Cando comecei o meu mandato como alcaldesa, xamais pensei que teríamos que lidiar cun suceso destas magnitudes. Hoxe hai un ano estabamos a desinfectar o centro cívico de Feans. Foi a primeira de centos de actuacións que decidimos sobre a marcha. Non tiñamos un manual de instrucións, mais inmediatamente nos diriximos ás persoas máis vulnerables e dependentes. Recordo os primeiros meses en que acatabamos medidas todos os días porque aparecían novas frontes segundo íamos avanzando na procura de asistir as necesidades máis básicas. Recordo tamén que convocamos á cidadanía para crear un servizo de voluntariado que se completou en horas. 500 persoas axudaron en tarefas básicas como ir ao super, a farmacia… Todos eles e máis os voluntarios de Protección Civil e os integrantes dos equipos de atención social supoñeron unha presenza amiga en centos de fogares.
Foron moitas horas de traballo, de medo, de preocupación pero tamén de esperanza. Non podíamos perder a esperanza e, sobre todo, non podiamos deixar de transmitirlla á veciñanza. Pese a inexperiencia e a incerteza dun virus que nunca nos atacara, creo que logramos estar á altura e moitas das políticas e axudas adoptadas foron inspiradoras para outros municipios. O programa de canguraxe para nenos con contactos positivos, a liña telefónica Acompáñate para combater a soidade, o programa Ninguén atrás en que repartimos deberes entre as crianzas… Mais había un sector da poboación sen cubrir: as persoas sen teito. Desde Benestar Social contactaron coas veciñas e veciños sen fogar e habilitamos un dispositivo de emerxencia en Riazor en que atoparon acubillo, roupa limpa, comida, asistencia médica e cama.
A inactividade acendeu outra nova alarma: a económica. Neste punto, urxía tomar determinacións en que reducirmos os trámites ao máximo. Dialogando chegamos a un consenso coas demais forzas políticas e en xuño fomos pioneiros na aprobación dun plan de recuperación económico e social, do que se beneficiaron 4.000 persoas autónomas e micropemes. O PRESCO, valorado en 14,4 millóns de euros, incluiu subvencións directas á hostalaría, ao comercio de proximidade e á cultura. Esta última foi unha das nosas prioridades e desde o primeiro momento apostamos por unha cultura segura. É indispensable. Como indispensable foi na desescalada adoptarmos unha serie de actuacións para favorecer as saídas e paseos da nosa veciñanza. Tiñamos que lles garantir seguridade, así que ampliamos os espazos peonís, reducimos a velocidade do tráfico rodado e instalamos carrís para corredores. Soubemos entón que as contornas máis próximas debían estar equipadas con todos os recursos básicos co fin de mellorar a calidade de vida dos nosos. E seguimos levando esta premisa adiante. A pandemia confirmounos que debemos dispór de espazos públicos que favorezan a vida social nos barrios, corredores verdes e rúas peonalizadas onde prime o cidadán por riba do vehículo.
Hoxe podemos falar de medidas pioneiras, de axudas directas aos sectores máis castigados e dun novo plan que estamos xestando, adaptado ao momento actual co fin de que ninguén quede atrás. Por desgraza, perdimos a moitos veciños neste ano de pandemia, máis de 500 persoas morreron na área sanitaria coruñesa sen que puideran tan sequera despedirse dos seus queridos. Son 500 familias rotas, tocadas para sempre por un virus que segue estando. Non marchou polo que non podemos deixar de coidarnos e protexernos até que esteamos completamente inmunizados. Onte mesmo aprobaron unha cuarta vacuna. As cifras de persoas infectadas baixaron, non ao ritmo que quixeramos, pero non teñen nada que ver coas que tiñamos en febreiro. As novas que nos chegan invitan por fin á esperanza.