‘Os aneis de poder’.

‘Os aneis de poder’. @DobraxeGalega

Audiovisual

A Terra Media fala galego: Así foi a dobraxe en Galicia da serie ‘Os aneis de poder’

Para coñecer o proceso que permitiu levar a serie ao galego charlamos con Julio Lorenzo, actor e director de dobraxe desta precuela de ‘O Señor dos Aneis’

17 octubre, 2022 06:00

A chegada da Televisión de Galicia a finais dos 80 permitiu a moitas xeracións gozar de grandes clásicos do cinema, series de éxito ou debuxos animados que marcaron infancias en galego. O cambio no formato televisivo provocou que a televisión pública apostase máis pola produción propia e deixase de apostar por contido estranxeiro que xa non podía adquirir. Agora, grazas á nova Lei Audiovisual, volvemos ter a oportunidade de gozar de grandes obras en lingua galega e como non podía ser doutra forma, entre elas está a serie máis importante do ano: Os aneis de poder.

Netflix e HBO tentaron facerse cos seus dereitos, pero finalmente foi Amazon a que conseguiu convencer aos herdeiros de Tolkien para levar á pequena pantalla o universo de O Señor dos Aneis. A multinacional americana apostou por unha precuela da obra orixinal que se converteu na serie máis cara da historia, custando nin máis nin menos que 465 millóns de euros. Aínda que non gustou a unha parte dos fans da obra orixinal, a serie gustou á crítica, renovou por unha segunda tempada e xera conversación cada semana nas redes sociais.

Para coñecer o proceso de dobraxe da serie ao galego charlamos con Julio Lorenzo, actor e director de dobraxe de Os aneis de poder. A serie dobrouse en Vigo, concretamente nos estudos de Iberolusa. A produtora púxose en contacto co estudo, que adoita traballar en castelán, pero que xa dobrou varias series e películas en galego nos últimos meses grazas ao impulso da Lei Audiovisual.

O primeiro paso é seleccionar as voces que van participar na dobraxe. Tras facer un casting, o director adoita escoller unhas tres ou catro voces por personaxe e logo estas envíanselle á plataforma, que decide entre estas opcións a que máis lle convence.

Unha vez elixidas as voces empeza o proceso de dobrar os capítulos que se escapa ao habitual: "O máis difícil é dicirlle aos meus actores o que van facer sen que eles saiban moito da trama e tentar explicarlles a situación e cousas sobre o seu personaxe". A serie contou co máximo segredo para que non se filtrara ningunha clave da trama antes de que finalizase a primeira tempada que estreou este venres o seu último episodio.

A gravación non se fai de forma seguida, senón que cada actor grava as súas frases de forma individual, por iso é díficil para Julio Lorenzo dar unha duración aproximada, pero considera que se se gravase todo seguido tardarían uns tres ou catro días por episodio, o que se traduce nunhas seis ou oito xornadas de traballo, que é a forma na que miden o tempo no sector.

Todo este proceso de dobraxe non se podería levar a cabo sen a gran labor que fixo a tradutora Magdalena Sánchez, para a que Julio so ten boas palabras por conseguir trasladar con gran acerto ao galego os términos do mundo de Tolkien. Cabe destacar tamén que a serie pode verse subtitulada na nosa lingua, un traballo realizado por Lucía Doval.

Gran aceptación do público

Ademais de en Galicia, a serie tamén se dobrou ao catalán e ao euskera. Julio Lorenzo tivo a oportunidade de falar co director da dobraxe en catalán, co que intercambiou algunhas claves que lle permitiron darlle mellores instrucións aos seus actores. "É unha serie moi importante e é moi bo que se estea facendo nos distintos idiomas do Estado", engade.

Sobre a situación da dobraxe en galego, Julio Lorenzo sinala que "canteira sempre houbo", pero que se produciu unha caída despois de que a TVG decidise apostar pola produción propia. "Agora coa nova lei e o impulso das plataformas estase retomando a dobraxe en galego".

A xente tomou con entusiasmo a dobraxe en galego da serie e Lorenzo sinala que recibiu "moito agarimo" e que moita xente escribiulle por redes para felicitalo. "Paga a pena volver ver as cousas en galego e ese agarimo anima a continuar e coller outro ánimo".

A dobraxe como ferramenta de normalización

Moita xente é detractora da dobraxe, algo sobre o que Julio argumenta o seguinte: "Non hai que criticar unha profesión que é artística. É tan sinxelo como darlle a un botón e escoitalo noutro idioma. Criticar algo que podes evitar é absurdo".

Julio considera que a dobraxe en galego axudou a moita xente a normalizar o idioma, especialmente a toda a xeración que creceu co Xabarín. "Diría que axudou máis que moitos organismos públicos para normalizar ou galego, pero deixouse morrer", conclúe.