Hoxe, cando Galicia celebra o seu día grande e unha sucesión interminable de festas -populares e institucionais- inunda a nosa xeografía, reafirmamos o orgullo de ser galegos. O orgullo de pertenza a unha terra, unha cultura, unha historia e unha lingua diferenciadas; a Galicia territorial, delimitada por unha xeografía concreta, e a Galicia universal que habita alí onde reside un galego.
Como todas as familias en todas as festas, tamén neste Día de Galicia facemos memoria e compartimos propósitos de futuro.
Se botamos a vista atrás, o balance tórnase razoable: a calidade vida da nosa xente progresa sen sobresaltos e a polarización que avanza noutras latitudes semella afastada, ben sexa polo providencial "sentidiño" das galegas e galegos ou pola nosa capacidade para centrármonos no que realmente importa.
Como presidente da Xunta de Galicia, recentemente reafirmado nas urnas, o meu compromiso coas galegas e galegos mantense inquebrantable. Gobernar para todas e todos, cumprir coa palabra dada, tender pontes no canto de erixir muros infranqueables e ofrecer solucións en lugar de crear problemas foron, son e serán as liñas definitorias do meu xeito de entender o servizo público.
Nestas máis de catro décadas de democracia e autonomía Galicia avanzou a un ritmo nunca antes coñecido e converteuse nun exemplo para outros territorios. Pero non por casualidade, senón pola capacidade do noso pobo para remar xuntos.
Galicia posúe un patrimonio natural excepcional que temos a obriga de preservar para legalo incluso en mellores condicións que as actuais aos nosos descendentes. Pero Galicia non é un museo, senón unha terra xenerosa en recursos que queremos e debemos aproveitar para convertelos en fonte de riqueza e emprego que proporcione unha maior calidade de vida aos seus habitantes. Se o fan noutros territorios, por que non podemos facelo nós? Falar, por suposto; pero, sobre todo, facer de Galicia unha terra de oportunidades a partir dos medios que poidan resultar de utilidade en cada momento.
Refírome aos recursos naturais, pero tamén ao talento que formamos nos nosos centros educativos coa seguridade de que os galegos do mañá serán quen de seguir abrindo camiños de excelencia en todas a áreas, algunhas aínda por explorar.
A historia demostra que, con boa vontade, nada hai imposible, nin sequera as dificultades que nun primeiro momento poidan semellar insuperables.
Teño dito, e o reitero, que cómpre avanzar na cultura do diálogo, de maneira particular con quen pensa diferente, sen marcar liñas vermellas, sempre con boa vontade na procura de puntos de encontro. Que os hai, seguro, se perseveramos na súa busca. Por nós non ha quedar.
Para os que ollamos o mundo desde a óptica do galeguismo integrador e a democracia liberal, unha Galicia mellor é posible. Sempre. Unha Galicia sen complexos que exerza a súa autonomía con responsabilidade, no marco dunha España constitucional e unha Europa forte, consolidada entre as grandes potencias do mundo contemporáneo, coa paz e o estado de benestar como bandeiras.