Ofrecido por:
Touriñán: "É moi necesario que os cativos poidan ver debuxos feitos aquí e en galego"
'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos en galego, foi presentada o pasado domingo en Culturgal e xa está dispoñible en Xabarin.gal
Contido patrocinado
"É moi necesario que os cativos poidan ver debuxos feitos aquí e en galego". Así o asegura o humorista e actor Xosé Antonio Touriñán. Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego, naceu precisamente con esa idea: que as nenas e nenos de Galicia desfruten e aprendan con historias pensadas e feitas aquí e en galego.
A serie, que foi presentada o pasado domingo no Culturgal ante un auditorio cheo, xa está dispoñible en Xabarin.gal, a plataforma dixital de contidos infantís da Televisión de Galicia. Precisamente, foi Xosé Antonio Touriñán o encargado de presentar ás familias este novo proxecto da produtora Undodez.
O actor, que tamén é un dos produtores da serie e pon a voz a un dos personaxes recorrentes, deu a coñecer os protagonistas desta serie musical para os máis cativos da casa: o paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o picapau Carpin.
Touriñán recordou a necesidade de crear contidos específicos para os primeiros espectadores e facelo con referentes e linguaxe próxima, para que as nenas e nenos poidan desfrutar de programas e debuxos feitos pensando neles.
A serie, creada por Laura e Andrés Mahía, basea as súas tramas na vida destes paxaros no bosque que habitan. Os protagonistas de Bibopalula non teñen comportamentos humanos, non van á escola ou usan coches, senón que voan polo bosque e cantan, coa única diferenza de que tamén tocan instrumentos musicais.
Robin, Merli, Pegui e Carpin forman a Banda do Bosque, cuxas cancións forman parte de cada un dos episodios da serie.
As historias de Bibopalula teñen tamén en conta os ciclos das estacións e as particularidades do comportamento das diferentes especies. Así, algúns personaxes só aparecen na primavera, outros no verán e algúns só teñen presenza pola noite.
Deste xeito, os pequenos espectadores poden ir interiorizando algúns dos trazos característicos de especies de aves que son relativamente doadas de avistar cerca das súas casas. Que un neno "identificara unha pega do xardín como Pegui, sería un final feliz para a serie" comenta Andrés Mahía, co-creador de Bibopalula.
Unha canción ao remate de cada episodio
A música é a característica principal da serie, cuxas cancións orixinais foron compostas por Santi Jul e Iván Laxe, dous dos compositores máis premiados e recoñecidos do audiovisual galego. Cada episodio ten unha conclusión en forma de canción na que os protagonistas resumen a aprendizaxe do día.
Estas cancións preséntanse a modo de videoclip ou en forma de pequeno concerto no bosque e, para achegalas de xeito máis directo, nos próximos días estarán dispoñibles de xeito gratuíto nas principais plataformas de streaming para poder cantar e bailar coas cancións da Banda do Bosque.
A serie non quere quedar só no multimedia, por iso, ademais dos episodios, contido extra e cancións que estarán dispoñibles en dispositivos, os seus creadores xa están traballando coa produtora de artes escénicas Ainé na creación dun espectáculo de música infantil para percorrer as vilas e cidades galegas.
Os primeiros 20 capítulos dos 55 totais da primeira temporada de Bibopalula xa están en liña en Xabarin.gal e nas aplicacións para dispositivos móbiles e televisións intelixentes da plataforma de contidos infantís da Televisión de Galicia.