Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, fará entrega dos Premios Youtubeiras 2023 este sábado, 17 de febreiro.
A gala de entrega celebrarase no Teatro Principal de Santiago, contará coa condución de Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra. Así o adiantaron esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e Nuria Vilán Prado (coñecida co nome artístico de Nuria Vil) quen se encargou de explicar diferentes detalles da gala, que procurará reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede.
O Teatro Principal acollerá a partir das 20:00 horas a entrega dos galardóns nun evento no que haberá espazo para o humor, mais tamén para transmitir con rigor asuntos serios ao redor da lingua, da creación de contidos, das relacións interpersoais e tamén das redes sociais, un espazo que debe xerar sinerxías, afectos e debates, pero que en demasiadas ocasións se converte nun lugar virtual hostil.
Nesta liña, a gala dos Premios Youtubeiras porá sobre o escenario proximidade e reflexión para remarcar o significado do lema que os galardóns asumen nesta edición: Rede aberta, Rede diversa! Na gala brindaráselles protagonismo aos conceptos de fogar e de seguridade a través do trato próximo que quere empregar o equipo artístico da gala e tamén mediante a simboloxía. Neste senso, para introducir cada unha das categorías emprégase como elemento de escenografía diferentes obxectos evocadores que manteñen relación coa creación de contidos para soportes visuais. Obxectos que, sen dúbida, serán, ben recoñecibles para a comunidade youtubeira.
A gala dos Premios Youtubeiras 2023 celebrarase ás 20:00 horas no Teatro Principal. O acceso será de balde, mais cómpre retirar os convites previamente. Os puntos de distribución serán físicos : a Zona C (rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (dende hoxe martes até o sábado, de 11:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h) e o despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da gala (dende as 19:00 h).