Corrillo bajo el paraguas, Carlos Maside, 1935

Corrillo bajo el paraguas, Carlos Maside, 1935

Cultura

Agoiros de morte na cultura popular de Galicia

Unha avelaíña negra que voa arredor dunha persoa, tres cigarros acesos co mesmo misto, curas con sotana en soños ou pesadelos nos que se coa a morte

24 diciembre, 2023 05:00

Por quen tocan as campás?, pregúntalle unha moza á outra. Non son campás de morto, son campás dun vivo que está por morrer, di a vella que pasando por alí as oíu borboriñar e ela, destas cousas, sabe máis que ninguén.

Contaba Mamá Nela que hai lugares onde ao sacaren os defuntos da Igrexa hai un só camiño certo para ir cara o cemiterio. Mentres que a saída cara a esquerda é para a procesión nos días de festa, polo camiño oposto levan os mortos ao cemiterio para evitar máis pasamentos. Tanto é así que nunha aldea cambiaron un cura por outro que nada disto oíra antes e, non sabendo da historia saía sempre co enterro pola mesma man da procesión da festa… e alá que foron nove mortos, un tras doutro, ata que Mamá Nela deu en avisar da particular crenza.

Levoume esta historia a buscar por outros avisos de morte porque, de chegar a vella, hai cousas que hei querer lembrar; crenzas que veñan da noite dos tempos e que facer pasar por min sen morrer en min.

Dei así cun Dicionario de seres míticos galegos (Xerais, 2022), un libro-guía cheo de agoiros coas súas historias e porqués… e velaquí deixo algúns que chamaron a miña atención:

Como di o refrán… Cando o galo canta a deshora, o seu dono venta a cova e, de cantar a galiña como un galo, o mellor é matala axiña mais, ante as dúbidas, cómpre dicir:

Se é fada, por ti vaia;

se é perda, por ti veña.

Poucas veces podemos adiantarnos ao mal que nos vén enriba, pero de haber unha maneira, é mediante as visións da noite… Soñar coa morte ou ver o propio pasamento, pode ser cousa de premonición. Se chaman tres veces á porta e ao abrir non hai ninguén é a mesma morte quen bate. Soñar co enterro de alguén coñecido pode ser anuncio do que lle vai suceder e, de non ver quen é o defunto, o aviso vai pra un mesmo. Pode ser augurio dunha morte repentina (e doutras cousas tamén serias) ter en diante unha pomba branca que ninguén máis ve, mentres que oír ruídos ou voces mainas e sentir medo de noite sen motivo ningún, son sinais de que alguén próximo vai falecer.

Todos estes son augurios de vello, mais hai outros coñecidos pola cultura maisntream:asluces que se acenden e apagan soas, os choros dunha persoa que non está a chorar, os obxectos que se moven sós ou facer bailar unha cadeira sobre unha pata soa.

As curuxas, mouchos, pegas e corvos son animais de visitas non desexadas. Cambio de especie, cambio de agoiro, con especial atención aos corvos! Non vai ser cousa boa de se xuntaren moitos enriba do mesmo tellado, nin que anden ao redor dunha casa, e menos aínda cando lles dá por seguir ou atacar en manda a unha persoa.

Trigal con corvos ,Vincent Van Gogh, 1890

Trigal con corvos ,Vincent Van Gogh, 1890

A xente moza oímos cun sorriso as historias que nos contan as nosas vellas e, polo si ou polo non, imos coa figa colgada do pescozo por se topamos coa veciña de mal mirar ou metemos a pedra da sorte no peto para sentir, ante un exame, presentación, cita ou entrevista, que levamos un símbolo-amuleto que nos bota unha man.