Ricardo Cao, elegido como nuevo rector de la UDC.

Ricardo Cao, elegido como nuevo rector de la UDC. Cedida

Educación

Ricardo Cao, elixido novo reitor da UDC: "A universidade facémola entre todas as persoas"

Abrir un proceso participativo para elaborar os estatutos adaptados á LOSU, cambiar a Relación de Postos de Traballo ou conseguir máis financiamento para facer fronte aos problemas estruturais existentes son algúns dos retos que ten por diante o matemático, que tomará posesión do cargo en 2024

5 diciembre, 2023 12:38

Ricardo Cao será o novo reitor da Universidade da Coruña (UDC) durante seis anos. O catedrático e profesor de Estatística e Investigación de Operativa tomará posesión do cargo, previsiblemente, a medidados de xaneiro en sustitución de Julio Abalde, que representou a institución durante oito anos.

Menos dun día despois de que saise elixido por 2.983 votos fronte aos de 1.590 de Fermín Navarrina, falamos co matemático sobre as sensacións que recolleu durante o proceso de escoita previo á súa designación. Un proceso que contou con numerosos actos e reunións nos que participaron arredor dun milleiro de persoas vinculadas á comunidade universitaria coruñesa.

Precisamente destas conversas saiu o seu compromiso de cambiar a Relación de Postos de Traballo. Cao, ademais, continuará escoitando as aportacións da comunidade de cara á elaboración dos novos estatutos en aplicación á nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) ao mesmo tempo que lle pide á Xunta máis financiamento para facer fronte aos problemas estruturais existentes.

Que supón para ti saír elixido como rector?

É unha gran honra. A confianza depositada por unha parte moi importante da comundidade universitaria faime sentir moi honrado e ilusionado. Tamén para o periodo que ven por diante, sobre todo tendo en conta a participación tan grande que houbo na conformación da nosa candidatura, cun proceso de escoita e un programa electoral moi enraizado na opinión da maioría da comunidade universitaria.

"Aínda que o claustro universitario é o que ten que aprobar esos estatutos, o que queremos é que a reflexión sobre como queremos que sexan sexa un proceso moi participativo, que sexan uns estatutos o máis ampliamente apoiados, ogallá por consenso"

Xa tes experiencia na xestión universitaria, fuches vicerreitor de Investigación e Transferencia (2012-2016). Como afrontas esta nova etapa?

Por unha banda afróntoa dende o coñecemento do intenso que vai ser, especialmente no próximo ano e medio-dous anos, entre outras cousas pola necesidade de modificacións derivadas da Lei Orgánica do Sistema Universitario aprobada hai uns meses, que establece que temos que adaptar moitas cousas existentes, pensar a estrutura. A LOSU esixe cambios pero tamén da flexibilidade nalgúns aspectos e temos que decidir colectivamente os estatutos. Aínda que o claustro universitario, un dos órganos de Goberno composto por 300 membros, é o que ten que aprobar esos estatutos, o que queremos é que a reflexión sobre como queremos que sexan sexa un proceso moi participativo, que sexan uns estatutos o máis ampliamente apoiados, ogallá por consenso.

O financiamento universitario é algo moi importante. A LOSU establece que o financiamento das universidades públicas ten que chegar ao 1% do Produto Interior Bruto (PIB) de aquí ao 2030, que casualmente é o tempo de mandato do equipo reitoral que terei a honra de encabezar. Iso é moi importante porque estableces un mandato pola propia lei orgánica e tense que levar a cabo en seis anos. É moi importante acadar un acordo satisfactorio coas organizacións públicas que nos financian, neste caso a Xunta, incidindo nun aspecto que no noso programa levamos dende o principio: que ese financiamento reforce a parte estrutural, os custes estruturais, que son os que a Xunta de Galicia libera ás universidades para o mantemento do persoal, edificios… Nestos momentos estamos moi infrafinanciados.

No proceso de escoita, un dos temas que saiu foi a humanización da universidade, facela máis humana dende o punto de vista das normativas e dos espazos nos que pasamos unha parte moi importante do noso tempo de estudo, de traballo e de lecer. E ao mesmo tempo de equidade, de igualdade, de atención á diversidade, de coidados da saúde. En saúde mental temos programas de apoio psicolóxico que temos que intensificar. Tamén xurdiron aspectos como a internacionalización ou a investigación.

"Temos que convencer ás Administracións públicas, e nomeadamente á Xunta, de que o plano de financiamento tense que mudar cara estas dúas ideas: o aumento conforme a lei orgánica e se incremente específicamente na parte estrutural"

A humanización e a adaptación á LOSU son os retos que tes por diante?

E o financiamento. Temos que convencer ás Administracións públicas, e nomeadamente á Xunta, de que o plano de financiamento tense que mudar cara estas dúas ideas: o aumento conforme a lei orgánica e que se incremente específicamente na parte estrutural, na parte que nos serve para poder pagar os salarios dos empregados e manter os edificios. Algúns dos nosos edificios teñen xa problemas importantes de mantemento porque durante estos últimos anos os orzamentos foron decrecendo, aínda que aumentaron últimamente. Se se calcula o orzamento de 2023 quitando a inflación é un 4,9% máis baixo que o de 2009. Onde repercutiu? Temos menos ingresos en transferencias correntes do que son os salarios do persoal e o mantemento dos edificios non se puido facer axeitadamente por esa asfixia orzamentaria.

Levas máis de 20 anos na universidade. Como evolucionou neste tempo?

Cambiou moito. As novas tecnoloxías fixeron da universidade pública unha administración case na súa totalidade electrónica dende hai uns anos. Posiblemente, o persoal da universidade fomos dos primeiros funcionarios nos que se foi implantando a sinatura electrónica, todos temos certificado dixital. É unha cousa boa, pero pasar todo a electrónico non quere dicir necesariamente que sexa máis eficiente, temos un traballo importante que facer.

Houbo momentos de crise, duros, onde algúns dos estudantes tiveron serios problemas para manter a súa matrícula. A política de bolsas que se fixo dende a propia universidade, complementaria ás do Ministerio e da Xunta, foi vital para que moita xente non abandoase. En aspectos de investigación deuse un gran salto, sobre todo nos últimos 10 anos.

Cando eu fun vicerreitor acadamos o primeiro proxecto do European Research Council, un proxecto moi singular que é como meterse na Champions League da investigación. Neste momento temos seis. Ademais, temos outros indicadores moi positivos en investigación: outros proxectos competitivos europeos e estatais e a incorporación dun número moi grande de investigadores do programa InTalent, propio e financiado co apoio de Inditex, e de investigadores de programas públicos como Ramón y Cajal.

Mudaron moitas cousas, tamén na relación coa sociedade, colaboracións co tecido produtivo, contratos con empresas… A Cidade das TIC é un exemplo, xurdiu co Clúster TIC, a UDC e con moita implicación das administracións públicas, e tamén o Centro Mixto de Investigación que temos entre a empresa pública Navantia e a UDC con base en Ferrol. Son moi bos exemplos que temos que coidar, mellorar e continuar. A internacionalización é un dos aspectos nos que temos un amplo marxe de mellora.

A escoita e o diálogo social teñen que ser as ferramentas nestos seis anos de mandato, especialmente nunha situación de reformas pola LOSU

No acto no que onte se deu a coñecer a vitoria da túa candidatura. Tiveches ocasión de falar con el? Deuche algún consello?

Dende que tomei a decisión de presentarme a reitor, a finais de maio co apoio de Nova Luce, iniciei un proceso de escoita e de falar de xeito individual en xuño e xullo. Falei con moita xente, entre eles o reitor actual Julio Abalde e anteriores como José María Barja e Xosé Luís Armesto, e coas persoas que se presentaban a reitor. Este proceso valeume para conformar o equipo marabilloso de persoas que me acompañan na candidatura e cos que fixemos o proceso de escoita. Con Julio Abalde estiven en contacto varias veces, onte mesmo estivemos xuntos e deume os seus consellos e a súa opinión.

Nova Luce fixo cousas moi boas, fantásticas, nestos anos, e outras cun amplo marxe de mellora. O que intentamos é identificalas. A escoita e o diálogo social teñen que ser as ferramentas nestos seis anos de mandato, especialmente nunha situación de reformas pola LOSU e pulsando a opinión da comunidade universitaria. Non é un eslogan, é unha realidade: a universidade facémola entre todas as persoas, e a nosa idea é facer da UDC a mellor universidade posible.

Que vai ser o primeiro que vai facer Ricardo Cao como reitor para facer da UDC a mellor universidade posible?

Iremos traballando dende xa en moitos aspectos, o que estamos facendo agora é ver a estrutura de goberno prevista. Temos que facer cambios na Relación de Postos de Traballo (RPT), demos o noso compromiso. Nos primeiros momentos de toma de posesión queremos chegar a un acordo cos representantes dos traballadores para decidir cales son os cambios máis importantes a facer de xeito inmediato e que teñen que ver con disfuncións da última RPT. Ese é o compromiso, temos que falar cos sindicatos e nos seguintes meses acordar un calendario de contidos sobre os cambios a facer para mellorar as condicións do persoal de administración e servizos, e tamén os procesos. De tipo interno que teña que ver coa lexislación queremos abrir un proceso participativo para iniciar o cambio de estatutos, é o asunto de máis calado institucional.