Mamasunción: unha faísca de tódalas nosas nais
Chano Piñeiro: "Un servidor no lle serve a vostede, un servidor sérvelle a outra xente e a outra cultura que nunca poderán calar porque estamos cada vez máis vivos…"
5 mayo, 2024 05:00Haberá quen recoñeza esta imaxe de Mamasunción, e haberá mesmo quen sorría pequeno ao vela. Sinto dentro de min, só con facer memoria da primeira vez que vin o filme, o pouso da pena no ollar da vella. Un pesar que atravesou a pantalla e mais conseguiu que a xente vise en Mamasunción a súa propia figura materna de dor contida. A mágoa, a raiba e mais tamén a dignidade, todo ese sentir nos dezanove minutos, inda non, que dura o filme. E ese quizais sexa un dos grandes logros desta cinta.
E eu supoño que é por isto polo que algunhas veces os directores e directoras de cine queren o que chaman ‘actores e actrices do natural’, —xente real, dito doutra maneira, para dar vida ás personaxes—. Chano Piñeiro, quen soñou e dirixiu Mamasunción, contou no seu momento: "Queimar os billetes de dólares custoulle moito traballo. Cría que eran de verdade e seus. (…) A suposta carta do fillo conservouna toda a rodaxe, porque pensaba que era súa. O maletín cheo de dólares estivo perdido durante un día porque ela o agachara pensando que era seu" (Piñeiro, 1995, p. 22). Estase a referir a muller que deu vida á Mamasunción, quen mesmo tiña o mesmo nome que a persoa en que Chano se inspirara: no 1985, nun programa da TVG, Piñeiro contoulle a Manuel Rivas a historia real da vella de Forcarei que cada día facía camiño ata a oficina de Correos agardando unhas palabras que recibiu tras máis de corenta anos. Pouco despois, apareceulle na porta o fillo que marchara con dezasete anos e regresaba da migración sendo el vello tamén.
Chano filma unha historia verdadeira, pero mudando o final, coa noticia do pasamento do fillo e con Mamasunción botando os billetes no lume: a imaxe coa que destrúe o mito e retrata unha realidade menos grata, pero tamén ben real. Mamasunción é unha vella de alma avellentada de calquera aldea galega que agarda esperanzada por novas dun fillo que fuxiu da miseria á procura dunha vida digna. As noticias han chegar traendo consigo namais que morte e fardos de billetes que non son consolo de ningunha mai.
Chano Piñeiro sabía de preto a realidade de quen marchaba e de quen volvía polas historias do bisavó emigrado en Lisboa, do avó no Brasil e da avoa que era filla dunha mexicana e un emigrante no Perú… Mais sendo coñecedor das historias dos que marcharon escolleu, para retratar a dureza da emigración, o ollar de Mamasunción, coa maior das sensibilidades e sen facer sequera uso da palabra.
"Facer cine en Galiza é posible, facer cine en galego é necesario", dixo Chano. De certo, non había daquela nin suficientes profesionais do cinema nin tampouco os mellores recursos técnicos, así que Chano, sentindo que era isto o que debía facer por Galicia, buscou fóra un equipo de profesionais dispostos a traballar con alguén sen recoñecemento previo, e dentro, deu cos actores e actrices, demostrando que era posible un cinema feito en Galiza, contado a historia que nos é propia, que se entendese e chegase ao corazón da xente en calquera outro lugar do mundo.
Este pensamento político e a teima de explorar as posibilidades do cinema galego foi posible grazas, en parte, á proliferación de cineclubs aos que chegaban as cintas que eran mostra dos cambios que se estaban a dar en Hollywood e nos novos movementos nacionalistas como o Cinema Novo en Brasil. Ademais, no 1973, naceron as Xornadas de Cine en Ourense, onde se proxectaban as novidades e onde xurdían debates ao redor da necesidade de facer un cinema alternativo ou sobre o desexo dunha industria que permitira a profesionalización deste traballo.
Mamasunción, ollando un día tras outro o mesmo reloxo, agarda e fainos agardar, sentindo nós como ela a necesidade do reencontro, do final feliz: é o motivo da muller que agarda e que a min me fai lembrar a escultura A Vella do porto de Muros que mira o mar, na espera da chegada do home ―marido / fillo / irmán / pai―.
"A ausencia é sempre peor pra quen queda"… A aldea de Rubillón, onde se rodou o filme, pode ser calquera das nosas aldeas de Galicia e Mamasunción calquera das mulleres que dende a fiestra do seu cuarto ou dende o banco de pedra miraron por anos o mesmo mar.
Bibliografía
- Barreiro, M., & Barreiro, M. Mamasunción. Na xénese dun novo cinema galego – A Cuarta Parede. A Cuarta Parede – Primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica. https://www.acuartaparede.com/mamasuncion-na-xenese-dun-novo-cinema-galego/
- Sánchez, A.F. and Vieites, M. (1970) A Emigración no cine de Chano Piñeiro: Mamasunción (1985) E Sempre Xonxa (1989), Dialnet. En: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7037919