principal que temos que manter é o nivel dos contidos, facer cousas que so pasen aquí.