Iván Rivas

Iván Rivas BNG Ferrol

Ferrolterra

Iván Rivas (BNG): ‘O noso é un proxecto político de vangarda, en contexto cos tempos actuais’

O candidato nacionalista á alcaldía de Ferrol cre que tanto o alcalde actual como os ex rexedores que se presentan ‘xa tiveron a oportunidade de aplicar as solucións que consideraban para resolver os problemas da cidade’, polo que este é o seu momento

23 mayo, 2023 17:50

Iván Rivas (A Pontenova, 1976), encabeza por terceira vez consecutiva a lista do BNG para as eleccións municipais na cidade de Ferrol.

É o único dos candidatos das catro formacións con representación actual no Concello (PSOE, PP, Ferrol en Común e BNG) que non foi alcalde, polo que Rivas apela ao cambio a través de propostas como a creación dunha empresa de transporte público municipal, a conversión da parcela do Sánchez Aguilera nun pulmón verde para a cidade ou priorizar a rehabilitación de vivenda sobre a nova construción.

Os teus homólogos na carreira á alcaldía xa foron rexedores da cidade. Cres que o domingo chegará o teu momento?

As persoas ás que fas mención xa tiveron a oportunidade de aplicar as solucións que consideraban para resolver os problemas da cidade. No momento actual se algo precisa a cidade, é un proxecto político diferente, de futuro, adaptado aos tempos e que rompa coas sinerxias do pasado. A alternativa pasa polo BNG. 

Os votos na cidade para a súa formación política rondaron a cifra de 2.500 nas últimas eleccións locais. Superarase a cifra este ano? Notarase o coñecido como efecto Pontón? 

Creo que o Bloque Nacionalista Galego está a incrementar, no conxunto do país, de maneira constante e a longo dos anos o seu apoio social nestas eleccións. E nas que veñen, se vai traducir nun incremento da nosa representatividade nas nosas institucións e é importante que aconteza. É un proxecto de vangarda que precisa dese apoio social para poder efectivizalo e converter Ferrol nunha cidade de referencia para o conxunto do país. 

Cre que as campañas electorais seguen a ter peso na decisión do voto? 

Creo que cada vez teñen máis importancia e o resultado final vén condicionado por este periodo previo ás votacións. Creo que a maneira en que se desenvolven vai mudando co paso do tempo e as organización políticas temos que adaptarnos para intentar transmitir as nosas propostas de forma clara e efectiva. 

Como definiría ao seu equipo da lista electoral?

Creo que é un grupo de persoas representativas de moitos ámbitos e sectores da cidade de Ferrol. Temos a Jorge Jiménez, que é director deportivo do Natación Ferrol e que canaliza esta demanda que existe respecto da situación do deporte na cidade. Temos a Pepe Cunha, referente na cultura e na música de todo o país, a representantes de asociacións de veciños como pode ser a de Recimil no ámbito urbano ou a de Brión no rural e tamén temos un conxunto de rapaces e rapazas que, para min, é moi importante que formen parte da candidatura. O futuro pasa pola xente moza e é importante que exista un compromiso explícito. 

Antes de abordar o programa electoral. Pode facer un balance do mandato?

Máis que facer un balance destes catro anos, gústame mirar cara adiante, a como podemos afrontar o futuro. Creo que se algo precisa esta cidade é romper coas sinerxias dos últimos 12 anos que nos teñen levado ao punto no que estamos. Hai moitos aspectos sobre o que é necesario cambiar a política municipal, a xestión de servizos, a cultura, a relación con outras administracións,… Temos que poñer en valor todos os recursos que esta cidade posúe, que son moitos e dun valor extraordinario. 

Que propostas diferenzan a Iván Rivas do resto de candidatos? 

O noso é un proxecto político diferente, de vangarda, que está en contexto cos tempos actuais e que se traduce en propostas que creo que poderán  facer de Ferrol unha cidade de referencia. Por exemplo, no ámbito urbano o BNG propón tres criterios. Un, priorizar a rehabilitación con respecto á construción de nova vivenda, con máis dun 27% de vivenda infrautilizada, non parece que teña lóxica proxectos no Sánchez Aguilera ou establecer alí un gran centro comercial. O segundo é a creación de zona verde, grandes epsazos onde socializar e facer de Ferrol unha cidade saudábel. Convertir o Sánchez Aguilera no gran pulmón da cidade sería unha decisión extraordinaria. E terceiro crear unha empresa de transporte público municipal. O uso do vehículo particular incrementouse nun 15% desde o ano 2009 e o 50% dos nosos traxectos facémolos nel. Tendo en conta o elevado prezo do combustible e a precariedade do transporte público municipal, a creación desa empresa é unha decisión que garante o dereito á mobilidade, xunto coa mellora das infraestruturas ferroviarias da cidade. 

Por outra banda, é necesario abordar cuestións como mudar a relación que temos con outras administracións. Temos que deixar de ter un posicionamento de dependencia e establecer unha relación de igualdade. Ese é outro dos puntos de inflexión. Somos unha formación política sen ataduras, o que nos permitiría convertir o Sánchez Aguilera nun pulgón verde e non nunha operación especulativa en función dos intereses do Ministerio de Defensa, sobre todo, tendo en conta que non paga por ocupar o 20% da superficie que ocupa, nin polo peirao. 

Debemos recuperar o orgullo de ser de Ferrol, de ser galegos e galegas e o importante é que temos as potencialidades para poder facelo. Temos o castro de Lobadiz por recuperar, referentes como Carvalho Calero, colectivos como o Toxos e Froles, que é o decano dos coros galegos e nos vincula coa tradición musical galega cando o futuro pasa pola combinación do tradicional e do contemporáneo. 

Abro unha paréntese porque acaba de facer alusión a un orgullo que quizais estas semanas se está a ver na cidade máis que nunca co posible ascenso do Racing o sábado.

Axuda a recuperar ese orgullo de ser de Ferrol e este tipo de eventos son importantes para todos como colectivo. O que temos é que complementalo con decisións políticas que fagan que esas sensacións sexan realidade. A cidade ten patrimonio para acadar ese obxectivo en no BNG temos moi claro como facelo. Eventos como Os Maios, San Xoán, Samaín, son actividades que temos que apoiar desde unha administración local co obxectivo de recuperar o orgullo de ser de Ferrol, galegos e galegas. 

Volvendo ao ámbito político, o BNG votou en contra do convenio con Defensa e non era partidario do establecemento de vivenda na parcela do Sánchez Aguilera. Que lle parece o anuncio da construción de 325 vivendas de promoción pública nese espazo?

Aquí o que hai é un proceso de recalificación dun solo que se adopta por un acordo entre PSOE e PP en ferrol, o que lle incrementa valor a ese solo. E tras a recalificación, o Consello de Ministros decide mercar parte desas parcelas cun importe máis alto que se fose previa ao convenio. As preguntas que xorden son por que se a adminsitración estatal tiña vontade de desenvolver ese investimento na cidade, por que non o fixo antes da recalificación e así poderiamos escoller libremente o uso do espazo. E outra pregunta é por que se hai un plan de vivenda avalado polo Consello de Ministros, por que non mercou parcelas xa urbanizadas noutros barrios. Hai máis dun 27% de vivendas inutilizadas, hai parcelas baleiras e parece prioritario investir na rehabilitación e na adecuación funcional de todas as viviendas, con ascensor, por exemplo. E o espazo central, que é o Sánchez Aguilera convertilo no que estaban a demandar os veciños, que é ese gran pulmón verde que vai na liña do que se fai noutras cidades europeas. 

O estudo de saúde urbana en 1.000 cidades europeas do IS Global, sitúa a Ferrol no posto 818 de 868 cidades europeas por porcentaxe de zona verde por habitante e, cumprindo cos estándares da OMS, poderiamos evitar 23 mortes ao ano. Temos os recursos para camiñar nese senso, parece contradictorio que sigamos recorrendo a parámetros de desenvolvemento urbano do século pasado. 

Iván Rivas. Imaxe: BNG Ferrol

Iván Rivas. Imaxe: BNG Ferrol

Que proxectos concretos ofrece o BNG á mocidade?

Está relacionado con todo isto. Temos que pensar en facer políticas transversais. Para que a mocidade decida quedarse ou vir a Ferrol temos que cubrir as necesidades máis básicas, como o acceso a unha vivienda e a xeración de emprego. Se temos 1.000 vivendas publicas temos mecanismos para ofrecer acceso a vivenda a prezos accesibles. 

En emprego parece obvio que tendo o sector naval, non se pode renunciar a unha parte da capacidade de traballo como é a construcción civil. No que ten que ver con políticas máis locais creo que a mocidade precisa lugares de socialización e desenvolver traballos de formación e de coñecemento de moitas das demandas que a día de hoxe nos están a transmitir sobre problemas da sociedade na que viven. E iso son tarefas pendentes dos anteriores gobernos. 

Podes concretar algún deses problemas que vos transmiten e posibles solucións? 

A dificultade para o acceso ao emprego. Non podemos seguir deixando sós áos mozos porque os niveis que teñen de formación son altísimos. Hai que aproveitar ese coñecemento que teñen. Cuestións que teñen que ver coa saúde, orientadas a problemáticas particulares, deberían ser outras das orientacións. O ocio, lugares onde encontrarse, tamén. A xente moza en Ferrol necesita deses espazos e por parte do Concello a día de hoxe non dispoñen deles. Son cuestión que poderiamos facer sen grandes desembolsos económicos nin esforzos administrativos. 

Con respecto ao sector naval que vén de mencionar. Como valora a noticia de hai uns días relativa a que Navantia podería instalar unha planta de ensamblaxe de compoñentes de eólica marina en Punta Langosteira?

En Ferrol a dinámica que levamos sufrindo respecto das decisións que se toman en Madrid, fan que os anuncios que se desenvolver por parte das organizacións políticas estatais teñan moi pouca credibilidade. Que sigamos circunscritos ao ámbito da construción militar ou que se anuncie que as F110 se van desenvolver de forma inmediata cando o levamos escoitando desde 2012, non axuda a pensar que aquí existe vontade de poñer os estaleiros a funcionar. Que vaia haber derivación do traballo a Punta Langosteira forma parte de todo este discurso e anuncios que o único que están a xustificar é o desmantelamento do principal sector productivo desta cidade. 

Temos unha infraestrutura excepcional, traballadores con capacidade, centros de desenvolvemento tecnolóxico, perspectiva de eólica mariña flotante na cal, cando poidamos desenvolver este tipo de produtos e instalalos máis aló de 50 quilómetros da costa, son posiblidades de xerar unha rendibilidade na sociedade. Como a creación dunha empresa pública de enerxía galega que permita reducir o custo da enerxía aos galegos. 

Que esteamos con debates deste tipo despois de décadas do desmantelamento, só queren xustificar o “y tú más” entre o PP e o PSOE, mentres os estaleiros teñen un baleirado de grada maior. Temos os recursos para desenvolvernos en calquera ámbito. Fagámolo e aproveitemos as nosas potencialidades. O futuro pode ser prometedor se desde aquí queremos que o sexa. 

A cidadanía amósase escéptica con que a conexión ferroviaria entre a cidade e A Coruña mellore.

Pode haber cambio na estrutura ferroviaria nos próximos catro anos se existe un goberno liderado polo BNG na cidade e se no Congreso dos Deputados temos representación para presionar ao Estado a que inclúa a partida económica nos orzamentos. E non o digo desde unha perspectiva subxectiva, senón analizando o que ten acontecido no pasado. No 2008 existía unha cantidade orzamentaria para reducir a menos dunha hora o traxecto, e o goberno socialista o deixou nun caixón, mantendo esa situación de illamento. Despois dese goberno, veo o PP coa maioría absoluta, e co PP tamén na Xunta e no Estado, momento no que desenvolveron anuncios que non se concretaron en nada, como o Pacto do Obradoiro. Creo que foi en 2021 cando o ex presidente da Xunta, nunha reunión co anterior ministro de Transportes, afirmou que se incorporaría na axenda. Por parte destas organizacións políticas non hai interese en que sexa realidade. Necesitamos que haxa un grupo forte do BNG no Congreso e que desde aquí se faga presión política. Con esas dúas variables a renovación da infraestrutura ferroviaria pode facerse, pero se falla unha das dúas, seguiremos igual. 

Peonalizar a cidade segue a ser outra das propostas do BNG en Ferrol.

É un camiño inexorable que se leva percorrendo en Pontevedra noutras moitas cidades. A día de hoxe estamos nunha dinámica na cal as cidades se orientan cara á creación de zonas verdes e á búsqueda de lugares de socialización. Desde o 1 de xaneiro deste ano, existe a obriga de desenvolver zonas de baixas emisións en cidades de máis de 50.000 habitantes e a única organización que propuxo algo ao respecto foi o BNG. Seguir desenvolvendo políticas de mobilidade pensando no século XX no é a mellor das decisións. Hai que recuperar o espazo público para todos nós e o pequeno comercio pode ter unha perspectiva de dinamización e de avance, que está demostrado por cidades que xa teñen estes procesos. Se o complementamos coa empresa municipal de transporte, este é o camiño que debemos seguir. Trabucariamonos se escollésemos o criterio do século pasado con taxas por entrar nos centros das cidades ou case que obrigar aos veciños a cambiar o seu coche por un eléctrico, porque estariamos a marxinar a unha parte da sociedade que non pode afrontar economicamente ese cambio. 

Cal é a súa postura con respecto a abrir Ferrol ao mar?

O problema que temos é que aquí ninguén quere falar desta cuestión. O que hai detrás desas murallas é un patrimonio dun valor excepcional e Ferrol ten que medrar cara barrios como Recimil e cara espazos como o que hai detrás desa muralla e que nos conecten co mar. Máis aló do derrubo ou non da muralla, o importante é a incorporación dese espazo á cidade. Se ten que haber espazos con limitación de uso ou acceso, que se teñan, pero parece anacrónico que continuemos con esa barreira física e mental cun elemnto tan singular como é o mar. Se temos en conta que o 20% de todo ese solo non tributa, por parte da administración estatal debería compensarse á cidade e cambiar esa relación de dependencia. 

O BNG, xunto a FeC, apoiou ao PSOE hai catro anos. Que precisa o BNG en Ferrol para pactar con outras forzas de esquerda en caso de que o PP non consiga a maioría absoluta?

A pregunta é o que precisarían outras organizacións para levar adiante un proxecto co BNG. A política é iso: chegar a acordos producto dun diálogo. Quen pense que pode chegar ao goberno e tomar decisións de forma autárquica, está a facer unha política do século XIV ou XV. O futuro pasa polo diálogo e acordo. Eu neste senso alégrome de que o PSOE estea a rectificar algúns dos seus posicionamentos que nos poden levar a puntos de acordo como  que se comprometa a recuperar a concesión ou a xestión do servizo de transporte público municipal, unha demanda que o BNG leva facendo de forma reiterada e parece que o PSOE comparte. É positivo que se rectifique.

Que é o primeiro que fará o 29 de maio?

Dependerá moito do que aconteza o 28. En calquera caso, supoño que manteremos un encontro dentro da organización para avaliar o resultado do domingo e ver como encaramos o futuro desde esta idea que non imos mudar e que é o feito de que nos presentamos coa vontade transformadora de cidade e será o resultado do 28 o que diga que que maneira podemos facer esa transformación.