O 4 de xuño do 1903 naceu en Ourense, terceiro de sete irmáns, Alexandre Bóveda Iglesias nunha familia de pai carpinteiro (Xoán Bóveda) e nai costureira (Luísa Iglesias). Rapaz espelido, ademais de practicar fútbol no Royal F.C, estudaba francés e debuxo, cantaba na coral Ruada e mais no Orfeón Unión Ourensán e destacaba en contabilidade e matemáticas. Con 24 anos conseguiu por oposición un posto de técnico de Facenda e, inda requirido por Calvo Sotelo para Madrid, veu para Pontevedra como Xefe de Contabilidade.
E daquela entrou de cheo na cultura latente da Pontevedra de Castelao, onde estaba a botica de Perfecto Feijóo, cunha rebotica pola que pasaron Pardo Bazán, Montero Ríos, Mateo Sagasta, Pablo Iglesias ou Miguel de Unamuno; a Pontevedra de Casto Sampedro e do Café Méndez Núñez onde se argallaban xuntanzas a prol do fomento e sensibilización do nacionalismo galego; a do faladoiro de Losada Diéguez onde se podía conversar sobre filosofía e música ou organizar fútbol, remo ou a actividade cultural da cidade.
Nesa Pontevedra cultural, coñeceu a Amalia Álvarez Gallego —quinta dos seis fillos de Dolores Gallego e Xerardo Álvarez Limeses— nos ensaios da Sociedade Coral Polifónica, e casaron o 20 de outubro de 1930 na igrexa do Mosteiro dos Mercedarios de Poio. Tiveron cinco fillos: Xela, Alexandro, Xosé Luís, Lola e a última, Amalia, a quen el non ía chegar a coñecer.
Un Estatuto de Autonomía para Galiza
No 1931, coa chegada da Segunda República, os nacionalistas e mais os rexionalistas da ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), que xa artellaran antes unha campaña pro-Estatuto, comezaron coas reunións para a súa elaboración.
Bóveda, desde a dirección do Partido Galeguista, defendeu a idea de que o atraso en Galiza se debía en parte ao centralismo do Estado, sendo un dos redactores do Estatuto de Autonomía que se propoñía acadar a consideración de Galiza como rexión autónoma dentro do Estado español, así como a creación dun marco xurídico-político propio.
O 19 de decembro, conseguiron a aprobación por parte da Asemblea de Concellos, co apoio de 209 cámaras municipais do total de 227 representantes.
Restaba só que o texto fose referendado polas Cortes españolas, mais non puido ser: o plebiscito marcado para ser a finais do 1933 parouno o goberno de dereitas no segundo bienio da Segunda República (1933-1935).
A Bóveda, por orde ministerial, destérrano a Cádiz ata que, co cambio de goberno, puido volver no 1935 e presentarse como candidato do Frente Popular por Ourense, sempre co devezo de sacar adiante o Estatuto de Autonomía que, finalmente, os galegos aprobaron en referendo o 28 de xuño do 1936. Xa co texto aprobado, o 15 de xullo deste mesmo ano, Gómez Román e Castelao presentárono ó presidente das cortes españolas para que puidese ser aprobado en Madrid.
Tres días despois, o 18 de xullo, o golpe de estado remata coas arelas de Alexandre Bóveda. Galiza foi dos primeiros territorios en caer en mans dos sublevados contra o Goberno Constitucional .
‘Traición a la Patria’
Disque pouco antes de que o detiveran por ‘traizón á Patria’, a súa compañeira Amalia espertou chorando. Soñara que un soldado o mataba. "Pero Choliñas? Quen me vai querer facer dano a min?". E o mesmo lle dixo aos que lle pregaron que fuxira. Con 33 anos, catro crianzas e a quinta en camiño, Bóveda negouse a fuxir. Puido facelo polo balcón da casa dos sogros, pero non quixo. "Quen me vai querer facer dano a min?". E, porén, detivérono alí o 20 de xullo.
O 13 de agosto decretouse un xuízo sumarísimo militar. Esta foi a súa última alegación ante o tribunal que ordenou a súa execución:
"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente como pode amar un fillo a súa nai. Endexamais a traizonaría aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis aló da miña morte. Se entende este tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis pola miña Terra. Fixen canto puiden por Galiza e faría moito máis se puidera. Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado".
E escribiu para a súa compañeira de vida, Amalia, unha última carta antes de ser fusilado:
Madrugada do 17 de agosto de 1936
Choliñas, Miña Peque, Vidiña:
Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto puidera decirche.
Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todolos meus encargos.
Eu, almiña, estarei sempre con vós como che prometín.
Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.
Adeus, Vidiña: Vive para os peques e os vellos, abrázaos, confórtaos. Sé Ti,
miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos.
Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós.
Adeus. Contigo, cos peques, cos vellos todos, estará sempre na lembranza, na máis grande, máis fonda, máis infinda das apertas, o voso,
Xandro
P.S /
Recei contigo
"A miña morte servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que, aínda despois de morto, farei a nosa terra", dixo aquel 17 de agosto do 36… Bóveda traballou na sombra, pero deixou que o xulgasen e fusilasen por defender unha loita xusta. Non se agochou. Pediu ser enterrado coa bandeira galega e tampouco lle foi concedida a súa última vontade… Unha bandeira que Xosé Sesto —quen pasou con el as últimas horas— lle puxo na roupa coa que foi enterrado.
A familia del quedou marcada durante o franquismo polos ruxerruxe, os dixomedíxome e os Aí vai a muller dun asasino!, ata que coa chegada da democracia deu en recoñecerse todo canto fixo pola súa terra e Amalia puido participar das homenaxes celebradas cada 17 de agosto: no cemiterio de San Amaro, na praza de Curros Enríquez de Pontevedra e máis tarde na subida á Caeira en Poio… "Que pena que tivesen que matalo para que a xente coñecese o que fixo por Galiza", dicía ela.
A derradeira lección do mestre
A derradeira lección do mestre é a estampa nº 6 do álbum Galiza Mártir (1937) que Castelao dedicou a Bóveda e que recrearía no 1945 nun formato máis grande (200 x 136 cm), coa técnica da pintura ao óleo. Unha obra na que, segundo din, a face do mestre é a do compañeiro asasinado.
Representou así, dende o exilio forzoso en Bos Aires, a dor pola inxustiza de tal morte coa figura dun mestre republicano sen vida ante os alumnos que o choran… Un Mestre asasinado por negarse a ser e formar parte do terror, por defender o propio e o dos demais. Por non agocharse sabendo que acabarían con el, sabedor tamén de que todo canto estaba a facer / todo canto estaba a suceder non ía quedar esquecido entre os mortos. ‘Non enterran cadavres, enterran sementes’.
BIBLIOGRAFÍA
Diéguez Cequiel, U.B. (Coordinación e textos). (2010, marzo). Alexandre Bóveda nos seus documentos. calameo.com. https://www.calameo.com/read/000627572d60c3cf5a84a
Quen é Alexandre Bóveda. (2019, 18 setembro). Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. https://www.acalexandreboveda.gal/quen-e-alexandre-boveda