O libro da vaca, do veterinario Pedro Benavente e mais do académico Xesús Ferro Ruibal, é unha monografía etnolingüística ó redor do gando vacún na Galiza que vai dedicado ás vacas que nos criaron, ós gandeiros e gandeiras fieis á natureza... Gandeiros e gandeiras que de onte pra acá poñen tódolos seus azos en que Galiza manteña razas propias, en que sigamos a produci-lo propio alimento.
Cun propósito interdisciplinario, Ferro e Benavente explican as características, fisioloxía, anatomía das vacas dende a ciencia, sen deixar de lado a Historia da vaca e procurando na cultura popular e na literatura os misterios que escapan do intelecto, e na arte o seu verdadeiro valor e transcendencia.
Cheguei a este libro coa arela de querer saber da vida destes animais pra poder escribir sobre a súa natureza e dei con máis de mil cantigas populares; tamén con milleiros de refráns e palabras que eu nunca escoitara e outras que me querían soar. A pegada da vaca na paisaxe, na economía, na cultura e a arte, impacta tamén na lingua con palabras que quedan atrás no tempo, que se perden ás veces polo uso máis frecuente doutras foráneas.
A vaca non é un animal rival, como o son a couza, o rato, a toupa, a denociña, o lobo, o raposo ou a gaivota; non é un animal de mal agoiro, coma o moucho ou o corvo; non é tampouco un animal neutro, coma a maior parte das aves e paxaros, incluído o cuco. Nesa pequena arca de Noé que era tradicionalmente a casa da aldea, a vaca é un animal compatible, colaborador e amigo; é dicir, doméstico.
E a vaca tampouco é un animal doméstico calquera, como son o porco ou a galiña: a vaca forma parte dun círculo máis íntimo da familia e por iso ten un nome propio, coma o can, o gato e o cabalo pero tamén coma a xente, coma os cristiáns. E, cando morría enferma, non se tiraba no monte, coma outros animais, senón que se enterraba.
Castelao deixou escrito que, se algún día Galicia batía moeda, non ía gravar nela a efixie dun político nin a dun militar, senón a dunha vaca.
Benavente P. e Ferro, X., O libro da vaca.
A palabra
Dependendo da morfoloxía, atesouramos milleiros de termos pra nomeármo-las vacas e diferencialas... As súas cores, tamaño ou a robustez das patas, a forma dos cornos e maila feitura destes fálanos das súas características e cóntanos de onde son ou pra que se crían. Non é o mesmo, por exemplo, cando os cornos se enroscan cara adiante, cara atrás, cando suben ou baixan, nin é o mesmo se son grandes e fortes ou máis pequechos. Unha vaca picaña é a que ten os cornos pra arriba, mais tamén se lle pode dicir achabada, brocuda ou gharrida, entre outras moitísimas acepcións. Mais aquelas que teñen un só corno son as vacas cachena, as cornachas, cornetas, manquesas, etc.
Razas autóctonas galegas
A miúdo escoitamos nos medios de comunicación de nomenclaturas do gando vacún e, por iso, sabemos que hai vacas as que lle din rubias e a outras cachenas, mais non sempre temos na cabeza unha imaxe ou referencia das mesmas, nin sabemos de que lugares son máis comúns nin da súa historia... Porén, velaquí queda unha listaxe cun pequeno resumo e fotografía de cada unha:
A rubia galega
Baixo a denominación oficial de raza rubia galega están comprendidas vacas de diferentes capas: a marela, a rubia, a teixa e a varela: a mesma raza, distintos fenotipos ou caracteres externos. Mais o estándar oficial establece que a cor debería se-la rubia de tonalidade uniforme, admitíndose algunhas degradacións de tonalidade nalgunhas partes do animal.
Os seus pezuños e cornos son de cor clara, desde branco rosado ó castaño, con algún escurecemento nas puntas, rexeitándose como rubias aquelas de cornos de cor negra ou pizarrosa. Como se aprecia na imaxe, o pelo desta vaca é espeso, brillante, fino e liso, as orellas grandes, os ollos rodeados dun halo máis claro cá cor da capa e de cornos dirixidos cara adiante e arriba. Pescozo forte, curto e musculado nos machos, e fino e delgado nas femias.
A cría destas razas rústicas foi importante na recuperación de prácticas culturais tradicionais ou no mantemento da paisaxe. Esta raza, característica de Galicia, é, con diferenza, a raza bovina autóctona máis numerosa a nivel estatal e críase para carne, leite e como forza de traballo.
Raza cachena
Esta é raza propia das zonas montañosas da serra do Xurés, serra do Leboreiro e montes de Quinxo, estendéndose tamén por terras portuguesas de Peneda-Gerês.
Existen outras razas galegas, aínda que minoritarias. Eu, que non son experto, quérolle ben á pisca da Raia Seca, que agora chaman moito "cachena". É a vaquiña de pelaxe idéntica á rubia galega, moi pequena e áxil. Chaman a atención os enormes cornos da pisca e os seus lindos ollos, coma pintados ao estilo Nefertiti
Presenta capa de cor castaña clara, máis escura na rexión do pescozo e caracterízanse polo floco de pelos na testa e a cornamenta desproporcionadamente grande, con cornos en lira alta e aberta, brancos ou de cor ámbar e coa punta negra.
Como as outras razas morenas galegas, sufriu unha importante recesión ó perder interese a súa aptitude para o traballo.
Raza caldelá
Raza vacúa autóctona propia da zona de Castro Caldelas, distribuída tamén por A Pobra de Trives, Maceda e a zona limítrofe do sur de Lugo. Ben dotada para o traballo e hoxe dedicada á produción de carne, caracterízase por ter, no caso dos bois como o que vemos na imaxe, unha capa escura, case negra, cunha liña dorso-lumbar (chamada listón) máis clara e tirando a vermello. Propio da rusticidade da raza son os cornos abertos, en gancho alto, de cor clara e coas puntas negras.
Raza frieiresa
Toma o nome da súa presenza na Terra das Frieiras, en Ourense, sendo unha raza propia do concello ourensán da Mezquita, estendéndose tamén pola Gudiña, Riós, Vilardevós, Hermisende e A Teixeira en Zamora.
É animal de gran volume con capa castaña ou vermella, que vai do leonado ó rubio. Característico desta raza é a orla negra moi marcada no bordo das orellas, das que sae un floco ou guedella de pelo louro. Na rexión frontal posúen un floco rubio dourado, sobre todo nos machos, carácter dominante que se presenta en tódo-los seus cruces. Tamén é característico o gran desenvolvemento da cornamenta, dirixida cara adiante e cara abaixo, coas puntas cara fóra.
A raza frieiresa destaca pola súa facilidade de manexo e mansedume.
Raza limiá
Raza bovina propia da comarca ourensá da Limia e tamén presente na comarca de Monterrei, procedente do cruce da caldelá e a marela.
A capa típica é de cor caoba escuro ou castaña, co terzo anterior sempre máis escuro có posterior, con cabos e extremos negros e orla abrancazada ó redor do fociño. Os cornos revirados en gancho curto, nos bois, e grandes e longos, coa punta cara fóra, nas femias.
É unha raza especialmente valorada como animal de tiro mais tamén, secundariamente, como produtora de carne e leite.
Raza frisoa
A raza foránea máis estendida en Galicia, e en todo o mundo, é a frisoa ou holandesa, de alta produción leiteira, coñecida pola súa capa berrenda en negro á que se debe o nome popular de pinta co que a denominan comunmente.
N’O libro da vaca sae recollida unha anécdota contada polo escritor e historiador Antón Fraguas:
O pintor Uxío Souto, profesor dun instituto da Estrada, encarga ós seus alumnos un debuxo sobre o medio ambiente. Un rapaz debuxa un pastorciño gardando tres vacas que pastan. O rapaz viste un pantalón con romendos. Unha das vacas é de raza frisoa, con grandes manchas negras. Baixo o debuxo, o rapaz escribíu: Tamén a vaca ten romendos.
Queda aquí, pra rematarmos, un dos debuxos que Castelao fixo prá serie Na Feira e no cal fai referencia, como fixo noutros moitas obras, á situación na cal vivían os campesiños e campesiñas que traballaban e vivían baixo o sometemento dun cacique. Neste caso, reflicte con amargura a inxustiza do sistema político caciquil que mantiña oprimida á poboación que traballaba o campo e cos animais sen sacar proveito ningún da súa labor:
"-¿Vendiche ben a vaca?
-Vendín; pero ainda non me chega pra librarme da xusticia"
Bibliografía
Pedro BENAVENTE JAREÑO, Xesús FERRO RUIBAL (2010): O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Santiago de Compostela, 2010.